Xantanza do Blogomillo en Compostela

O pasado domingo, entre Pawley e Dorfun montouse unha Xantanza (xantar+xuntanza) do Blogomillo no San Clodio (en Compostela), na que participamos preto de 30 persoas (e algúns que non...

O pasado domingo, entre Pawley e Dorfun montouse unha Xantanza (xantar+xuntanza) do Blogomillo no San Clodio (en Compostela), na que participamos preto de 30 persoas (e algúns que non somos máis frikis que persoas). Esta é a primeira vez que asisto, pero xa era o 3º encontro deste tipo, no que algúns coñecidos, e outros descoñecidos, nos achegamos co interese común de contribuír á blogosfera galega.
A variedade de asistentes foi brutal, con xente veterana no vivir (coma Muralla) e outros máis noviños (coma o fillo de Goretoxo) de xeito que tivemos un xantar bastante agradable que serviu para coñecernos mellor aínda que contou cun par de problemas:
1- non se podía fumar no local (polo que había algunha xente que estaba desesperada)
2- a mesa distribuíase ó longo, polo que só se podía falar coas persoas que tiñas ós lados e enfronte… estaría mellor unha mesa redonda ou mesmo cadrada

Para min tamén foi unha sorpresa que, cando ía de camiño para Santiago, me chamase ó móbil Conchi (tamén coñecida coma Jan) que é moza do meu curmán Pablo (O Breogán) e eu non sabía que ía a vir á Xantanza (non coñecía o seu alcume). Así, fumos xuntos ata ó María Castaña (na Raíña) onde nos comezamos a xuntar antes de ir ó San Clodio.

No San Clodio a cousa estivo ben, especialmente o intercambio de agasallos do Amigo Inblogsíbel, pero o momento que máis lembrarei do día foi cando, tras comentar certos detalles de Yolanda Castaño (e outros personaxes mediáticos de Galicia) lembraron que co gallo do Día da Patria a poeta escribira a palabra pel nunha parede da rúa de San Pedro polo que, cando saímos do San Clodio de camiño ó Parque de Bonaval, uns membros do clube de fans da Castaño decidiron hackear o graffiti, engandindo unhas letriñas que engadían moito significado á obra:
Pelexa

Despois, en Bonaval, a cousa foi relaxadiña, falando cada un do que lle cadraba, e acompañados de música brasileira, con versións en directo de clásicos de Djavan e mesmo de Bob Marley:
Fotografía tomada en Bonaval por Oko

Eu tiven que marchar cedo (ás 19:40) porque tiña que ir a cear a Melide, e cando lisquei aínda quedaba a meirande parte da xente por alí, e Modesto conta no seu blog que se xuntaron máis blogueiros coma o ausente Berto á troula. Unha mágoa non ter quedado ata máis tarde, pero a verdade é que non estimaba que o Xantanza se alongase tanto no tempo (pois de ser así miraría de quedar ata máis tarde).

Sen dúbida, un día a lembrar e repetir. A ver se antes de rematar o ano montamos outra troula semellante, para coñecernos mellor e dar posibilidades a que algún se poida dedicar a E.R.D.F.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS