Un dos asuntos máis polémicos en Melide nos últimos anos foi o derrubamento da Casa da Cultura para unha reforma que se disparou tanto en orzamento como en prazo...
Un dos asuntos máis polémicos en Melide nos últimos anos foi o derrubamento da Casa da Cultura para unha reforma que se disparou tanto en orzamento como en prazo de execución, lembrando aos veciños o que pasou coa Cidade da Cultura do monte Gaiás, e que nos vindeiros meses vai chegar á súa fin segundo podemos ler na páxina web do Concello:
INVESTIMENTO DE 340.000 €
Últimas actuacións do Concello de Melide para a apertura do auditorio da Casa da Cultura no mes de maio
O goberno local prevé abrir ao público a zona do auditorio no mes de maio grazas ao bo avance das obras.O equipo de goberno ten xa asegurado o investimento de 500.000 € para o remate total da instalación, procedentes dos orzamentos do Estado.
As obras da Casa da Cultura de Melide avanzan a bo ritmo, e agárdase que no vindeiro mes de maio poida abrirse xa ao público a zona máis demandada, que é a do auditorio, patio de butacas e escenario. A correspondente á sala de exposicións xa está rematada hai máis de un ano.
Estes momentos as actuacións da empresa adxudicataria que realiza os traballos céntranse na posta a punto da parte que máis urxe tanto ao Concello como a todas as ANPAS e asociacións de todo tipo, dado que nestes momentos carécese dun local no que poder realizar actos culturais, conferencias con grande aforo, teatro, etc.
Esta nova fase da Casa da Cultura conta cun investimento de 340.000 €, que o goberno local acadou a raíz dun convenio asinado coa Deputación da Coruña. O equipo de goberno realizou unha modificación moi importante no proxecto destinada ao máximo aproveitamento do espazo desta inmensa estrutura. Así, onde o proxecto inicial do ano 2003 contemplaba un foso para músicos debaixo do escenario, o proxecto que se está executando nestes momentos consiste en habilitar nese amplo espazo unha gran aula de baile posto que non ten ningunha columna que dificulte esa actividade, e sobre ela (tapando o foso de músicos), un segundo escenario moito máis pequeno que o escenario principal.
Desta maneira, o auditorio da Casa da Cultura de Melide contará con dous escenarios que poden usarse de xeito independente: un máis pequeno, que se creará sobre o que antes se concibía como foso de músicos, e que será empregado para actos máis íntimos que precisen un maior achegamento ao público; e o grande escenario principal.
Dende o equipo de goberno, a alcaldesa, Socorro Cea, amosouse “moi satisfeita polas modificacións realizadas no proxecto, e que aínda que moi laboriosamente, conseguen transformar unha obra faraónica e improcedente para Melide nun espazo moi aproveitado centímetro a centímetro”.
Esta fase que estes días está a piques de rematar é xa a terceira que executa o actual equipo de goberno e que supuxo un investimento de 1,3 millóns de euros neste mandato. Antes desta fase, investíronse xa 315.000 € para a reanudación das primeiras obras logo de seren paralizadas en 2006 polo anterior goberno local. A finais de 2009 investíronse outros 600.000 euros procedentes do Plan E, e que se destinaron a traballos de electricidade, saneamento, climatización, fontanería así como os de albanelería correspondente aos baños, despachos, camerinos, etc. A actuación levouse a cabo en 1.200 metros cadrados e rematouse a comezos de 2010.
A rexedora melidense amosouse “confiada en que Melide poida por fin contar cunha instalación para actos de todo tipo” e lembrou que “aínda que este equipo de goberno nunca estivo de acordo con que se derrubase a anterior Casa da Cultura polo Partido Popular hai oito anos, agora estamos traballando intensamente para que a nova instalación sexa o máis realista, funcional e aproveitable posible”.
O goberno de Melide conseguiu tamén que se incorporase unha partida de 500.000 € nos orzamentos do Estado (dentro do Ministerio de Cultura) para rematar por completo esta infraestrutura. Estase pendente de asinar en breve o correspondente convenio co Ministerio de Cultura.
Unha mágoa que non chegase o remate da obra antes da campaña electoral, pois o sitio era propio para moitos dos actos políticos.
Iso si, aparte do remate da obra, agardo que dean un bo lavado exterior ao edificio, que está todo porco e envelleceu moito nos moitos anos da súa execución.
Polo momento xa vai a cousa co derrubamento do transformador eléctrico de Gas Natural-Fenosa na rúa:
ELIMINACIÓN DO FEÍSMO
O Concello de Melide elimina o feísmo na rúa Galicia co derrube dun tranformador de formigón
Logo de tres anos de negociación con Fenosa, a empresa eléctrica accedeu ao derrube dunha torre de formigón que marcaba negativamente o feísmo da rúa.
O equipo de goberno de Melide acometeu esta mañá unha mellora aparentemente simple, pero de longas negociacións para a súa execución. Trátase da retirada do transformador de formigón que a empresa eléctrica Fenosa tiña instalado a carón da Casa da Cultura, e que se atopaba neste emprazamento dende hai 50 anos.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Manuel Prado, asistiu esta mañá ao derrubamento da torreta e ao novo emprazamento dos servizos que esta prestaba, nun habitáculo instalado para ese fin no interior da Casa da Cultura. O concelleiro amosouse satisfeito de que “por fin poidamos facer uso desta beirarrúa sen o obstáculo que supoñía esta torre, e cuxa demolición era unha vella e constante demanda da veciñanza”.
O edil socialista afirmou tamén que “é un xesto pequeno pero un importante avance na eliminación do feísmo urbanístico nunha zona que ademais acaba de ser completamente remodelada e que conta agora cunhas beirarrúas amplas e cómodas”.
O que si impresiona e o derrubamento da torre de formigón captado polas cámaras de Dez TV:
Esperemos que nuns poucos meses, todo iso pase ao esquecemento, e poidamos gozar dunha Casa da Cultura como fixemos con normalidade durante menos anos dos desexables (as obras están a durar case tanto como o seu período previo de actividade).
Admito que este ano quedei moi positivamente coa boa acollida que tivo a XXVI Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de Melide, pois tras un sábado con moi...
En Melide podemos congratularnos polo feito de que este sábado pola noite a Casa da Cultura vai converterse no escenario dun espectáculo das Cantareiras de Ardebullo, Nucha e Mucha,...
Non é ningún misterio que boa parte da prensa tradicional perdeu o rumbo na Internet e sucumbiu ante a praga do clickbait e dos contidos amarillistas co único obxectivo...
Dado que a pasada fin de semana celebramos o 25º aniversario da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de Terra de Melide, toca facer un pequeno repaso, e...
Debe estar conectado para enviar un comentario.