Jericho e os ordenadores minoritarios

Esta semana rematou a primeira tempada da serie Jericho, da que gustei bastante, pero que foi un tanto maltratada na súa emisión (algo que lle pasa a outras series...

Esta semana rematou a primeira tempada da serie Jericho, da que gustei bastante, pero que foi un tanto maltratada na súa emisión (algo que lle pasa a outras series na mesma liña coma Desaparecida ou 24) e que, se hai sorte, terá unha segunda tempada que promete ser interesante. O que pasa é que eu non quero falar da trama nin dos actores, senón do product placement.
Cando en Médico de Familia viamos a Nachete estrear coche ou almorzar, as marcas estaban moi presentes, e se notaba moito que estaban a amosar a marca dos patrocinadores, pero como Jericho é unha serie máis friki parece lóxico que non anuncien leite Pascual, e eu boteille o ollo ós equipos informáticos que empregan os axentes segredos:
Sarah e Hawkins amosando os seus gadgets
Na imaxe podemos ver dous ordenadores de moi distinto tipo, que resultan sumamente simbólicos, xa que representan a un mercado moi marxinal. Así, na mesa Hawkins ten un portátil moi fardón que parece estar feito a proba de bombas:
Hawkins leva o seu Toughbook pechado
Iso de ver un portátil reforzado é algo normal nas zonas de guerra, e algúns tamén fliparían ó ver que o equipo sobreviviu ó pulso electromagnético do comeza da serie, pero o certo é que ese ordenador é un equipo comercial real. Resulta ser un Toughbook de Panasonic:
Toughbook abertoToughbook pechado
Os Toughbook son portátiles reforzados (fully-rugged) que aguantan golpes, temperaturas extremas e mesmo os pulsos electromagnéticos porque teñen unha aleación de magnesio que serve de illamento excelente (nas condicións nas que se usan estes equipos hai moitas outras cousas aparte dos P.E.M. que poden escarallar un ordenador). Ademais tamén teñen unha autonomía bastante boa (pasan das 7 horas de uso) e teñen as prestacións dun portátil convencional vendéndose a prezos non moi elevados para o reducida que é a súa comercialización (entre 2.000 e 3.000 euros aprox.).
Creo que os fabricantes tiñan que comezar a pensar en terminais semellantes, pero non para os campos de batalla, senón para o uso por parte de cativos, ou sexa, que non haxa dios que os rebente. Se a pantalla soportase un golpe accidental, puidese caerlle Coca-Cola sen fastidiarse (digo Coca-Cola e non auga porque os refrescos azucarados normalmente escarallan moitos compoñentes coma os teclados porque actúan case coma pegamento) e, por suposto, non se raiasen con só miralos.

Pero os Toughbook só son os primeiros equipos que se viron na serie, porque logo a ex-compañeira de Hawkins sorprendeume cun dispositivo que parecía un smartphone con teclado en plan HTC:
Sarah co OQO
Pero resultou que non se trataba dun equipo tan cativo e limitado, pois o teclado parecía bastante decente e a pantalla bastante grande e con boa resolución:
tecleando no OQO
E si, trátase dun equipo cunha pantalla de 5 polgadas a resolución WVGA (800 x 480 píxeles) do que non souben do modelo ata que se puido ver un detalle da súa pantalla:
Detalle do OQO
¡É un OQO! A miña sorpresa foi maiúscula. ¿Por qué? Pois porque OQO é unha empresa nacida no 2000 que prometeu facer un ordenador ultra-persoal, ou sexa, que quería comercializar un ordenador completo que se puidese meter no peto, o que parecía imposible.
O primeiro modelo de OQO foi presentado en varias feiras de informática en 2001, 2002 e 2003, aparecendo en varias revistas coma o vaporware do ano, dando a impresión de que nunca chegaría a desenvolverse, ata que no outono de 2004 saíu o primeiro modelo.
O modelo 01 e o seu sucesor 01+ (que apareceu a finais de 2005) foron toda unha revolución e consideráronse coma un soño feito realidade, xa que nun dispositivo tan pequeno incluían tódalas prestacións dun ordenador persoal de sobremesa. Permitía levar o ordenador no peto cun peso duns 400 gramos. Este ordenador non funciona con Windows Mobile ou Pocket PC senón que o seu sistema operativo é o Windows XP (soportando tamén a edición Tablet PC para o recoñecemento de escritura na pantalla) e a primeiros de ano presentaron a versión 02 que mellora as súas prestacións para soportar Windows Vista, o que deixa abraiado a calquera.
Curiosamente estes equipos teñen uns prezos moderados para o seu elitismo, custando o OQO 01+ pouco máis de 1.000 euros, e o OQO 02 máis de 1.600 euros (sobre dicir que por eBay andan a pouco máis da metade de prezo), mentres que algúns UMPC de semellantes prestacións custan máis de 2.000 euros (eses prezos resultan difíciles de crer). Velaquí as fotografías oficiais de ambos modelos:
OQO modelo 01+OQO modelo 02
Parece que ó final Sarah tiña un OQO modelo 01+ porque o modelo novo aínda non saíra ó mercado cando se gravou Jericho.

Coido que con estas aparicións na televisións os fabricantes queren dar a entender ó público que hai equipos de tamaño reducido que poden facer case o mesmo que un ordenador grande, coa vantaxe en portabilidade que achegan. Se queredes flipar un pouquiño co OQO, as súas prestacións e a solución intelixente que adoptaron para o seu uso no escritorio recoméndovos ver o seguinte vídeo:

Os UMPC son uns equipos demasiado sibaritas, coma o Samsung Q1 que podemos ver facilmente en tendas españolas, pois están aínda lonxe de dar todo o que prometen e, pola contra, véndense a uns prezos criminais, chegando a superar os 2.000 euros, pero iso é algo que vai cambiar en breve, pois Asustek prometeu lanzar a finais de mes o Asus Eee PC 701, que será un UMPC de baixo custo, prometendo modelos a prezos dende os 199 dólares, polo que eu supoño que ó final poderemos ver equipos de verdade a uns 249 ou 299 euros (especialmente se temos en conta que durante este verán Acer vendeu portátiles a 499 euros coma se fosen churros).
As pantallas dos Eee serán de entre 7 e 9 polgadas, polo que contarán cunhas dimensións o suficientemente grandes como para poder ler o texto das páxinas web e o suficientemente pequenas como para que sexan equipos realmente portátiles (pesarían uns 890 gramos e a súa batería podería chegar ás 5 horas de uso, aínda que os modelos máis baratos só chegarían ás 3 horas).
Asus Eee no campo
Coido que cun dispositivo así, que non custe moito e que se poida levar por aí, poderá cambiar o xeito de ver a informática como algo asociado a un escritorio. Sobra dicir que non están pensados coma ordenadores principais, senón secundarios, xa que non teñen disco duro (senón que contan cunha memoria de estado sólido de capacidades entre 2 e 16 Gb segundo o modelo) nin lector de CD/DVD (para un menor consumo e peso), pero por outra banda contan con Wi-Fi, USB, webcam, lector de tarxetas de memoria e, aínda que veñen cunha distribución de Linux instalada (para aforrar custos) son compatibles con Windows XP.
Con esta nova gama de equipos imos ver cómo a Internet vai ter un consumo moi variado nos vindeiros meses, pois sempre quedará o uso dende o ordenador, ó que se engadirán os UMPC e os dispositivos máis reducidos (coma o iPhone ou o iPod Touch). Todo iso vai cambiar os xeitos de ver a Internet, e tamén o xeito de contribuír á mesma, xa que sospeito que van medrar moito os microcontidos (pequenas informacións achegadas dende dispositivos móbiles, xa sexan comentarios, imaxes, son ou vídeo) e a cobertura informativa dos medios de comunicación de masas vaise ter que axilizar (os reporteiros non terán que agardar a voltar á redacción para escribir e publicar as súas crónicas).
O peor é que todo iso pode crear unha nova especie de blogueiros compulsivos 😛

ACTUALIZACIÓN (10-9-2007): ¡Menuda coincidencia! Falo do OQO o ós 2 días baixan de prezo e melloran as súas prestacións. Agora o máis básico dos OQO 02 se vende a 1.299 dólares, o que seguro que agradecen os interesados en facerse co cacharro.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • Gayoso xa ten figura Pop! de Funko

    A pasada noite no programa Luar da Televisión de Galicia o melidense Manuel DeAndrade tivo a ben entregarlle a Xosé Ramón Gayoso unha figura Pop! inspirada na súa persoa,...
  • Os capos da Galega saltan ao baleiro

    O grupo coruñés Nortones estrea vídeo musical, Salto Al Vacío, da xente de Dreamovie, e que contou con moitas caras coñecidas: Un puntazo poder ver xuntos aos principais capos...
  • Colección friki dun espectador da Galega

    Hai uns días déuseme por recompilar algunhas das películas e series de televisión en DVD, figuras, e outras curiosidades que teño por casa para demostrar que criarse vendo a...