O Universo DC e os videoxogos (I)

Nos últimos anos non somos poucos os que nos preguntamos cómo é que a Marvel estaban a sacar tantas películas de éxito dos seus personaxes mentres que a xente...

Nos últimos anos non somos poucos os que nos preguntamos cómo é que a Marvel estaban a sacar tantas películas de éxito dos seus personaxes mentres que a xente de DC quedaba cos brazos cruzados. Lembremos que DC practicamente so explota no audiovisual as figuras de Batman e Superman (tanto no cine como na televisión), de xeito que Green Lantern, Flash, Wonder Woman e moitos outros personaxes quedan afastados do público xeral, pero alguén da Warner debeu entender que iso é un grande erro, e comezan a corrixir o asunto, só que en vez de tirar por grandes producións coma El Caballero Oscuro parece que pensan que é máis atinado chegar á xente pola porta de atrás: os videoxogos.

Para comezar, no mes de novembro chegará ás tendas para Xbox 360 e PS3 o xogo Mortal Kombat vs DC Universe, que pese á malísima idea de mesturar personaxes con niveis de forza totalmente desiguais (¿acaso algún humano pode facer fronte a Superman?) podería ser o comezo dun proceso de consolidación de DC coma universo cheo de personaxes cun grande potencial.
Sonya Blade zoscando a Superman
O xogo non será como as primeiras entregas de Mortal Kombat (en 2D con gráficos captados de actores reais) aínda que conservará a súa dinámica de xogo. Desta vez os gráficos son tridimensionais, partindo dun modelado sumamente coidado que parece inspirado nos deseños de Alex Ross das principais iconas de DC, coma se pode aprezar na representación do Capitán Marvel:
O Capitán Marvel
Despois de moitas voltas, dende Midway confirman que pola banda de DC aparecerán Superman, Batman, Flash, Wonder Woman, Hal Jordan (Green Lantern), Capitán Marvel, Joker, Deathstroke e Catwoman, aínda que é posible que algún dos mesmos non sexa xogable dende o primeiro momento (suponse que só se podería elixir entre 8 personaxes de DC e outros 8 de Mortal Kombat).

Como curiosidade, non podo evitar comentar que no xogo chámanlle Shazam ao Capitán Marvel, cando en realidade Shazam é o mago que lle deu os poderes (e o título da súa colección de comics, porque a marca Capitán Marvel pertence á editorial Marvel).
Tamén me sorprendeu que Sonya Blade se parecese sospeitosamente á cantante Pink:
Sony Blade parécese a Pink
E falando das mulleres no xogo, o modelado de Wonder Woman semella moi pobre:
Wonder Woman
Non sorprende así que para achegar algo de atractivo sexual tivesen que apostar pola figura de Catwoman:
Catwoman en Mortal Kombat
Iso si, hai que admitir que en acción Catwoman tamén promete ser espectacular, pois entre rebiravoltas, chimpos e o uso do látego non nos permitirá aburrirnos. Para facernos unha idea destes movementos podemos ver o vídeo que se estreou na pasada Comic-Con de San Diego, no que tamén saen Superman, Batman e Flash:

E para rematar non podo deixar de amosar a miña perplexidade porque o xogo recupere a un dos meus personaxes favoritos, o lanterna verde Hal Jordan:
Hal Jordan en Mortal Kombat
Nos últimos anos pasaron moito de Jordan os de DC, de xeito que nas series de animación da Liga da Xustiza poñían no seu lugar a John Stewart (outro Green Lantern) para cubrir o cupo dos negros (aínda que non fixeron o mesmo con latinos nin con asiáticos). Vese que a figura de Jordan podería volver a coller forza, o que abre a posibilidade de que fagan unha película seria sobre as súas aventuras (o proxecto do que se viña a falar antes sería algo así como La Máscara: unha cousa absurda na que o protagonista non sería outro que Jack Black).
No caso de Hal Jordan a disparidade de poderes aínda é máis acusada que con Superman, xa que o seu anel pode facer case calquera cousa, de aí que un combate corpo a corpo non teña moito sentido.

Este xogo, pese a que vai ser simplemente de dar hostias estou certo de que vai ser do meu agrado, especialmente porque podería ser só o comezo. Nos vindeiros días falarei un pouco máis do que se está a preparar sobre o tema, e mentres poño aquí o teaser do MK vs DCU presentado na Games Convention:

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS