Hoxe pasei por ExpoCoruña para participar en directo no programa Por fin es sábado, presentado hoxe por Juan Fernán, e que antes da miña intervención contou coas seccións de cine e novas curiosas, sendo a información estrela esa de que o esperma galego era o mellor de toda España (cando rematou a sección comenteilles fóra de antena que había que facer unha Denominación de Orixe para o seme galego, e case volven a entrar no programa para facer campaña en favor da idea 😉 ).
Coma sempre, falei das novas tecnolóxicas da semana, e unha das máis destacables foi que Nintendo presentou unha nova consola portátil, a Nintendo DSi, que sería un redeseño da Nintendo DS Lite para integrarlle unha cámara dixital.
Para min iso é totalmente decepcionante, pois a cámara me parece algo totalmente innecesario na consola portátil de Nintendo, e non parece xustificar as eivas que arrastra, pois se fala de moitas melloras para a DS, pero o certo é que, quitando a cámara, case parece un paso atrás. Concretando:
– As pantallas aumentan de tamaño un chisco: pasan de 3 a 3,25 polgadas
– Adelgaza dun xeito pouco perceptible: perde o 8% do seu volume e 4 gramos de peso, o que é menos do 2%
– Perde o lector de cartuchos de GBA (ou sexa, que perde a retrocompatibilidade, que estaba moi ben para os que viñeran da anterior consola portátil de Nintendo)
– Incrementa o seu prezo: aínda que moitos xornais fixeron o parvo comentando que a nova consola custaba 129 euros (¿tan difícil é entender que os prezos internacionais dos produtos non é equivalente ao cambio de moeda?), o certo é que no Xapón a DS Lite custa 16.800 iens e a nova custará 18.900 iens. En España, de ser proporcional a suba pasaría de 149,95 a 159,95 euros (ou incluso algo máis).
– Gaña lector de tarxetas SD e reprodución multimedia, o que xa se podía facer cun deses cartuchos máxicos que son tan populares, sen ter que prescindir para iso do porto de GBA (que incluso se podía aproveitar para dotar de vibración a algúns xogos).
– Cambia a súa batería: isto é o máis grave de todo porque, aínda que pareza unha vantaxe que reduza o seu tempo de carga de 3 horas a 2 horas e media é porque a batería dura menos, perdendo entre 2 e 5 horas de autonomía, ou sexa, entre un 40 e un 26%, o que é demasiado. Por certo, que cando perde o 40% da autonomía é cando se usa a consola con moito brillo (ou sexa, con moita luz exterior) polo que o van a notar moitos usuarios.
A miña conclusión é que a Nintendo DS Lite é máis aconsellable que a Nintendo DSi, pois a autonomía é un dos factores máis importantes nunha consola portátil, mentres que a cámara dixital é algo ridículo (a xente que compre a DSi case seguro que vai ter un móbil con cámara). E iso sen comentar que aínda non se sabe se os cartuchos máxicos se poderán utilizar na nova consola, que chegará ás tendas españolas na primavera de 2009 (non chega a tempo para a campaña de Nadal, polo que non comeza con bo pé). Vaia, que se alguén ten pensado mercar unha DS, que non espere polo modelo novo, que non paga a pena.
4 Outubro, 2008
Debe estar conectado para enviar un comentario.