Abur, TDT, abur

Xa me estou fartando de malas novas, e a de hoxe era algo que xa me esperaba pero despois de tanto agardar xa pon a un de mal humor....

Xa me estou fartando de malas novas, e a de hoxe era algo que xa me esperaba pero despois de tanto agardar xa pon a un de mal humor.
Moitos xa saberedes que levo co proxecto de Código Cero preto de 5 anos, e que en setembro de 2004 me reclamaron para Santiago de Compostela de xeito que puidera axudar a levar adiante unha televisión local dende o mesmo grupo de comunicación, que se deu en chamar Código TV e que dende aquela emitía ata 3 horas diarias de produción propia en galego, de xeito que eramos unha televisión única en Galicia (entre outras cousas somos a primeira en facer un programa de temática gai).
Hai case ano e medio presentámonos para as licenzas de Televisión Dixital Terrestre, que para que non o saiba, é obrigado para poder emitir en TDT (e para poder seguir como televisión, xa que hai decretado un apagón analóxico para as televisión locais en 2008) e agardábase que antes do verán de 2005 se soubese o resultado do concurso. Non foi así: cambio o Goberno e agardábase que unhas semanas despois de tomar posesión outorgarían as licenzas… ¡e levamos case un ano agardando!

Touriño co mapa das TDT

Os rumores de cando sairía o asunto eran constantes, incluso se daba por feito que a cousa sairía en febreiro, e finalmente foi hoxe cando Touriño presentou o novo mapa de televisións locais para Galicia, quedando a demarcación de Santiago de Compostela para Localia, El Correo Gallego e o Faro de Vigo, de xeito que Código TV queda fora do reparto. Con isto xa queda claro que a televisión local que montamos xa non poderá seguir existindo como tal (a saber en qué se converte) e hai varias de cousas que me molestaron moito do asunto:
1- que lle van dar a licenza para facer unha televisión en Compostela a un xornal de Vigo (¡manda carallo!)
2- que tardaron 1 ano en dar unhas concesións que quedaron igual a cómo se rumoreaba dende as Eleccións Autonómicas (¿por qué nos fixeron agardar?)
3- que mandaron ó limbo a moitas televisións locais que emitiamos en galego dende hai anos (a agrupación de televisións locais Onda Nós, que tiña unhas 12 canles quedará agora con só 3 ou así, de xeito que o proxecto conxunto inicial xa resultará imposible de acadar).
E iso que tamén botaron polo retrete o concurso de Radio Dixital ó que tamén nos presentamos. E para quen non o saiba, para presentarse ós concursos hai que facer uns informes técnicos que custan unha pasta gansa, ou sexa, que se tiraron unha morea de cartos en facer documentos que logo non serven para nada.
Non estou nada contento co que vén de facer o Goberno do cambio pois se non coñecese o resultado das eleccións de 2005 xuraría que estamos co Goberno anterior. E ademais cónstame que hai moitos políticos que non querían que as cousas quedasen así, e que querían defender ás televisión históricas e autóctonas, para que non viñeran dende fora a impor o seu xeito de facer as cousas. Tamén se quería promover iso que din de facer país e ó final danlle as concesións a Localia e a dous xornais (e refírome de xeito extenso a toda Galicia, xa que en Compostela o caso de El Correo Gallego estaría fora do que falo, aínda que resultase concesionaria) que só publican textos en galego cando lles pagan por facelo.
Unha mágoa que rematase o asunto así, pero non hai que lle facer. Nós procuraremos seguir adiante, pero o sentimos moito polos compañeiros que agora teñen un futuro moi incerto. Unha aperta a todos.

Quen desexe máis información pode ler en Vieiros o seguinte:

Localia e Prensa Ibérica son os principais beneficiarios no mapa da televisión dixital local
Presentáranse 87 ofertas para 21 demarcacións territoriais, desde un máximo de 11 propostas para Santiago até o outro estremo no caso das Pontes, onde o concurso quedou deserto, e a Xunta aprobou un total de 46 licenzas. Localia, que concursaba a través de diversas empresas, terá emisión nas sete principais cidades, e destaca tamén o acceso ás cidades do grupo do Faro de Vigo. Varias emisoras locais que funcionaban de xeito estábel en analóxico deberán pechar emisión ao non recibiren licenza.

Explicou o presidente da Xunta este xoves á saída do Consello que en 13 das 21 demarcacións establecidas houbera tres ou máis ofertas, desde o estremo das once presentadas para Compostela á ausencia de propostas para a demarcación da comarca do Eume. Con todo As Pontes non quedará sen emisora dixital, xa que a norma establecera que dos catro programas de televisión local posíbeis, tres serían de titularidade privada e un de titulariedade pública, e neste caso concreto, As Pontes xa conta con tv pública local emitindo en analóxico desde hai tempo.

Relatou Touriño que as decisións tomáronse logo de recibir o informe solicitado polo goberno de PSdeG e BNG á mesa de contratación, para valorar sobre os dous anteriores xa elaborados para o anterior executivo, e subliñou que se decidira prorrogar o prazo e non iniciar de novo todo o proceso, atendendo a tres criterios: “non prexudicarlle ás empresas que xa presentaran as súas ofertas en forma e regra, non reabrir a competencia de forma distorsionada, e garantir o interese público no despregue das tvs”.

O presidente rexeitou valorar o novo mapa dixital local, onde a primeira vista, destaca o acceso ás sete principais cidades das emisións de Localia, pertencente ao grupo Prisa, que xa viña emitindo en analóxico. Localia recibiu concesión na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo a través da empresa Unión Temporal de Televisións Galegas, Utega, mentres que en Ferrol terá presencia a través de Radio Coruña SL e en Santiago vía Compostelavisión SL.

Do accionariado de Utega, con maioría da Cadena Ser e o Grupo Prisa, viña formando parte tamén a editorial Prensa Ibérica, coa terceira parte do accionariado. Porén, o propio grupo, editor dos xornais Faro de Vigo e La Opinión, recibiu concesión para tv dixital a través da sociedade unipersonal Faro de Vigo e de La Opinión SL na Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo e outorgóuselle tamén na comarca de Carballo. Nesta mesma comarca poderá emitir o proxecto da Editorial Capital, editora dos xornais EL Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa e Diario de Ferrol, e que recibiu licenza de tv dixital en cada unha desas áreas de actuación. Outro grupo de comunicación relevante, o Grupo Correo, accedeu a través da Editorial Compostela ás licenzas de Santiago, Vimianzo, Ribeira e Lalín.

Lembrámoslles que os grupos editores destes xornais optaran tamén ás licenzas de tv dixitais de ámbito autonómico, conseguidas finalmente polo Grupo Voz e a COPE, nunha decisión tomada polo goberno de Manuel Fraga xa en funcións, polémica ademais por privilexiar á cadea dos bispos, diante desa iniciativa conxunta da prensa galega á beira da produtora Filmax, que argumentaba ter un proxecto máis axustado aos requerimentos obxectivos do concurso. Está por ver, á vista do novo mapa, se estes grupos aproveitan aquel proxecto conxunto para establecer agora algún tipo de colaboración entre eles, combinando programación conxunta de ámbito autonómico con desconexións locais. Entre as paradoxais situacións creadas por esta concesión das tvs dixitais locais está a situación dalgunhas canles que xa emitían en analóxico e máis ou menos estabilizadas nos seus contornos locais, caso na comarca de Ferrolterra de Ferrol Televisión, ou de Código TV na área compostelá.

A LISTA COMPLETA:
A Coruña
-Carballo: La Opinión de La Coruña, S.L., Editorial La Capital, S.L. e Salitre
Multimedia.
-Coruña: La Opinión de La Coruña S.L., Editorial La Capital S.L. e Utega S.A.
-Ferrol: La Opinión de La Coruña S.L., Editorial La Capital S.L. e Radio Coruña S.L.
-Ribeira: Editorial Compostela S.A., Multimedia Comunicaciones e TV
Mancomunidade do Salnés.
-Santiago: Faro de Vigo, S.A.U., Compostelavisión S.L. e Editorial Compostela S.A.
-Vimianzo: Editorial Compostela S.A.
-As Pontes: declarada deserta.

Lugo
-Chantada: Chantada Comunicación S.L.
-Lugo: Telelugo El Progreso de Lugo S.L., Utega S.A. e Alternativas de Medios
Audiovisuales.
-Monforte: Telelugo El Progreso de Lugo S.L., Telemiño S.A. e TV7 Monforte S.A.
-Vilalba: Telelugo El Progreso de Lugo S.L. e TV7 Monforte S.A.
-Viveiro: Telelugo El Progreso de Lugo S.L.

Ourense
-O Barco de Valdeorras:Telemiño S.A.
-Carballiño: Telemiño S.A.
-Ourense: Telemiño S.A., Faro de Vigo S.A. e Utega S.A.
-Verín: Telemiño S.A.

Pontevedra
-Lalín: Editorial Compostela S.A., Multimedia Comunicaciones e Deza Visión S.A.
-Ponteareas: Rías Baixas de Produción e Josefa López Pousa.
-Pontevedra: Faro de Vigo S.A.U., Lérez Canal 29, S.L. e Televisión Pontevedra.
-Vigo: Faro de Vigo S.A.U., Utega S.A. e Rías Baixas de Produción.
-Vilagarcía de Arousa: Lérez Canal 29 S.L., TV Salnés e Editorial La Capital S.L.

Supoño que vos dariades conta de que as mesmas empresas aparecen con moitos nomes (especialmente Localia). Tamén se da unha versión do acontecido en Código Cero:

A Xunta adxudica as licenzas das televisións dixitais de cobertura local
O Consello da Xunta de Galicia vén de resolver, finalmente, a adxudicaciónn das televisións dixitais de cobertura local (vémolo neste PDF na páxina 13), nas que por certo non está incluída a nosa canle (Código TV), malia os esforzos do noso equipo por acadar un medio informativo que loitase polo galego, por achegar contidos de interese ós cidadáns de Santiago e a súa área e por mellorar a oferta comunicativa galega en si mesma.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño deu a coñecer os datos esta mañá en San Caetano: presentáronse 87 ofertas distribuídas de xeito diverso, sendo aprobadas as licenzas de 46. A oferta provinte das 21 demarcacións territoriais foi moi dispar, e por unha banda temos a Santiago de Compostela con 11 proxectos presentados, e pola outra está As Pontes, onde non se rexistrou ningunha oferta.
Por certo: non deixa de ser curioso que unha boa parte dos medios que agora xa teñen licenza sexan medios provintes de fóra de Galiza, quedando moitos da nosa terra fóra do grupo dos elixidos.Finalmente, a listaxe de licenzas aprobadas quedou desta maneira:

Carballo: La Opinión de La Coruña, Editorial La Capital e Salitre Multimedia

Coruña: La Opinión, Editorial La Capital e Utega

Ferrol: La Opinión de La Coruña, Editorial La Capital e Radio Coruña

Ribeira: Editorial Compostela, Multimedia Comunicaciones e TV Mancomunidade do Salnés

Santiago: Faro de Vigo, Compostelavisión e Editorial Compostela

Vimianzo: Editorial Compostela

As Pontes: declarada deserte

Chantada: Chantada Comunicación

Lugo: Telelugo El Progreso de Lugo, Utega e Alternativas de Medios Audiovisuais

Monforte: Telelugo El Progreso, Telemiño e TV7 Monforte

Vilalba: Telelugo El Progreso e TV7 Monforte

Viveiro: Telelugo El Progreso

O Barco de Valdeorras: Telemiño

Carballiño: Telemiño

Ourense: Telemiño, Faro de Vigo e Utega

Verín: Telemiño

Lalín: Editorial Compostela, Multimedia Comunicaciones e Deza Visión

Ponteareas: Rías Baixas de Produción e Josefa López Pousa

Pontevedra: Faro de Vigo SAU, Lérez Canal 29 e Televisión Pontevedra

Vigo: Faro de Vigo SAU, Utega e Rías Baixas de Produción

Vilagarcía de Arousa: Lérez Canal 29, TV Salnés e Editorial La Capital.

Primeiro Zapping, logo a TDT… estáseme rematando todo… chego a ter moza e xa sabería o que toca…

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS