Yoigo, os da “verdad verdadera” son a 4ª operadora de telefonía móbil de España, pois non son unha OMV senón que teñen rede propia, aínda que moi pequena (en Galicia só chegan a Vigo) polo que empregan infraestruturas alleas (na actualidade, de Vodafone, e a partir de xuño, de Movistar) para dar servizo, e eu fíxenme cun terminal e unha tarxeta SIM para conectarme as fins de semana dende Melide, pero a miña experiencia é nefasta.
Vale, ao non ter rede en Melide a conexión iría por GPRS, pero o patético é que as velocidades máximas que consigo son de 40 Kbps (ou sexa, 5 Kbytes/seg.) que nun principio me podería valer pero que ao non ser estable son todo un suplicio. Si, igual me podo conectar a unha velocidade estable durante unha hora, pero chegado un momento a conexión deixa de ir ben, e en moitos momentos é imposible cargar nada. En resumo: unha merda (barato, pero unha merda igualmente).
Sospeito que tal limitación se debe a que Yoigo cobra só 1,2 euros + IVE por cada día de conexión, polo que posiblemente estean a racanear o largo de banda ao máximo, polo que cando a xente fai moito uso de SMS e MMS a rede de datos se resinte.
Finalmente quixen probar se a cousa era moi diferente con Simyo, a nova operadora virtual que non ten mínimo mensual, chamadas a 9 céntimos/minuto, mensaxes de texto a 9 céntimos e conexións á Rede 99 céntimos/día cun máximo de 100 Mbytes de transferencia. Parecía que o dos 100 Mbytes de transferncia era unha limitación, pero o certo é que con Yoigo resultaba totalmente imposible descargar tal cantidade de datos nun día, polo que na práctica podería entenderse como unha tarifa plana.
Si, agardaba unha conexións máis estable aínda que quedase nos 40 Kbps, pero a miña sorpresa foi abrumadora ao comprobar a velocidade que acadaba nun test de velocidade:
Sobra dicir que cada vez que fago o test consigo velocidades distintas, e unha vez supero a velocidade de baixada e a de subida chega tranquilamente aos 100 Kbps. Dito doutro xeito, que en vez dunha conexión duns 40 Kbps teño un acceso á rede cos 384 Kbps típicos das conexións UMTS, o que permite un uso da web moi fluído (cando menos para ler o correo de Gmail e os fluxos RSS en Google Reader).
Non poño aínda a man no lume por Simyo, pero polo momento estou moi contento coa operadora que parece achegar o baixo custo á telefonía móbil:
No anuncio instan a cambiar a Simyo, pero o certo é que non é preciso cambiar. Se o queremos para acceder á Rede só temos que mercar unha tarxeta SIM para empregala dende un móbil libre ou un módem 3G USB (que normalmente tamén se poden liberar de xeito doado). Para telefonía aínda non me atrevo a recomendar a operadora porque emprega a rede de Orange, e todos sabemos que nalgunhas zonas teñen problemas de cobertura, aínda que as súas tarifas son das mellores que hai, e dende o 7 de maio ofrecerán 10 minutos de balde por chamada entre usuarios da operadora.
De tódolos xeitos, para min o mellor de Simyo é que se pode consultar o consumo realizado a través da web (de balde), así como realizar recargas dende a mesma, non sendo preciso ir a un caixeiro para tal operación (o que é todo un engorro con Yoigo). Vaia, que me parece que finalmente hai unha operadora feita a medida dos internautas. Agardemos que non cambien co tempo, pois eu quedo bastante contento se me podo conectar á Rede as fins de semana por uns 7,92 euros + IVE ao mes.
Esta entrada no blog parece publicidade, pero o certo é que se trata só dun aleluia por poder gozar dunha conexión á Rede digna a un prezo aceptable.