A primeiros de mes estreouse nunha chea de países o filme de Wonder Woman, polo que levo moitos meses esperando con ilusión, principalmente para poder comprobar se queda esperanza no Universo DC cinematográfico e, aínda que o feito de que as críticas previas á estrea eran excesivamente boas provocaba certa desconfianza, tras a fin de semana da estrea falei cun amigo que a veu no Reino Unido para confirmar que si era unha produción superior ás últimas de Superman e Batman, polo que decidín que tiña que ver a película antes da estrea española. Mulher-Maravilha, vou lá!
Agora estou á mesma distancia entre o día que vin o filme en versión orixinal e a estrea española, e non podo evitar soltar esta entrada con spoilers (simplemente para non ter que medirme constantemente sobre o que vou dicir), aínda que sexa simplemente para confirmar que, pese a non axustarse a ningunha versión do cómic de Wonder Woman, desprezar a mitoloxía grega e a historia das Amazonas e tes unha historia sumamente simple, a produción é unha gozada visual que resulta entretida e deixa ao espectador co dúbida de por que non se fixo nada así antes. Tan difícil era facer unha película dunha superheroína que non fose lamentable?
Lembremos como os filmes de Elektra e Catwoman eran auténticos desastres, e a clásica película de Supergirl deixaba claro que era unha produción cun orzamento moi inferior ao dos filmes de Superman (polo que quedou como un produto menor). Incluso podemos lembrar como a película de Red Sonja en España estreouse como El Guerrero Rojo, de xeito que omitían no título que a protagonista era feminina. Vaia, que as mulleres parecían malditas no cine de fantasía e superheroes… até agora.
A Illa Paraíso
A historia de Wonder Woman está repartida en tres actos, como as historias clásicas, comezado coa historia de Themyscira e as Amazonas. Se ben a historia mitolóxica é un auténtico noxo, pois parten do feito de que as Amazonas son creación de Zeus, cando tan punto de partida choca de fronte co propio espírito da película, e deberían ter adoptado a liña de George Pérez nos cómics, nos que as Amazonas eran creación de Atenea, Artemisa, Afrodita, Deméter e Hestia (de feito, as primeiras representacións literarias e artísticas das Amazonas estaban inspiradas nos deseños da deusa Atenea, ou sexa, con armaduras guerreiras, mentres que máis adiante adoptáronse representacións máis áxiles inspiradas na cazadora Artemisa). Incluso o feito de que Zeus crease a Illa Paraíso coas súas últimas forzas é unha cagada moi gorda (especialmente porque fai que un elemento chave na historia de Diana non teña sentido). Pero aceptemos polbo como animal de compaña…
Partindo de que as inmortais Amazonas son unhas guerreiras que están a adestrar constantemente preparándose para o regreso do deus Ares ao mundo, o escenario que pintan é unha fermosura, na que queda moi ben a historia dunha filla da raíña Hipólita (Lilly Aspell fai unha pequena Diana de escándalo) que quere loitar como o resto de Amazonas e que ten unha grande complicidade coa súa tía Antíope (personaxe interpretado por Robin Wright e que, sen lugar a dúbidas, é o que máis brilla en toda Themyscira), quen comeza a adestrala ás agachadas.
O que xa non resulta tan agradable é ver como narran o proceso de maduración de Diana dentro da illa, pois descobre os seus poderes xusto o mesmo día no que chega Steve Trevor a Themyscira perseguido por numerosos soldados alemáns.
Pero iso si, o enfrontamento das Amazonas cos soldados é unha escena de acción tan impresionante como puidemos ver nos distintos tráilers do filme.
Máis raro resulta ver como despois do combate interrogan a Trevor empregando o lazo da verdade, nunha estancia cunha arquitectura moi rara, deixando claro que na cultura das Amazonas non hai rastros da Grecia clásica, como correspondería a unha civilización extraída do mundo dos homes no momento no que aínda se cría nos panteón grecolatino.
Trevor conta que o mundo está a vivir a Grande Guerra, e ante a negativa das Amazonas a involucrarse, Diana ve como a súa vocación esperta e rouba unha espada mata-deuses e unha armadura para acompañar a Trevor no que considera que é unha misión para librar á Humanidade da guerra.
O Mundo do Home
Aínda que o recurso dunha Diana inxenua emprégase moito durante toda a cinta, resulta evidente que a súa chegada ao Mundo dos Homes non pode ser satisfactoria, pois atopa unha noxenta cidade de Londres en plena guerra, con miseria por todas partes, o que inicia todo un proceso no que pouco a pouco se dá a entender o mal que están as cousas e o pouco que pode facer unha persoa soa ante as desgrazas que asolan o mundo.
Chegados a este punto parece inevitable pensar que estamos ante un calco de elementos que xa vimos en películas como a de El Capitán América ou incluso atreveríame a dicir que o filme de Patty Jenkins bebe directamente da serie de televisión Agent Carter (cancelada por desgraza).
Tamén fan un pequeno aceno ao Superman de Christopher Reeve, cunha pelexa nunha calella na que imitan descaradamente o momento no que Clark Kent para unha bala dirixida a Clark Kent, e incluso fan que Diana luza lentes… pero a broma só dura uns segundos, ou sexa, que nótase moito que meteron ese detalle só para render homenaxe a un clásico de DC, o que non me parece mal, pois axuda a conectar co personaxe.
Rumbo á fronte
Dado que Steve Trevor é un espía, ten unha misión que cumprir, e tras dar conta de que os alemáns están a preparar unha impresionante arma química que desequilibraría as forzas no conflito bélico actual, o seu superior, Sir Patrick, rexeita apoialo publicamente, aínda que ás agachadas permítelle seguir adiante cunha misión para a que recruta a un orixinal equipo.
Deste xeito Steve e Diana non irán pola súa conta á fronte, senón que contarán coa axuda de Sameer, o Xefe e Charlie, un equipo con características singulares, que parece querer aglutinar unha serie de tópicos, o que non desmerece chegue a collérselle cariño.
O nacemento da Muller Marabilla
Pero os soldados que xuntou Steve Trevor son xente realista, e segundo van profundando no campo de batalla van deixándolle ver a Diana que non poden parar a axudar a todos os que ven no camiño, e teñen que limitarse a cumprir as misións que lles asignan xa que resulta imposible salvar a todos os que padecen por alí.
Diana négase a recoñecer a crúa realidade, e cando chegan a Terra de Ninguén, en vez de agochar a cabeza e seguir as instrucións dos seus compañeiros, opta por enfrontarse ao inimigo de cara, saído das trincheiras e colocándose como centro dos ataques dos alemáns, o que permitirá que os seus aliados poidan avanzar e así escalar posicións até conseguir unha grande vitoria. Para moitos é a secuencia pola que se lembrará a Wonder Woman no futuro.
Eses momentos permítennos ver o nacemento da Muller Marabilla, unha heroína que non só ten grandes poderes, senón tamén unha forte determinación para loitar contra as adversidades. E cando están a celebrar unha pequena vitoria tamén podemos ver como disparan unha fotografía ao equipo de heroes, explicando así de onde vén a instantánea que Bruce Wayne tiña de Diana en Batman V. Superman.
O enfrontamento final
Unha vez chegados até os malos, a cousa complicase, e mentres Steve Trevor quería infiltrarse discretamente para conseguir acceder aos experimentos da Dra. Maru e frustrar o desenvolvemento da arma química que cambiaría as tornas nunha guerra a piques de rematar mediante a sinatura dun armisticio, Diana busca un enfrontamento directo don Ludendorff, por dar por sentado que é Ares, crendo que se mata ao militar a Humanidade deixaría de sentir odio e remataría a guerra.
O desenlace da situación é toda unha serie de secuencias de acción con moitos efectos visuais, que para moitos é un dos puntos frouxos da produción, pois parece seguir así os pasos de Batman V. Superman, ou sexa, presentar un enfrontamento épico no que, en vez de ter un combate comprensible, asistimos a un desfile de efectos especiais xerados por ordenador.
Non só creo que o exceso de CGI sexa un problema nesta parte da película, senón que tamén o guión fai augas por todas partes, cun Deus ex Machina de libro. Se ben a historia de Steve Trevor remata de xeito maxistral, o máis que previsible combate final entre Wonder Woman e Ares non ten ningún sentido, sendo para min o único positivo o deseño de Ares, xa que o feito de que a súa armadura fose improvisada con cascallos creo que queda bastante ben, pois que no século XX un deus fose a un combate cunha armadura de hai 2.500 anos non tería moito sentido.
Pese aos problemas de guión e aos excesos finais, o filme remata dun xeito bastante digno, amosando a unha Wonder Woman bastante ben construída, da que aínda quedan aventuras por contar (en Batman V. Superman deixaba caer que xa matara a criaturas doutros mundos) e que visualmente conseguiu meter ao público no peto. Que Gal Gadot non teña parecido físico coas principais versións de banda deseñada de Wonder Woman non é un problema para que a partires de agora vaia ser a imaxe Wonder Woman que teña o grande público, aínda que sospeito que non van ser poucos os que saían do filme demandando un spin-off de Antíope.
Debe estar conectado para enviar un comentario.