Esta semana coincidín nos estudos de A Coruña da Radio Galega con Manuel Vicente, do programa Efervesciencia, e comentamos os anuncios de Colchóns Vedirbal que estes días están a anunciar como sistemas de descanso, e que a todas luces son unha tomadura de pelo, pois prometen efectos curativos.
¿Alguén pode crer que por pasar a noite nun colchón GoodNight elimínase o estrés e os calambres, combátese a dor e mellórase o rego sanguíneo? Ah, si, é que ten unha base magnética incorporada e un dispositivo de magnetoterapia. Vaia, un invento tan fiable como as famosas pulseiras Power Balance.
Para dar máis credibilidade ao asunto, teñen un impresionante vídeo en YouTube que podería terse convertido nun viral, pero que non conseguiu relevancia pese a levar máis de 5 anos na web (e terse gravado hai 7 anos, polo que supoño que antes emitiríase nalgunha canle de televisión local):
Non entendo como é posible que emisoras como a Radio Galega ou RadioVoz pasen polo aro deste tipo de publicidade enganosa, na que timan aos consumidores con supostos efectos beneficiosos baseados en medicinas alternativas, e que como moito poden conseguir un caro efecto placebo.
E coidado coa magnetoterapia, ao parecer pode afectar ao funcionamento dos marcapasos e prexudicar aos embarazos, o que supoño que se comenta para dar a impresión de que ten resultados médicos, pois dubido que teña ningún fundamento científico. Vaia, que supoño que non hai diferenza práctica entre ter un deses chintófanos de Vedirbal debaixo do colchón con ter unha radio na mesiña de noite (os altofalantes teñen imáns, así que tamén deberían provocar os mesmos resultados positivos e negativos, ¿non?).
Debe estar conectado para enviar un comentario.