Amor Na Rede friki (I)

A comezos do verán puiden acudir á gravación dun programa de Amor Na Rede para facer unha reportaxe para a revista Código Cero: A TVG na procura do Amor.gal...

gravación de Amor Na Rede

A comezos do verán puiden acudir á gravación dun programa de Amor Na Rede para facer unha reportaxe para a revista Código Cero:

A TVG na procura do Amor.gal

Twin Shoes inspira un programa da Televisión de Galicia que poderemos ver durante o verán

No ano 2011 botou a andar unha startup compostelá chamada Twin Shoes, que emerxía como unha páxina web para a procura de parella estable, para o que se elabora un coidado perfil de cada usuario e permítese tamén a definición de filtros sobre o tipo de parella que se busca, conseguindo localizar afinidades para que os participantes nesta plataforma poidan comunicarse e explorar se poden levar a súa experiencia ao mundo real. Esta proposta resultou bastante atractiva dende o comezo, e xa nos seus primeiros pasos conseguiu o recoñecemento como Mellor Start-up Galega dos Premios Innova-G 2011 (outorgados por AGESTIC) e confirmándose a boa andaina do proxecto co I Premio Innova 2014 anos despois, deixando claro que non estamos ante a flor dun día, senón nunha iniciativa empresarial que ten un obxectivo ben definido e unha función social que cada día goza de maior aceptación.

De feito, non quixeron deixar a cousa aí, e o ano pasado sorprenderon lanzando unha aplicación móbil chamada Cómo Saber si le gusto, que podemos descargar de balde de Google Play, e que axúdanos a comprobar co noso smartphone o grao de atracción que temos con outra persoa interpretando sinais nunha mensaxe de WhatsApp, nunha chamada ou na linguaxe non verbal cando temos preto a esa persoa. A aplicación pode considerarse todo un éxito, xa que superou as 100.000 descargas en pouco máis dun ano, resultando rechamante o feito de que sumou máis descargas dende México que dende España.

Itziar VillarCollendo estes alicerces, dende Adivina Producciones decidiron cimentar un programa de televisión que este verán veremos na pantalla da Televisión de Galicia, Amor na Rede, conducido pola fundadora de Twin Shoes, Itziar Villar, con quen falamos sobre este novo proxecto, e comentounos que “o que facemos é que a xente vexa que buscar parella a través da Internet ao principio é diferente, pero despois realmente é o mesmo que cando coñeces a unha persoa nunha cea ou cha presenta algún amigo”.

Para ilustrar a aventura de buscar o amor na Internet, no programa levan da man aos participantes (captados en liña en moitos casos), conducíndoos a establecer un primeiro contacto a través da Rede, recibindo tamén asesoramento neste ámbito: “Axudámoslles a facer un perfil atractivo, dámoslles algúns consellos para a foto, como facer a presentación, que hai que ser sincero (porque realmente se queres alguén afín a ti non poñas que es como outra persoa, porque non o vas atopar)… Despois, o que facemos no programa, unha vez que esas persoas afíns se atopan, é pór todo da nosa parte para que xurda o amor ou que nun breve tempo saiban se esa parella despois pode seguir coñecéndose ou non”, comenta Itziar Villar, quen engade que “estamos a ter sorpresas, cousas moi bonitas e boas experiencias”.

O programa dirixido por Jorge Algora sitúa ás parellas protagonistas en 15 escenarios durante 50 minutos de televisión, someténdoos a xogos, experiencias, intrigas… facendo que a experiencia do namoramento sexa divertida para os participantes e para o espectador. Estamos ante un formato audiovisual que conseguiu combinar procesos de selección, entrevistas, probas de convivencia e compatibilidade profesionais, que demostran a súa eficiencia en vivo e animando ás persoas que están ao outro lado da pantalla a desbotar certos tabús sobre a busca de parella a través da Internet, tópico sobre o que a fundadora de Twin Shoes comenta que “agora parece que a xente xa non ten tanta vergoña a admitir que busca parella na Internet, porque xa levamos moitos anos con xente que o está a facer. O bo é que agora o utilizan todo tipo de usuarios: tamén temos no programa e podemos ver en Twin Shoes dende xente de sesenta e moitos anos até rapaciños de dezaoito. Os máis novos están menos neste tipo de páxinas de busca de parella estable, porque no seu ambiente teñen máis posibilidades de atopar xente que aínda non teña parella. Creo que é unha ferramenta moi interesante, sobre todo a partires dos trinta e pico”. Villar tamén salientou o feito de que as persoas que non se poden enmarcar “na xeneralidade” grazas ás ferramentas en liña teñen máis doado localizar persoas afíns, o que no pasado resultaba moito máis complexo.

A esencia desta evolución social podería entenderse como que “a xente quere estar acompañada e todas as ferramentas que lles podemos dar para que atopen o amor as van coller encantados”, segundo asegura Itziar Villar, quen confía que o novo espazo da TVG, Amor na Rede, poida converterse no Cupido galego, nunha sorte de celestina dixital que animará as emisións da Galega durante os meses de verán.

Resulta que o programa do que presenciei a gravación emitirase o vindeiro xoves, e precisamente por iso, os seus participantes, a viguesa Carlota Quintana e o coruñés David Cousillas, pasaron esta mañá por A Revista Fin de Semana da Galega, para someterse ao interrogatorio de Mon Santiso, que non quixo afondar moito para non estragar ningunha sorpresa:

Precisamente o feito de que non puidesen comentar detalles fai que a entrevista non tivese moita graza, xa que unha das cousas polas que teño que recomendar ver esta entrega de Amor Na Rede é porque David e Carlota sonche algo frikiños.

Acaso Borja, o concursante da semana pasada, coa súa camiseta do Capi, o seu disfraz de Superman e as súas figuras de acción non fora o suficientemente friki? Pois vese que non, e o programa friki será o do vindeiro xoves.

Loxicamente non vou adiantar nada, para non spoilear, pero tras a emisión da sexta entrega de Amor Na Rede intentarei publicar algunha cousiña máis para afondar no que aconteceu nun programa que os frikis galegos deberían ver. 😉

ACTUALIZACIÓN (27-8-2015): Houbo un cambio de plans, e finalmente esta noite non emitirán o programa friki, segundo vén de anunciar o director do programa en Twitter, senón que haberá que agardar á semana que vén. Que nervos!

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS