Admito que ando un pouco mal da cabeza, porque onte, ao cruzarme nun semáforo urbano cun autobús de Arriva que ía rumbo a Ferrol non se me ocorreu outra cousa que sacar o iPhone e probar a ver se era certo que a conexión Wi-Fi da que tanto presumían non estaba operativa.
Vale que o autobús tamén era moi tentador (estaba rotulado poñendo que había acceso á Internet no seu interior) e aínda que non cheguei a entrar no vehículo, e o tempo que estivo parado fronte ao semáforo non chegou para comprobar a velocidade da conexión, gustoume ver que o servizo de conectividade sen fíos se estaba a manter.
Iso si, paréceme un tanto ridículo que se ofreza nun tramo tan curto e nun traxecto no que hai varios túneles. Vaia, que a conexión á Rede debe perderse en moitas ocasións. Aparte, os autobuses tampouco teñen moito espazo para usar un portátil (aínda que con móbiles intelixentes seguro que se agradece o servizo). O curioso do caso é que a conexión que ofrecen a través de Wi-Fi é realmente un acceso de banda larga móbil, polo que sería algo ridículo ter un móbil conectado a unha Wi-Fi conectada a un modem 3G, ¿non?
O mellor do asunto é que ao longo do ano van chegar ao mercado varios dispositivos que permiten compartir unha conexión 3G por Wi-Fi, polo que esta tecnoloxía que parece reservada a empresas, chegará aos fogares (supoño que terá bastante boa acollida no rural). Como exemplos temos o router Novatel MiFi 2352 que venderá Telefónica, aínda que a min paréceme máis atractivo o Huawei i-Mo, que é unha evolución da xaboneira con Wi-Fi. Sen dúbida, vai ser un ano interesante para a Internet móbil.
Debe estar conectado para enviar un comentario.