O Ministerio de Industria a través de Red.es e en colaboración con Tractis está a repartir dende hoxe un total de 300.000 lectores de DNI electrónico cobrando só polos mesmos 2 euros en concepto de gastos de envío (estes trebellos custan normalmente entre 18 e 42 euros).
Dende aquí quero instarvos a solicitar o voso propio dispositivo xa que no futuro pode resultar de utilidade. Trátase dun trebello que se conecta ao PC por USB e no que podemos inserir o noso DNIe (se non o tedes, tranquilos, que ao renovar o voso documento nacional de identidade daranvos un deste tipo) para identificarnos a través da Internet e poder presentar a declaración do IRPF, consultar os puntos do noso permiso de conducir e facer distintos trámites coa Administración e, posiblemente, poder acceder á nosa conta bancaria ou a algunha plataforma de comercio electrónico sen ter sequera que teclear o noso nome de usuario.
Moitos destes trámites poden facerse xa hoxe mediante a descarga dun certificado dixital, pero mediante o DNIe o proceso é máis cómodo e seguro, garantindo que ninguén pode suplantar a nosa identidade no noso equipo se o noso DNI non está conectado ao PC.
No momento de escribir estas liñas estaban esgotados os lectores asignados ás comunidades autónomas de Madrid, Cataluña, País Vasco e Aragón. ¡Bulide, galegos! ¡Pedide o voso lector de DNIe! Só tedes que picar no anuncio que teño no lateral do blog para ir ao formulario correspondente.
1 Outubro, 2009
Debe estar conectado para enviar un comentario.