¿Rebaixa de prezo da PlayStation 2 en España?

Esta mañá Sony anunciou que a PlayStation 2 baixaba nos EE.UU. o seu prezo de 129,99 a 99,99 dólares a partir de mañá, e algúns tolos fixeron a conversión...

PS2 SlimEsta mañá Sony anunciou que a PlayStation 2 baixaba nos EE.UU. o seu prezo de 129,99 a 99,99 dólares a partir de mañá, e algúns tolos fixeron a conversión do comunicado da compañía nipona de dólar a euro e anunciaron que a PS2 baixaba o seu prezo a 99,99 euros cando aquí leva meses sendo máis barata.
Entre os medios que picaron, polo momento xa está El Mundo ou as publicacións especializadas HardGame2, Meristation e Vandal, o que me pareceu totalmente escandaloso, pois o normal é estas tres últimas publicacións soubesen que non só a PS2 está á venda por 99,95 euros en España dende hai bastantes meses, senón que incluso por ese prezo vén normalmente cun xogo de regalo, e ata podemos atopar unidades a 79 euros sen matarnos moito (incluso hai ofertas que inclúen xogos de regalo a tal prezo). E falo non só de prezos en tendas de videoxogos, senón tamén do propio Carrefour.
Iso levoume a indagar sobre o tema e descubrín que a cagada non vén da prensa especializada (que demostra a pouca profesionalidade dos seus redactores) senón de Sony Computer Entertainment Europe, onde algún castrón colleu o comunicado norteamericano e o modificou tan pancho, dando por feito que os cambios nos EE.UU. terían un reflexo directo no mercado Europeo (o que nunca é así para Sony). ¡Plas, plas, plas! ¡Un fulano de Sony difundindo información falsa da súa compañía!
Supoño que en breve farán que o prezo de 79 euros sexa oficial para a PS2 europea, e que o Starter Pack (que inclúe un mando adicional) baixará de 119,95 a 99,95 euros, pero iso aínda non ten data, polo que vai resultar interesante ver como nas vindeiras horas van publicar información falsa en numerosos medios de comunicación e blogs. ¿Tan difícil é verificar a información antes de publicala en casos nos que a información resulte sospeitosa?

ACTUALIZACIÓN: Dende a filial británica de Sony confirman que a consola non baixa de prezo no Reino Unido. ¿Farán algún comunicado semellante para España? Pois acabo de comprobar que a PS2 si custa 129,95 euros en Francia e Alemaña, ou sexa, que España estaría fóra de Europa coma o Reino Unido… Os de Sony deberían ir a clases de xeografía.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...