Rodolfo Chiquilicuatre parece que finalmente é o candidato a Eurovisión máis popular da historia de España por moito que lle pese a algúns carcas coma Uribarri. A organización finalmente fixo que todo o proceso de selección do candidato fose popular, aínda que non xogaron limpo. ¿Por qué digo iso? Pois porque a medidados da semana pasada abriron o período de votación a través de teléfonos 905 e SMS, nos que parece que Rodolfo Chiquilicuatre arrasou, pois foi o único candidato que anunciou os números por televisión unha chea de veces. En vista diso, durante a gala sorprenderon dicindo que tódolos votos emitidos con antelación á gala só puntuarán un 20%, ou sexa, ¡nada de nada! Así, quedar primeiro nos votos previos deu 12 puntos, mentres que quedar en 8º posto na gala traducíase tamén en 12 puntos… ¡xustísimo!
Parece así que TVE quería forzar a situación para impedir que Rodolfo fose o candidato, pero a xogada saíu mal e non lles quedou máis remedio que aceptar ó alter ego de David Fernández Ortiz.
A gala foi todo un despropósito, cunha intervención dos mozos de Muchachada Nui sen vir a conto, e un suposto xurado que non exercía de xurado (pois a súa opinión non valía para nada). De feito, dos 10 candidatos, 5 foran de elección popular e outros 5 dun xurado que non era o que estaba presente na gala e que claramente respondía a intereses ocultos (basta mirar un pouco de onde viñan para atopar ligazóns con edicións anteriores).
Dos membros do xurado, o que fixo un lamentable ridículo foi Uribarri, que non paraba de repetir que a xente tiña que seleccionar á mellor voz e o mellor tema, no que parecía ir directamente contra Rodolfo. Tamén cando intentou xogar a baza dos eurofans tamén sonou a risa. ¿Qué carallo é iso dos eurofans? ¿Qué pasa? ¿Qué agora hai que facer as cousas para non molestar a un grupo de afeccionados medi-frikis? Pois con ese tipo de argumentos habería que deixar acceder á presidencia do Goberno (ou, como mínimo, a un ministerio) a Ibarretxe para non molestar ós trekkies, ¿non?
Pero non só Uribarri quedou fóra de lugar, senón que o máis nefasto da noite foi Raffaella Carrà, que aparte de non falar nada ben o español (non paraba de liarse) descoñecía a dinámica do concurso (¡non se enteraba de nada!) e tampouco coñecía ós participantes (daba a entender que todos eran uns descoñecidos, cando a metade xa tiñan carreira musical).
Logo, tanto a Carrà coma outros membros do xurado non paraban de dicir que o Chiquilicuatre era «unha broma de Internet». ¡¿Pero de qué van?! Nin é unha broma, nin vén da Internet. Rodolfo saíu dun programa de televisión doutra canle, e non parecían querer recoñecelo. E falar do voto internauta coma se a xente que se conecta á Internet non fose a mesma que a que ve a televisión coido que só indica que os que estaban no plató aínda vive no século XX.
Por moito que lles coste admitilo, o Chiki Chiki é un temazo que algún se van cansar de bailar. Non é unha canción que precise dunha grande voz, e non ten letra suficiente para cubrir os 3 minutos sen repetirse pero, ¿qué máis ten? O caso é que serviu para animar unha Eurovisión que estaba morta para o público español, e que nunca deu tanto que falar (o haber candidatos por toda España, estes puideron aparecen nos medios de comunicación locais).
Iso si, a actuación inicial de Rodolfo Chiquilicuatre foi decepcionante:
Por sorte, cando se anunciou que o Chiki Chiki gañaba a competición, o resto de participantes se xuntaron a bailar a canción e, aínda que Rodolfo se equivocou coa letra, quedou realmente espectacular. Cando todos fan os 4 pasos do Chiki Chiki á vez mola velo na televisión. Agardemos que no Festival de Eurovisión o Chiquilicuatre vaia acompañado por máis de 2 petadas, para montar un bo espectáculo.
Tamén me decepcionou que Televisión Española non publicase os resultados reais do concurso, pois deron puntos e non mencionaron os millóns de chamadas e SMS que recibiu Rodolfo, polo que pareceu que quedara case empatado con Coral, cando está clarísimo que a outra candidata, pese a ter boa voz, quedou moi atrás en número de votos.
De non presentarse Rodolfo Chiquilicuatre todo apunta a que Coral sería a candidata española co seu Todo está en tu mente:
A canción non estaba mal, pero me lembraba lixeiramente á candidata finlandesa do ano pasado (aínda que admito que gusto máis do tema de Hanna Pakarinen) e que acadara un mal resultado pois creo que hai que deixar claro que unha boa canción nunca foi garantía de quedar ben no Festival. ¿Acaso alguén pode dicir que o La la la é un bo tema? Eu prefiro mil veces o ¿Quién maneja mi barca? de Remedios Amaya, que penso que é o tema máis español que foi a Eurovisión (aínda que tivo unha mala posta en escena).
Para rematar, coido que do que non hai discusión é de que o Chiki Chiki salvou Eurovisión este ano, e supoño unhas boas achegas económicas para TVE. Coido que Buenafuente debería pedir comisión sobre as SMS e as chamadas en favor ó seu candidato 😉
ACTUALIZACIÓN: Paloma avisa en MonkeyZen da existencia dunha camiseta non oficial do Chiki Chiki na tenda virtual de Lapicerdo, que se vende a 11,95 euros e que mesmo vestiu Berto no programa de Buenafuente.
Non sei qué me fai máis graza do deseño, se os 4 pasos do baile ou a mulata coas bragas na man 😉
Unha mágoa que a camiseta saia á venda cando aínda chove, pois no verán podería ter arrasado (pero, ¿seguirá a estar de moda o Chiki Chiki en agosto?).