Xente Marabillosa

A finais dos anos 80, nos primeiros tempos da TVG, podiamos ver na pequena pantalla unha serie de televisión norteamericana titulada Xente Marabillosa (Whiz Kids na súa versión orixinal)...

A finais dos anos 80, nos primeiros tempos da TVG, podiamos ver na pequena pantalla unha serie de televisión norteamericana titulada Xente Marabillosa (Whiz Kids na súa versión orixinal) que inspirábase nunha película de éxito na época, Xogos de Guerra, para contar as aventuras dun grupo de mozos (un gafotas, un malote, un negro e unha rapaza feitiña… ¿alguén dixo tópico?) que facían de detectives que atrapaban a criminais valéndose en numerosas ocasións das súas habilidades informáticas.

RALF era o super ordenador que podiamos ver en Xente Marabillosa

O protagonista de Xente Marabillosa, Richie Adler (Matthew Laborteaux), fillo dun enxeñeiro de telecomunicacións, tiña un ordenador ao que ía incorporado compoñentes que lle remitía o seu pai dende o estranxeiro, dando lugar a RALF, un potente equipo que podía recoñecer caras, tiña un modem e incluso un sintetizador de voz. Cómpre comentar que non se trata dun ordenador comercial real, aínda que na serie si podían verse ordenadores da época como o Apple II e incluso un portátil Gavilan SC de 1983.

Na serie podiamos ver ordenadores da época como un Atari 1200XL

Como curiosidade destaca o feito de que a integrante feminina da panda aventureira, Andrea Elson, interpretase anos despois o papel de Lynn Tanner na serie ALF (RALF, ALF… ¡a mesma merda!), aínda que á meirande parte da xente resultaríalle máis familiar o rostro de A. Martínez, actor que interpretaba o papel de Cruz Castillo na eterna serie Santa Bárbara.

A serie conseguía que o frikismo tecnolóxico parecese atractivo, pero non foi capaz de manterse en antena durante máis de 18 episodios, polo que practicamente permanece no esquecemento, sendo o máis memorable a súa sintonía, baseada no primeiro movemento do Concerto de Piano nº 21 en C Maior de Mozart:


¿Lembrades esta curiosa serie de cando na Galega botaban Manimal, Buck Rogers no século XXV e series polo estilo?

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS