Estréase V Televisión

O pasado sábado no programa Banda Ancha da Radio Galega tivemos a honra de falar con Fernanda Tabarés sobre o lanzamento de V Televisión este domingo: Si, si… que...

O pasado sábado no programa Banda Ancha da Radio Galega tivemos a honra de falar con Fernanda Tabarés sobre o lanzamento de V Televisión este domingo:


Si, si… que a TVG vaia botar en breve a serie V ata semella un exemplo de sinerxía, pero non deixa de ser pura casualidade. Iso si, gusto de saber que a intención de V Televisión é procurar cumprir co mínimo de horas de emisión en galego que prevé a súa concesión administrativa, algo que dende Popular Maria Visión Galicia están a desprezar totalmente (non remato de entender que lles deran unha licenza de ámbito autonómico).

No tocante á estrea da canle esta noite, a cousa principiou bastante ben:

Os grafismos son bastante atractivos, e os programas semellan ter certa variedade e un bo nivel técnico, polo que a entrada de V Televisión parece fuxir do cutrerío que estamos afeitos a ver en canles de ámbito local.

A mágoa foi que, tras as promocións da programación que poderemos ver nos vindeiros meses, chegou a primeira entrega de The Wire e fixeron a inmensa burrada de deformar as proporcións do vídeo, de xeito que víase coma o carallo. Agardo que fose un accidente e que non repitan tal trapallada, pois o único aceptable á hora de emitir contidos 4:3 na actualidade é sinalizar correctamente a emisión (de xeito que os televisores adáptanse ao formato) ou emitir sempre en 16:9 de xeito que os contidos en panorámico enchen a pantalla horizontalmente mentres que as gravacións 4:3 presentan bandas negras aos lados (o que se coñece coma pillarbox e que é a opción pola que xa optan canles coma TV3).
¿Por qué a opción que elixiron en V Televisión para The Wire foi a peor? Pois simplemente porque a xente que ten televisores panorámicos veu a imaxe deformada, mentres que os que teñen televisores 4:3 non só vían a imaxe deformada, senón que tamén tiña bandas negras, algo que poderían evitar se a emisión fose en pillarbox configurando o seu receptor de TDT para que faga pan & scan.

Mañá vai ser un día interesante, pois poderemos non só ver máis programa de V Televisión, senón tamén comprobar cómo vai iso dos informativos cada hora ao máis puro estilo da radio.
Tamén teño curiosidade por ver o debate Vía V. ¿Retomará o espírito do Al Final del Día de RadioVoz? Gustaríame que fose así, pois boto en falta tal programa (especialmente a súa etapa con Gerardo González Martín).

O que promete ser digno de ver é a tempada que vén, non só porque é de agardar que comece a maduración da nova canle, senón porque incluso a TVG podería reaccionar á nova oferta audiovisual. Está claro que unha canle é privada e outra pública, pero o que non tería moito sentido é que houbese contraprogración ou dupricidade de espazos, de xeito que parece razoable que miren de ter unha grella diferenciada, o que beneficiará á audiencia, que teremos máis onde elixir.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS