Hai un par de semanas adiantaba que iamos ter na Galega unha entrega de Amor Na Rede moi friki, pero cambios de última hora levaron a que se intercambiase a emisión dos últimos programas, de xeito que o que se gravou como programa 6 finalmente é o programa 7 (xa dispoñible no servizo de televisión á carta da TVG), do que fun testemuña de parte da súa gravación, e que fíxome moita ilusión polo especiais que foi a parella protagonista, cos que milagrosamente non coincidira en BOOM! Film & Cómic e ExpOtaku.
Emitido o programa, rematou o embargo, e por fin podo publicar en Facebook as instantáneas que tirei durante a gravación do espazo televisivo. Aínda que o programa botou a andar en Vigo, a miña toma de contacto co mesmo foi na fermosa Finca Montesqueiro, un espazo moi coidado, que no mes de xuño lucía en todo o seu esplendor. Alí coñecín ao equipo de Jorge Algora, que me tratou como un máis, o que foi moi de agradecer.
Tamén me acheguei ao plató do programa, bastante riquiño, e no que vin unhas probas bastante curiosas que animaban o programa. E si, eu recoñecín á primeira o símbolo de Embrujadas.
A gravación rematou en A Fábrica de Santa Cristina, un restaurante bastante especial, que no tempo de verán sabe aproveitar a súa localización privilexiada. Alí apareceron Carlota e David lucindo cadanseu cosplay, aínda que en ambos casos precisaban explicar de quen ían caracterizados, xa que non o puxeron nada doado.
Carlota ía de Riko Aida, unha das protagonistas de Kuroko no Basket, un manga sobre baloncesto que contou con adaptación en anime, e que admito que non coñecía de nada.
Pero o cosplay de David Cousillas non queda moi lonxe, pois aínda que vai dun personaxe de Star Wars, non optou por un sacado das películas, senón do agora rexeitado Universo Expandido. Trátase de Darth Revan, un Lord Sith que aparecía no videoxogo Star Wars: Knights of the Old Republic. O máis curioso de todo isto é que cando chegue o vindeiro Nadal o Episodio VII da saga moitos atoparán semellanzas entre este personaxe e algún dos malvados cinematográficos. Ao final os deseños clásicos, por moito que Disney pasase deles, seguen a ter un toque clásico indiscutible.
Pero o mellor de todo é que eu marchei da gravación sen ver o momento das tarxetas de David e Carlota, polo que non puiden confirmar o resultado de Amor na Rede até que me crucei con eles na Hobbycon. Puntazo!
Todo un happy ending.
Debe estar conectado para enviar un comentario.