Entrevístanme en El Correo Gallego

Nos últimos días non podo máis que agradecer o apoio que están a amosar moitos medios de comunicación ao noso traballo na revista Código Cero. Así, a semana pasada,...

Entrevista en El Correo Gallego
Nos últimos días non podo máis que agradecer o apoio que están a amosar moitos medios de comunicación ao noso traballo na revista Código Cero. Así, a semana pasada, dende Culturagalega.org tiveron a ben contactar comigo para dar a miña opinión sobre o estado das aplicacións móbiles en Galicia nun interesantísimo artigo no que fan un bo retrato do fenómeno, o que practicamente coincidiu no tempo cunha .
A entrevista publicada onte na edición impresa de El Correo Gallego foi unha grata sorpresa, especialmente polo feito de vir reseñada na portada do xornal compostelán.
Quen tivo a ben facerme a entrevista non foi outro que Xabier Sanmartín Cuevas (quen entrevistara ao profesor José Luis Orihuela hai poucos meses), e unha blogueira do mesmo xornal, Arantxa Serantes, tamén aproveitou o seu texto para rendernos unha homenaxe. Moitas grazas a ambos.
Como a edición en papel do diario xa non está dispoñible nos quioscos, e na web non pode lerse o texto íntegro, publico aquí unha transcrición:

“Antes, cando saíu o primeiro iPhone, a xente preguntábame o que tiña na man”

MARCUS FERNÁNDEZ Webmaster e subdirector da revista Código Cero

Marcus Fernández é dos profesionais galegos máis curtido nas novas tecnoloxías, augas que hoxe o bañan todo pero que no 2001, cando non había YouTube, nin Facebook, nin Twitter, el xa navegaba. Coñecémonos ao traballar na etapa inicial do Correo TV, e dende a súa labor como subdirector de Código Cero, hoxe repasa para EL CORREO GALLEGO a evolución de dita revista ao cumprir os seus 10 anos. Retrata ademais o desenvolvemento tecnolóxico logrado en Galicia.

En que foi cambiando o interese dos lectores?

Houbo un desprazamento… O PC deixou de ser o centro da atención para dirixirse todas as miradas á Internet e, xa nos últimos anos, á mobilidade. Cada vez a tecnoloxía está a verse máis como unha ferramenta, iso facilita un público máis variado, aínda que o principal valor que temos é o feito de que o sector TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación) galego medrase e collese forza, xa que ao sermos o único medio especializado no mesmo, fai que os seus axentes estean pendentes do que publicamos. Non é así moi importante o noso número de lectores, senón o feito de que é rico en estudantes e profesionais galegos que contan con nós para informarse e para dar a coñecer as súas actividades.

Como variou o traballo á hora de xestionar información?

Aínda que dende o comezo centramos o noso fluxo de traballo na Internet, o volume de novas coas que traballamos é cada vez maior, o que tamén supón un importante atranco. Agora non temos que esforzarnos para atopar información do sector tecnolóxico en Galicia, senón todo o contrario. Pasamos de escribir sobre tecnoloxía no mundo, reservando un pequeno espazo a iniciativas galegas, a facer xusto o contrario…

Qué liñas deben destacarse en Galicia en relación ao logro das TIC durante eses 10 anos?

As iniciativas para loitar contra a fenda dixital no rural foron do máis destacable… o que se traduciu tanto na mellora de infraestruturas para levar a Internet máis aló dos grandes núcleos de poboación como á evanxelización a través da formación e da creación de servizos que hoxe vemos tan naturais como a cita médica a través da web.

Que fenómeno destacaría do chorro de novidades?

O fenómeno das plataformas de redes sociais coma Facebook ou Twitter pilloume por sorpresa. Parecíame complicado que os usuarios da rúa adoptasen con tanta intensidade e en tan pouco tempo unhas ferramentas que noutros tempos quedaban relegadas aos amantes da tecnoloxía. Tamén a popularización dos smartphones foi abraiante. Lembro que cando eu facía uso do meu iPhone (o primeiro modelo, que non chegou a comercializarse en España) a xente preguntábame o que tiña na man, e tras a chegada do iPhone 4 resulta case imposible non atopar a alguén utilizando un dos móbiles de Apple en calquera cafetería concorrida.

Que debe mellorar na saúde deste sector en Galicia?

O acceso á Rede no rural (mesmo nos suburbios das cidades), a creación de servizos que os cidadáns desconectados consideren de interese, a proliferación de contidos en liña por e para os galegos (estamos a vivir unha crise moi importante a este respecto) e o fornecemento das empresas do sector a nivel económico, pois aínda que hai moitos proxectos interesantes, a captación de financiamento segue a ser un atranco difícil de superar lonxe dos centros de decisión internacionais.

Como é hoxe esa Galicia 2.0?

Temo que a situación non está a altura do agardado. Hai uns anos tiñamos unhas expectativas moi boas, co xurdimento do chamado Blogomillo e numerosos proxectos de comunicación na Internet en galego, pero moitos esmoreceron, e agora temos unha importante carencia de contidos na nosa lingua. É algo que temos que solucionar entre todos. Cómpre subliñar que non é preciso crear plataformas galegas para a difusión de contidos, pois podemos galeguizar o uso das actuais, coma se fixo coa tradución da interface de uso de Facebook. Non precisamos dun YouTube en galego, senón que o que debemos facer é encher YouTube de vídeos en galego, e gañar a pulso un espazo na web, o que esperemos que sexa aínda máis visible en 2013, cando é posible que teñamos dominio para a lingua e a cultura galegas (o .gal).

Caducarán as redes sociais?

Non estamos ante unha moda, senón ante un cambio de paradigma. Ata o momento os medios de comunicación difundían contidos e os usuarios consumíanos, pero agora calquera é emisor e receptor de información, o que non vai mudar. Iso tampouco supón a desaparición das canles de lecer consideradas como pasivas. Pode que esteamos a sobrevalorar a audiencia dalgunhas canles (o consumo televiso é moi superior ao de, por exemplo, YouTube) e teremos que deixar pasar varios anos para colocar as cousas en perspectiva, aínda que do que non teño dúbida é de que o futuro é unha cidadanía conectada, especialmente grazas ás plataformas móbiles.

Para rematar tamén quero agredecer os comentarios que fixeron moitos amigos a través de Twitter, Facebook e móbil para dar conta de que viran a entrevista. Pilláronme nun momento persoal no que os folgos foron especialmente benvidos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS