Dragon Ball Kai e a tomadura de pelo da alta definición

Esta semana estrearon no Xapón a serie de televisión Dragon Ball Kai, o que nun principio parece unha idea magnífica, pois sería un remake dos preto de 300 episodios...

Esta semana estrearon no Xapón a serie de televisión Dragon Ball Kai, o que nun principio parece unha idea magnífica, pois sería un remake dos preto de 300 episodios de Dragon Ball Z resumidos nuns 100 capítulos (eliminando a moita palla que tiñan algunhas entregas) de xeito que os novos espectadores poderían ver as aventuras de Son Goku sen desesperar, e como principal novidade estaría que remasterizaron a imaxe para poder emitir os episodios en alta definición, coma podemos ver na súa intro:

A pinta é magnífica, e como curiosidade descarguei o primeiro episodio e levei unha enorme decepción, posto que só na cabeceira e no vídeo podemos ver unha auténtica imaxe en alta definición:
Vexeta en HD
Cando vemos as imaxes supostamente restauradas dos vellos episodios, o resultado é pésimo, e non percibo mellora da imaxe con respecto do DVD, agás polo feito de que o vídeo é panorámico:
Pikoro supostamente en HD
Se picades sobre as imaxes veredes mellor a diferenza de calidade, pero é brutal, xa que nas ilustracións novas nótanxe os trazos de todos os debuxos, mentres que nas imaxes vellas todos os trazos están emborronados, cando sería relativamente doado aplicar técnicas de trazado por ordenador (e cel-shading) para que a imaxe gañase en resolución.

A intro tamén ten os seus peros, cuns textos lamentables nos que escriben palabras coma ParadiCe e polo que comentan nalgúns blogs, incluso hai erros nos textos en xaponés (¡flipante!).

Tras esta experiencia entendo que todas as reedicións que están a facer para Blu-ray de vellas series de televisión son un auténtico timo, pois se o orixinal está gravado a 4:3, ao pasalo en alta definición estarían a inventar píxeles e mutilar o vídeo. Ao final son o equivalente a utilizar o zoom dixital dunha cámara fotográfica, ou a certas series de televisión que cando saíron no seu día en DVD tiñan unha calidade lamentable (pois viñan de masters pensados para VHS). Con estas lerias a alta definición vai ter difícil convencer ao público.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS