A experiencia informática nos currículos

Todos entendemos que na busca de traballo hai que buscar oportunidades ata debaixo das pedras, pero coido que as formas poden ter un peso importante na desacreditación directa dunha...

Todos entendemos que na busca de traballo hai que buscar oportunidades ata debaixo das pedras, pero coido que as formas poden ter un peso importante na desacreditación directa dunha persoa, e ao igual que alguén pouco aseado será rexeitado de inmediato, os empregadores tenden a pensar que unha persoa que non mima o seu curriculum vitae fará o mesmo nos seus traballos futuros.

Isto coméntoo porque acabo de atopar na bandexa de correo lixo un currículo non solicitado dun deseñador gráfico (que remitíu dúas mensaxes repetidas, esquecendo na primeira o documento adxunto), polo que déuseme por mirar de quen era por se acaso. Loxicamente o feito de que a mensaxe fose considerada como spam xa indica a onde están a ir a parar as ducias de mensaxes que remite o home, pero o documento adxunto tamén o invalidaría antes dunha entrevista persoal, por cousas como a seguinte:
detalle dun currículo
Como vedes, a listaxe de aplicacións informáticas que coñece o individuo presenta varios defectos significativos que van dende a súa maquetación totalmente absurda (está a dúas columnas, dando a impresión de que a columna da esquerda corresponde a categorías), mestura aplicacións de uso doméstico con aplicacións profesionais (ou cita ao obsoleto WordPerfect) e, o peor de todo, escribe mal os nomes de varias aplicacións, o que entra en contradición cos coñecementos altos que se aseguran.
Vaia, que están mal postas as maiúsculas de varios nomes de programas, cólase un b por un v, e incluso figura o que parece unha aplicación de karaoke de Adobe (Indesing); fallos que non debería cometer unha persoa que ve día tras día o nome dunha aplicación na pantalla do seu ordenador.

Non pretendo ser cruel, e non comentaría isto se non fose algo que aparece en máis da metade de currículos que vexo. Por iso, se alguén dos que está a ler estas liñas está a buscar traballo, recoméndolle que revise ese apartado do seu curriculum, pois pode parecer insignificante, pero para algúns chega a ter tanta importancia como unha boa ortografía.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS