Os discos duros multimedia digievolucionan

O outro día pedíronme consello sobre mercar un disco duro multimedia, e diven que facer algo sen precedentes: detallar que hai unha grande diversidade de trebellos que xa non...

Kaiboer NMT-K200
O outro día pedíronme consello sobre mercar un disco duro multimedia, e diven que facer algo sen precedentes: detallar que hai unha grande diversidade de trebellos que xa non son tan básicos como hai un ano, senón que agora tamén inclúen alta definición de verdade e gravación de televisión, o que levoume a comentarlle a pasada fin de semana o tema a Pepe Carreira no seu Expreso de Medianoite na Radio Galega:

Lieime bastante coas explicacións, por querer comentar moitas cousas xuntas, pero o que quixera destacar aquí é que agora os discos duros multimedia son auténticas bestias pardas, superiores a moitos ordenadores persoais á hora de reproducir vídeo de alta definición,e cunha alta conectividade, coma podemos comprobar na parte traseira do Kaiboer NMT-K200:
Conexións traseiras do Kaiboer NMT-K200
Poño a esta versión do Popcorn Hour coma exemplo porque na súa versión con 1 Tb de capacidade e Wi-Fi N custa 309 euros, o que é toda unha ganga para un trebello que soporta vídeos en MKV, o resto de estándares de vídeo en alta definición, conectividade de rede e incluso un cliente integrado de BitTorrent (de xeito que podes descargar as túas series favoritas co PC apagado). Pero o mellor de todo é que un monstro coma este custaba hai uns meses case o dobre, polo que sería de agardar que a medio prazo todas estas prestacións normalizaranse para chegar aos discos duros multimedia de 100-200 euros.

Conceptronic CMT2DW
Por outra banda tamén resultan interesantes dispositivos coma o Conceptronic CMT2DW, que pode mercarse con 500 Gb de disco por 335,08 euros, Wi-Fi N e dobre sintonizador de TDT (incluíndo TDT de alta definición) de xeito que pode converterse nun atractivo e cómodo gravador que permite ver unha canle mentres gravamos outra. Tamén soporta os formatos máis habituais de alta definición.

Todos estes produtos o que están a debuxar é un escuro futuro para o Blu-ray, xa que abren a porta á reprodución de MKV, formato que é ao Blu-ray o que no seu día foi o DivX para o DVD, permitindo dar unha calidade caralluda en ficheiros de 8 Gb (que tamén podemos almacenar en discos DVD de dobre capa). Nestes discos duros de alta capacidade (normalmente van de 500 Gb a 2 Tb) podemos meter máis dun cento de películas en alta definición, de xeito que poden afectar á demanda dos soportes físicos (o tempo o dirá).
O soporte de MKV está presente normalmente nos discos duros multimedia de a partires de 200 euros, pero pouco a pouco vai espallándose cara abaixo, polo que supoño que na campaña de Nadal haberá modelos aínda máis atractivos que permitan tirar proveito dos novos televisores de alta definición que ata o momento están mortos de risa ante a falta de contidos con calidade de imaxe.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS