Agora que Manolo Gago volveu das súas vacacións quería dedicarlle unha entrada neste blogue falando do seu desexado Nokia N95, pois en Cnet enfrontaron ós dous terminais dun xeito bastante polémico, coma podedes ver no seguinte vídeo:
Para os que non pillen moi ben o inglés explicarei que Veronica Belmont compara os teléfonos en 5 categorías que relato:
- Atractivo: estou dacordo coa puntuación: 3-5 a favor do iPhone
- Navegación: a verdade é que a interface de uso do iPhone é revolucionaria, polo que tamén merece un 4-5
- Características: nesta sección non coincido en absoluto, pois a diferenza é moi pequena en favor do N95: 5-4
- Conectividade: temo que aquí a señorita Belmont mete a gamba por confundir os problemas de infraestruturas nos EE.UU. coas prestacións dos terminais e só dá un 4-3, cando o N95 ten Wi-Fi e HSDPA, ou sexa, que é un dos móbiles con mellor conectividade que existen no mercado (o que pasa é que en EE.UU. non tódolos operadores traballas coas mesmas frecuencias de 3G, de xeito que o N95 non vai igual de ben con tódalas compañías)
- Calidade de son: non os puiden comparar, pero o feito de que o iPhone estea pensado para a música lle vale unha mellor valoración: 4-5
Temos así que o resultado final é de 20-22, ou sexa, que o iPhone superaría ó N95 (comparando os resultados de 3 editores do mesmo medio o resultado final é 56-59, o que indicaría un resultado aínda máis axustado).
Pero, ¿por qué me parece que a comparativa é moi desigual? Sexamos serios, ¿as características globais do móbil só valen a quinta parte da puntuación? ¿Cando un compra un coche valora a suma da potencia e o consumo co mesmo peso que a cor? Está claro que a comparativa está moi sesgada. Hai que recoñecer que o N95 supera en todo ó iPhone agás que ten unha pantalla un pouco máis pequena e resulta menos atractivo exteriormente, pero por outra banda… ¡ten botóns! Os botóns para a marcación de números telefónicos ou coma reprodutor multimedia é moito máis cómodo que fozar cunha pantalla táctil.
Logo, a cámara do N95 é moitísimo mellor que a do iPhone, ¡e permite gravar vídeo! Ademais, o iPhone non ten MMS nin 3G. Co iPhone practicamente só se poden ver documentos mentres que co N95 se poden editar. E non esquezamos o GPS do N95, que nun principio pode parecer irrelevante, pero que pode ser unha prestación que co tempo se converta nun elemento a ter en conta.
Non esquezamos que o N95 acepta tarxetas de memoria, o que resulta moi interesante, e poida que nos vindeiros meses se venda un modelo con 8 Gb de disco que competiría con unllas e dentes co iPhone.
De facer a mesma comparación que no vídeo eu daría as seguintes puntuacións:
- Atractivo: 4-5
- Navegación: 5-4
- Características: 10-6
- Conectividade: 5-3
- Calidade de son:4-5
Con estas contas o resultado final sería 28-23, ou sexa, que poría por diante o N95, o que non quere dicir que eu fose a mercar un móbil ou o outro. Continúo a pensar que son terminais moi caros, e que mentres as tarifas planas de datos no móbil non sexan asequibles será difícil tirar proveito dos mesmos. Se Yoigo tivese cobertura en toda Galicia ou o Habla y Navega de Vodafone non limitase a velicidade despois do primeiro Gb de transferencia sería outro cantar. Ou sexa, que para o Nadal haberá que repetir estas elucubracións… agardando que con distintas conclusións 😉
Debe estar conectado para enviar un comentario.