Onte presentouse oficialmente a edición de 2009 do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico:
Viñetas desde o Atlántico acada os doce anos facendo un repaso do cómic-book dende a súa época dourada ata os anos 90
A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou o Salón Internacional do Cómic da Coruña Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá entre os días 10 e 16 de agosto, alcanza a doce edición combinando o repaso pola historia do cómic-book americano coa presenza de singulares autores como a inglesa Posy Simmonds, o francés André Juillard ou o italiano Vittorio Giardino.
Posy Simmonds é ilustradora de The Guardian e autora das novelas gráficas Gemma Bovery e Tamara Drewe. A primeira delas supuxo no seu momento toda unha revolución formal ao mesturar, nunha historia longa, linguaxes diferentes: a narración, isto é o texto puro e duro, a ilustración e as viñetas.
A organización de Viñetas desde o Atlántico intentou en moitas edicións anteriores atraer ata A Coruña ao francés Juillard e ao italiano Giardino. Nesta edición, ao fin, as axendas destes consagrados autores permitírono. André Juillard é autor das sete vidas do Gavilán. O seu creador traballa tanto no rexistro histórico como o cómic máis intimista. Vittorio Giardino é autor da triloxía “No pasarán”, unha obra ambientada na guerra civil española na que realiza unha radiografía do conflito a través da mirada distante dun axente secreto enfrascado nunha guerra que non é a súa.
Ademais, esta décimo segunda edición de Viñetas contará con outro prato forte, a presenza dun teórico do cómic, o americano Scott McCloud, un dos expertos máis reputados con ampla bibliografía sobre o proceso creativo neste xénero.
A súa obra máis difundida neste ámbito é “Entender el cómic” unha peza teórica que fala sobre a linguaxe do cómic, os seus inicios e as súas claves, utilizando o propio formato do xénero.
Completan o cadro de invitados os españois Pasqual Ferry, un dos debuxantes españois máis internacionais, habitual colaborador nas editoriais Marvel e DC, José Fonollosa -que mostrará no Aquarium os orixinais da súa obra “A viaxe de Darwin”- e Enrique V. Vegas, o pai dos cabezóns que fan as delicias dos máis pequenos.
As salas de Viñetas tamén terán cabida para dous galegos que triunfan na actualidade no mundo da banda deseñada no mercado americano: Emma Ríos e Alex Cal que estarán cos seus seguidores no marco deste Salón do Cómic.
No capítulo de invitados, ademais, Viñetas desde o Atlántico contará coa presenza de Paco Roca, o autor do premiado “Arrugas” que o pasado ano non puido acudir á súa cita neste Salón en cuxo marco se expoñían os orixinais do citado álbum que se achega con formas exquisitas á dura realidade do alzheimer.
Inmersión na historia do cómic book americano
Unha exposición excepcional. Comisariada por Jaume Vaquer, chega a Viñetas unha mostra procedente dun coleccionista persoal que permite repasar exhaustivamente a historia do cómic-book americano máis tradicional e clásico, percorrendo para iso catro décadas, dende os gloriosos 50 ata principios dos 90. Trátase sen dúbida da mellor colección sobre cómic americano que chega ao noso país por primeira vez. Viñetas, ademais, quixo dar unha lectura especial a esta mostra, convidando a vela dende a perspectiva dos seus guionistas.
Así, entre as pezas expostas, poderanse ver traballos da editorial EC, DC, obra da etapa de Stan Lee en Marvel, os 80’s cos guionistas británicos, cun apartado gráfico a cargo de nomes como Jack Kirby, Jack Davis, Wally Wood, Steve Ditko, Jim Aparo, Neal Adams, Dave Gibbons, Mazzucchelli, Mignola, e moitos máis.
Feira da Historieta e salas de exposición
O Paseo de Coches dos Xardíns de Méndez Núñez volve ser o espazo de referencia das editoriais. Decenas de casetas poñerán á venda as últimas novidades editoriais nun recinto ao que se accederá a través dunha enorme arcada vestida con xigantescas lonas ilustradas. Nesta ocasión, ademais, a feira contará cunha carpa na que os editores poderán realizar presentacións das últimas publicacións e organizar encontros cos seus autores.
Os espazos expositivos do salón serán, como en anteriores edicións, o Kiosco Alfonso, a Sala Municipal de Palexco, a Sala de exposicións da Biblioteca Salvador de Madariaga, en Durán Loriga, o Palacio de María Pita e o Aquarium.
O cartel deste ano é bastante chulo (aínda que iso de pór a Torre de Hércules para coruñizar a ilustración aburre):
Tamén resulta curioso que este ano Viñetas coincida con Festival Noroeste Pop Rock, de xeito nos últimos días do Salón poderemos ver a partir das 10 da noite na praia de Riazor concertos de Calle 13, La Unión e Hombres G (o día 13), El Consorcio e Raphael (14) e No Way Out e The Hives (15). Coido que atraen a un público bastante diferente ao de Viñetas, polo que non creo que haxa moita xente que vaia da feira aos concertos.
Debe estar conectado para enviar un comentario.