Prometheus: a nova Avatar

Con bastante retraso (para non coincidir a súa estrea coa Eurocopa) chega aos cines españois a película Prometheus, ambientada no universo de Alien, e tomado como unha precuela de...

Noomi Rapace
Con bastante retraso (para non coincidir a súa estrea coa Eurocopa) chega aos cines españois a película Prometheus, ambientada no universo de Alien, e tomado como unha precuela de Alien, el octavo pasajero, aínda que realmente non sexa así. Van xa 33 anos dende a primeira película da franquía, e para retomala volvemos a ter a Ridley Scott ao temón, pero non podemos esperar unha película de terror espacial, senón que agora estamos ante toda unha superprodución da que admito que quedei encantado, non pola súa predicible historia (chea de buratos) senón pola súa proposta visual.
Michael Fassbender
Estamos, sen lugar a dúbidas, ante a mellor película en 3D dende Avatar, película coa que coincide en moitas cousas: ambas presentan a humanos noutros planetas, abusan de ordenadores con interfaces holográficas para que se note moito a profundidade, teñen unha trama que non sorprende a ninguén… ¡e entran polos ollos dun xeito difícil de explicar!
Cando chegou Avatar aos cines eu só podía dicir que había que ir vela en 3D, porque en 2D só se apreciaría unha mestura de Ferngully e Bailando con lobos, pero a súa experiencia audiovisual era imprescindible. Con Prometheus digo o mesmo: se queres ver unha película que faga un bo uso da estereoscopía, pasa de Spider-Man e vai directo a esta peza, que logra hipnotizar xa coas primeiras secuencias de natureza. Vaia, que o filme non só ten bos efectos especiais, senón que coidaron moito a sensación de profundidade, que sen ter que lanzar obxectos á cara do espectador sabe transmitir algo que poucas veces consegue o cine 3D, que tende a decepcionar, facendo que cando saímos da sala de proxección pensemos que poderiamos ter aforrado o recargo no prezo.
Ah, e nos trailers tamén puiden ver o avance de El Hobbit, e tamén parece que conseguiron unha sensación 3D moi convincente (xa veremos en decembro se é así).
Arquitecto
Pero falar da película sen destripala é difícil, así que contarei detalles moi superficiais, como que Michael Fassbender, coa súa interpretación do androide David soubo quedar á altura do Bishop de Lance Henriksen; que a meirande parte dos actores pouco coñecidos conseguiron pasar totalmente desapercibidos (dá a impresión de que buscaban non crear empatía para non sentir logo a súa perda); e que os personaxes chamados Enxeñeiros lembrábanme moito ao Brainiac dos comics de Superman (agás pola cor da súa pel):
Brainiac debuxado por Gary Frank
Ah, e tamén que resulta bastante difícil de crer que no ano 2089 quede xente vendo Lawrence de Arabia. Espero que para aquel entón conseguisen que pasase a quedar libre de dereitos de autor. 😀
Momento machado en Prometheus
Sobre Noomi Rapace teño que admitir no seu papel como a doutora Elizabeth Shaw convenceume totalmente como unha nova Ripley, aínda que o feito de que a fixeran pasear pola nave correndo desesperada en roupa interior parecía un recurso demasiado descarado para establecer semellanzas. Iso si, cando noutra ocasión colleu un machado deume un pouco a risa, pois xa parecía que ían a imitar a El Resplandor ou a algunha película de terror de serie B.
Charlize Theron
Por último, non podo evitar comentar unha cousa. ¿Por qué non sae na montaxe final a escena de sexo de Meredith Vickers e Janek? Ver a Charlize Theron en 3D suando sen facer flexións tería o seu aquel. 😉

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS