Que trema a Wii, chega Kinect

Si, o da foto son eu probando o novo accesorio para a Xbox 360, pois onte tiven a fortuna de poder probar o trebello nun evento organizado por Microsoft....

Marcus Fernández xogando a Kinectimals
Si, o da foto son eu probando o novo accesorio para a Xbox 360, pois onte tiven a fortuna de poder probar o trebello nun evento organizado por Microsoft. Antón Lezcano (presentador de Turkía en Localia Coruña) vén de avisarme de que publicaron esa imaxe en La Opinión… ¡¿non poderían ter pillado a algún dos rapaces novos que xogaban ou a algunha das azofaifas?!
O caso é que así tamén teño unha desculpa para falar por aquí do tema (que xa comentei onte en Código Cero), e confirmo que Kinect ten moitos ingredentes para converterse no éxito do Nadal (supera sobradamente a experiencia de xogo de PlayStation Move, que é demasiado semellante á da Wii, consola que por outra banda teno difícil para seguir vendendo por estar presente en moitísimos fogares), sempre que saiban promocionalo ben.
Na presentación a xente fixo bastante o mono, pero a impresión xeral que levamos os asistentes é que estabamos ante un xeito sinxelo de divertirse:

Diversidade de xogos para un público ocasional
Si, o Dance Central vai ser o xogo estrela de Kinect, pois supón unha revolución absoluta nos xogos de baile, que garante a diversión nas festas, aínda que ten o atranco de que a moita xente dálle vergoña bailar en público (ao igual que tamén acontece con xogos coma SingStar ou Guitar Hero). Tal é a confianza de Microsoft no produto que venden o Kinect co xogo Kinect Adventures (que facilita xogar en parella, polo que é ideal para introducirse nesta tecnoloxía como ferramenta de lecer social) e non co xogo de baile (sería coma se na Wii houbese que adquirir o Wii Sports aparte, ou como se a Game Boy no incluíse inicialmente o Tetris), pero iso tamén serve para que o público comprenda que o Kinect non é só un Dance Revolution avanzado. De feito, na demostración puidemos experiemntar distintas modalidades de xogo: birlos (moito mellor que o equivalente de Wii Sports), fitness (podendo ter un adestrador persoal ou simplemente xogar repartindo mamporros ao aire), baile (¡Funkytown! ¡Funkytown!), coches (aínda que non o pareza, xogar a esa especie de Mario Kart sen mando que é Joy Ride resulta divertido), mascotas (Kinectimals é precisamente o xogo que estou a probar na foto, e que vai destiando a un público infantil, achegando unha experiencia moito máis completa que os populares Nintendogs), volleyball (agardemos que a xente non tome moi en serio este xogo ou vai haber moitos lesionados de dios), tenis de mesa (neste caso coido que o uso de mandos resultaba bastante intuitivo, polo que Kinect non supón unha vantaxe especial) e incluso correr sen moverse do sitio (toda unha frikada).

A tecnoloxía de Kinect
O sistema empregado por Microsoft consiste nunha cámara con sensores de movemento e micrófono, capaz de rexistrar en 3D a imaxe dos xogadores para reproducila no xogo, aínda que ten certas limitacións que pode que fosen mal interpretadas nos últimos meses:
– No que a espazo se refire, ao final non é preciso afastarse tanto do televisor coma se rumoreaba, e a distancia óptima da consola é de 1,8 metros. O que pasa é que como nalgúns xogos hai que andar saltando, moverse aos lados ou dar labazadas e patadas ao aire, recoméndase liberar de obstáculos o salón, non pola tecnoloxía en si, senón polo perigo de romper a crisma 😉
– Calibrar a cámara é máis doado e rápido que co Wii MotionPlus ou co PlayStation Move, pois chega con erguer a man sobre a cabeza. Iso si, advertiron moito que hai que deixar que sexa a propia cámara a que enfoque ao usuario, pois se forzamos a súa orientación vertical manualmente podemos rachala.
– Na precisión podo asegurar que funciona bastante ben (nuns xogos mellor que noutros), aínda que é certo que ten algo de retraso (como tamén acontece cos sistemas de Nintendo e Sony) e que para xogar hai que procurar evitar levar prendas que poidan confundir á máquina (como saias longas, bufandas…).
– Sobre o recoñecemento de voz, pese a que comentouse que a Xbox 360 só entendería o mexicano, o certo é que esa é unha funcionalidade en desenvolvemento, de xeito que haberá que agardar á primavera para que lancen unha actualización (descargable de balde, claro) que activará o recoñecemento de voz en castelán, para poder así dar ordes á consola en viva voz. Deste xeito, se estamos a ver unha película e queremos ir ao baño podemos dicir Xbox para e evitamos ter que andar a buscar o mando polo salón.

É compatible co Windows Live Messenger
Nas presentacións de Kinect que hai por toda España parecen estar a obviar unha das grandes posibilidades que abrirá o feito de ter unha cámara conectada á consola de videoxogos, coma é o feito de que poidamos conectarnos ao Messenger e facer videoconferencia dende o salón. De feito, a propia cámara de Kinect recoñeceranos, de xeito que moverase para ternos sempre enfocados aínda que esteamos a desprazarnos polo salón durante as nosas comunicacións en vídeo, o que tamén pode aproveitarse para compartir fotografías en tempo real. Vaia, que non só poderemos establecer videochamadas entre consolas, senón que tamén podemos chegar aos ordenadores, o que podería resultar moi atractivo para o público que non controla moito de tecnoloxía (pois os menús da Xbox 360 son moi intuitivos para facer tal).

Os prezos
Unha das grandes dúbidas que teño sobre Kinect é se os usuarios actuais da Xbox 360, afeitos a gozar do Halo e o Gears of War van gastar 150 euros en mercar o Kinect, pois a consola de Microsoft caracterízase por contar cun público moi hardcore, pero o que si parece que vai trunfar é o paquete que inclúe a Xbox 360 con 4 Gb de almacenamento (máis que suficiente para gravar as nosas partidas) e o Kinect por só 300 euros, xa que tería un prezo moi semellante ao da Wii no seu lanzamento, o que fai que o público en xeral estea a percibir Kinect como unha consola. Isto parece un grande acerto de Microsoft, xa que deste xeito os pais non asociarán este produto cos xogos de tiros, e animaranse a mercar o novo xoguete de Microsoft sempre que nos vindeiros días teñan a ben metelo polos ollos de todos os cidadáns a través da televisión e dos distintos medios dispoñibles.
O Kinect chegará ás tendas españolas o vindeiro 10 de novembro, pero os que queiran probalo en vivo antes poderán achegarse os días 5 e 6 de novembro ao centro comercial Dolce Vita para poder gozar desta revolución que impresionará aos consumidores menos afeitos aos videoxogos e que promete converterse nun complemento imprescindible para as festas de cumpreanos.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Videoxogos de papel

    A nostalxia ten moita forza, e de cando en vez serve de inspiración para fermosas marabillas, como o vídeo de Eric Powers no que fixo un repaso da historia...
  • Queremos tarifas planas de banda deseñada?

    Non hai dúbidas en que estamos chegando a un momento no que as plataformas de subscrición para acceder a contidos baixo demanda saturan a calquera, sendo impensable que un...
  • ExpOtaku meets Zona Otaku

    A semana pasada sobrevivimos a unha edición máis de ExpOtaku, encontro que non sei como fai para xuntar cada ano a máis xente. Eu só puiden achegarme o venres...
  • En Suíza tamén hai cosplay

    Que actualmente hai convencións fikis por todo o mundo non é ningunha sorpresa, pero sorpréndeme non ter escoitado nunca falar da que montan en Basilea, pois «a Comic Con...