Nestes momentos está a rematar a primeira edición do salón erótico Eros Galicia 09 (da que Enzoufado destaca que conta cunha web en galego), que tivo lugar en ExpoCoruña e contou coa asistencia dunhas 10.000 persoas, éxito que segundo a organización levaraos a repetir o certame para o ano que vén.
En total realizáronse máis de 400 espectáculos de diversa índole que contaron coa participación de 70 artistas de distintas procedencias e especializacións, e con preto de 50 empresas expositoras, nas que poderiamos atopar produtoras pornográficas, sex-shops, tendas de lencería erótica, un taller de tatuaxe, a revista Galicia Erótica, unha tenda de produtos artesanais eróticos (bastante simpáticos) e algunhas presencias que sorprendéronme bastante coma a tenda de artigos de segunda man El Baúl de los Recuerdos (que levaba unha selección de comics e películas de corte erótico), a tenda erótica coruñesa Dos Rombos (da que non coñecía a súa existencia) e incluso ¡un Caipiródromo!
A presenza portugués-brasileira era notable, e non só podíase tomar unha caipiriña, senón que tamén había unha tenda de produtos eróticos do nome de A Camisinha (resultoume gracioso o nome e a mascota que empregaban como marca). De feito, unha das tendas eróticas na que vin algo curioso tamén era portuguesa:
Si, o tudo -30%
era clariño pero eu escachei coa risa o ver o nome da boneca inchable Kelly Firefox. ¿Será un produto para patrocinar a Fundación Mozilla?
Eu miro na Mozilla Store e entre as camisetas, as mochilas, as gorras, os adhesivos, os paraugas e os tazóns non vexo ningún produto erótico, pero se o Mozilla promove aplicacións abertas supoño que bonecas na mesma liña sería algo coherente, ¿non?
Tamén pareceume moi orixinal o xeito de pormocionarse os de X Canal TV, que no seu escenario tiñan un lema moi taxante, máis barato que no Top Manta
, aínda que a min non me consta que os manteiros e mochileiros anden por aí con películas porno (e menos aínda o prezo ao que as venden).
Xa noutra liña, o apartado da parella swinger Bruno e María (que me pareceu unha cutrañada de mal gusto, pero que parece ter moitos seguidores) tiña un par de cousas curiosas.
Se vos fixades na imaxe, nunha cacha da moza que sae no póster que hai no stand aparece o selo de Tenreira Galega; e logo, no proxector no que debían estar a amosar vídeos, nun momento dado apareceu un escritorio de Windows, véndose como collían unha colección de imaxes dun cartafol e facían unha copia para alguén, o que pareceume moi cantoso.
Curiosamente un dos primeiros escenarios que se vían no recinto estaba organizado pola produtora galega PorNOaburrirse (moi popular pola gravación dunha película porno preto da Catedral de Santiago) no que distintas actrices bailaban para o público e facían distintos xogos ante unha morea de afeccionados á fotografía. Impresionaba ver a enorme cantidade de cámaras réflex con grandes obxectivos que se podían ver entre asistentes que non eran da prensa.
Eu aproveitei a ocasión para coñecer a Totó García, responsable desta iniciativa empresarial porno galega, quen comentou as súas dificultades para facer unha produción en galego posto que na actualidade só existe unha actriz porno galega en activo (¡só unha!) e buscan un certo realismo na produción. Tamén están a preparar unha produción no sur de España que dará que falar nos vindeiros meses.
Resulta esclarecedor que o traballo desta xente teña certa visibilidade, pois normalmente tendemos a deixar na sombra este mundo, que é un sector máis do audiovisual. Xa no pasado ignorábase a Papillón Films (distribuidora e editora de películas para adultos que chegou a ter moita importancia no sector) e non creo que deba repetirse o erro, ou sexa, que se dende Galicia conseguen facer algo relevante, debemos falar diso.
Admito que no certame andaba bastante perdido, pois nin coñecía á xente que estaba nos escenarios, nin son habitual de sex-shops, pero se algo teño que destacar é que os tópicos non sempre se repiten, e así entre os asistentes había homes e mulleres por partes iguales (vaia, que non faltaban as pandillas de amigas en busca de troula), e admito que nos espectáculos que se podían ver o mellor de todos foi o dos Beat Boys, uns strippers masculinos que subían a mozas de bo ver do público para facerlles unha especie de lap dance, o que nalgún momento levantaba aplausos xerais (incluso dos camareiros que había nas barras do local) mentres que as actuacións femininas eran bastante máis aburridas.
Iso si, falo do que vin, pois polo que comentaron outras persoas, durante o sábado houbo momentos impresionantes e moi divertidos, no que algún participante do público deixou a vergoña na casa 😀
De xeito xeral a feira deixoume indiferente, e paréceme que a súa celebración debería realizarse naturalmente, pois non se vía nada que fose a escandalizar a ninguén, aínda que o prezo das entradas paréceme excesivo, pois era de 20 euros por persoa (supoño que é unha táctica que busca conter a asistencia de público, e vez de facer caixa), o que no caso dun matrimonio sumaría 40 euros, aínda que supoño que os nenos poderían entrar de balde 😉
ACTUALIZACIÓN (8-6-2009): Resulta que o nome de A Camisinha levoume a engano: a tenda é catalá (non brasileira nin portuguesa).
Debe estar conectado para enviar un comentario.