Melide deu moito que falar nos últimos meses neste blogue, en boa medida por mor das eleccións municipais, cando tomei consciencia do potencial melidense na Internet. Como comezamos a ser moitos, e polos alcumes é difícil recoñecer á xente, coido que é hora de que nos vexámolas caras, e que compartamos experiencias en persoa.
Así pois, quixera que os melidenses, que aínda sendo de interior navegamos pola web, nos xuntasemos unha noite de sábado para cear e falar das nosas cousas, principalmente para pórlle cara a eses caracteres que vemos na pantalla do ordenador, e para tamén estreitar ligazóns cos veciños.
Como vimos do San Caralampio, o bo era deixar algo de distancia, e coido que o sábado 29 sería un bo día para organizar o I Ciberencontro Melidense (¡ata parece algo serio!) ó que me gustaría que asistiran tódolos blogueiros da vila, así coma os que comentan nestes espazos ou mesmo os que só os len. Tamén quixera indicar que non gusto de discriminacións políticas, ou sexa, que quixera que ninguén se sentise marxinado por ser afín a un ou outro partido (incluso gustaría que na mesa houbese algo de discusión sobre o tema, que senón non haberá de qué falar).
Agora habería que fixar lugar e hora do encontro. Polo que agardo comentarios con propostas, para que despois se poida inscribir a xente e poidamos rematar setembro máis interactivos que nunca 😉
ACTUALIZACIÓN: En vista da resposta masiva a esta entrada no blog o bloguencontro melidense queda aprazado a que poidamos concretar algo antes no mundo real 😉
Debe estar conectado para enviar un comentario.