Todos contra o lume

O drama do lume nos nosos montes é algo habitual que este ano chegou a proporcións inéditas, polo que hai que lembrar iniciativas como as de Aduaneiros Sem Fronteiras...

O drama do lume nos nosos montes é algo habitual que este ano chegou a proporcións inéditas, polo que hai que lembrar iniciativas como as de Aduaneiros Sem Fronteiras que xa no verán de 2004 se facían chamar Bombeiros Sem Fronteiras:
Bombeiros Sem Fronteiras 2004

Tiveron que repetir en 2005:
Bombeiros Sem Fronteiras 2005

E por desgraza tiveron que repetir este ano:
Bombeiros Sem Fronteiras 2006

Dende Aduaneiros e dende Arredemo están a convidar á xente a visitar unha nova web social chamada Arde Galiza que pretende converterse no referente cidadán sobre o problema que nos atinxe.

Despois poden dicir que a xente só se queixa cando é tarde… ¡pero a denuncia contra o lume leva moitos anos! Incluso algúns políticos chegaron a preguntarse ónde estaba o espírito de Nunca Máis agora (acusándoo de partidista) ó que responden os actores galegos cun manifesto:

NUNCA MÁIS LUMES!
actores contra o lume
DIANTE DA BARBARIE DESTRUTORA DO LUME QUE ASOLA O NOSO PAÍS, UN GRUPO DE ACTRICES E ACTORES GALEG@S QUEREMOS MANIFESTAR:

1.Que amosamos a nosa profunda solidariedade coas persoas que están a padecer directamente os danos e perxuízos deste atentado contra o noso Meio Natural de consecuencias lesivas incalculábeis para todos e todas, porque o territorio de Galiza é ben común das persoas que o habitamos, e corresponde a todas e todos sen exclusión a súa defensa incondicional contra a barbarie que pretende destruílo.

2.Que condeamos sen paliativos as accións criminais das persoas que con actuacións de todo tipo provocan lumes intencionadamente, porque, de feito, atentan contra o noso benestar, contra as nosas condicións e meios naturais de existencia e contra a nosa propia vida.

3.Que alertamos sobre a necesidade de extremar as medidas de precaución a tomar por cadaquén de nós, para evitar os descuidos persoais que poidan dar lugar a lumes non intencionados, porque cada cigarrillo que botamos fóra da xanela do coche nunha estrada, e cada botella de vidro que deixamos no monte, pode provocar o lume que nos prive dunha parte esencial do noso mundo.

4.Que chamamos á Cidadanía a denunciar calquera tipo de actividade que dea como resultado a queima irracional dos nosos recursos naturais poñen do a nosa vida en perigo, para contrubuír desde a responsabilidade colectiva a mudar a nosa idea social errada e extendida de que o lume erradícase extinguíndoo cando aparece.

5.Que expresamos o noso compromiso público de non esquecer a terríbel situación que vivimos estes días cando chova, para animar ás nosas concidadás e ós nosos concidadáns a ter sempre presente que a nosa obriga, é coidar da terra que temos, sexa cal sexa a súa climatoloxía.

6.Que poñemos a disposición da Cidadanía e do Goberno Galego a nosa colaboración desinteresada para levar adiante calquera actuación ou traballo que poidamos prestar en contra da vaga de lumes que padecemos, e para a súa prevensión cando non os padezamos.

En Santiago de Compostela, a 8 de agosto 2006.

Así, o malestar social parece evidente, o hoxe mesmo se producen mobilizacións cidadás. Agardemos que os políticos deixen dunha vez as súas cores de lado (que noxo da ver cómo aproveitan algúns o drama para saír na televisión) e se sumen á loita contra o lume. Todos contra o lume.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS