Esta fin de semana, no Expreso de medianoite da Radio Galega falei con Pepe Carreira do que eran os lectores de libros electrónicos:
Coido que este tipo de trebellos están chamados a ser unha moda, ou sexa, que no futuro existirán coma dispositivos multi-propósito, ora integrados en teléfonos móbiles, ora en ordenadores portátiles, coma confirma o feito de que o dispositivo de lectura de e-books máis empregado no momento é o iPhone ou que xa están a preparar pantallas de portátiles que combinan dous paneis: un tradicional con imaxes a toda cor, e outro en branco e negro (pensando en poder ler textos incluso baixo a luz do sol).
Nos casos galego e español este mercado atopou un atranco inmenso, que non é outro que a falta de contidos legais para estes dispositivos, xa que a oferta de libros electrónicos en descarga nas nosas linguas é insignificante (se falamos de obras actuais, non da literatura universal). Pero sempre haberá early adopters, e para os que queiran entrar neste mundo teño que comentar o que xa está dispoñible actualmente para España:
– COOL-ER: lector de 6 polgadas, 8 niveis de gris, carcasas de distintas cores, 170 gramos de peso e un prezo de 225 euros aos que habería que engadir 15 euros de gastos de envío.
– PAPYRE 5.1: lector español de 5 polgadas, 8 niveis de gris, 160 gramos de peso (coido que sen a súa batería de 20 gramos) e un prezo de 229 euros.
– PAPYRE 6.1: lector español de 6 polgadas, 4 niveis de gris, 200 gramos de peso (coido que sen a súa batería de 20 gramos) e un prezo de 299 euros.
– Inves Book-600: lector de El Corte Inglés de 6 polgadas, 8 niveis de gris, 174 gramos de peso e un prezo de 299 euros.
– Hexaglot N518: lector xermano de 5 polgadas, 8 niveis de gris, 190 gramos de peso e un prezo de 279,90 euros aos que habería que engadir 20 euros de gastos de envío. Destacar por ser o único dos mencionados que conta con pantalla táctil, de xeito que serve tanto para subliñar textos como para escribir anotacións (ten recoñecemento de escritura).
Os dispositivos de máis de 600 euros xa nin os menciono (pese a que son os que máis están a vender) pero non podo evitar denunciar que o Papyre 6.1 e o Inves Book-600 parecen unha tomadura de pelo, cun prezo superior ás súas prestacións. O Papyre 5.1, ao incluír os portes no seu prezo, é un bo competidor para o COOL-ER (que pola contra é máis bonito), e o Hexaglot N518 é toda unha sorpresa, pois incorpora unha tecnoloxía que normalmente só está dispoñible para lectores dun prezo bastante superior.
De todos os xeitos, no creo que ningún destes trebellos chegue moi lonxe, pois o normal sería que en Europa replicasen a fórmula de éxito dos EE.UU., con lectores de e-books con conectividade móbil, de xeito que descargariamos os libros a través de 3G directamente dende o dispositivo, o que tamén permitiría funcións como a subscrición a xornais. Todo apunta a que a mediados de 2010 vexamos lanzamentos nesta dirección, polo que os dispositivos que menciono nestas liñas deberán aproveitar o Nadal que vén para colocarse no mercado ou lévano chungo.
Curiosamente, os lectores de e-books poderían levar a moita xente a adquirilos mediante importación como aconteceu no seu día co iPhone, xa que lectores de 5 polgadas coma o Cybook Opus (ou mesmo o COOL-ER) custan alá 250 dólares, o que serían ao cambio 169 euros, prezo que xa comeza a ser atractivo, aínda que para min continúan a ter unha resolucíon moi deficiente (practicamente todos producen unha imaxe de 600 x 800 píxeles, ou sexa, que é o equivalente a colocar en vertical a pantalla dun ultraportátil).
Para rematar non pode evitar incidir no feito de estes chintófanos chámanse lectores de libros electrónicos e non libros electrónicos, ao igual que aos reprodutores de MP3 está mal chamarlles MP3. Nos EE.UU. non cometen tal erro, pero temo que aquí a cousa vai ser bastante distinta.
Debe estar conectado para enviar un comentario.