Curtas 2016: Vilagarcía de Arousa ten algo especial

Hoxe hai xusto unha semana da miña visita ao Curtas Film Fest, evento que descoñecía por completo, e que este ano estreaba un festival da banda deseñada, o que...

Hoxe hai xusto unha semana da miña visita ao Curtas Film Fest, evento que descoñecía por completo, e que este ano estreaba un festival da banda deseñada, o que precisamente levoume a achegarme por alí, xa que os convidados do mundo da BD eran especialmente notables, o que finalmente foi unha decisión bastante acerta porque quede bastante satisfeito cun encontro que, aínda que ten unha organización un tanto confusa (principalmente por ter varias sedes), compensa polo bo ambiente.

Para min foi toda unha sorpresa o feito de chegar a Vilagarcía de Arouse e pasear por unhas rúas cheas de cafeterías e restaurantes con xente sentada nas súas respectivas terrazas, dando a impresión de que estabamos en pleno mes de agosto, algo que dubido que vaia repetirse en sucesivas edicións, e que propiciou que calquera levase un recordo moi especial do festival. Para os que fosen degustar unha das hamburguesas de La Malquerida xa non digo nada.

As exposicións

Logo, o espazo de exposicións, con obras de Juan Giménez e Salvador Larroca, estaba aderezado coas figuras de Spider-Man, Batman, Hulk e Iron Man que xa vimos na pasada Hobbycon e unha selección de figuras e animatrónicos de Monstros do Cinema, no que había material empregado realmente en gravacións cinematográficas de filmes como Gremlins 2, Terminator 2 e outros filmes, que realmente era un luxo poder ver en persoa. De feito, as pezas expostas estaban moi por enriba da media do que pode verse nunha das Expo Syfy.

As figuras no espazo de exposicións eran un luxazo para os visitantes, que non paraban de retratarse cos seus móbiles diante das súas figuras favoritas, e iso demostra que cada vez hai máis xente que non ten medo a amosar a súa face friki, e que agradece que non haxa que ir ao outro extremo do Estado para poder ver cousas así.

Alfonso Azpiri

O meirande reclamo para a miña asistencia ao Curtas era a presenza de Alfonso Azpiri, a quen admiro dende os tempos do Spectrum, e velo contando as súas anécdotas, compartindo as súas opinións e, especialmente, sendo moi próximo con todo o que se achegaba a el foi todo un pracer.

Detalles como o que chegou a cobrar 160.000 pesetas por páxina para Penthouse Comix; que a serie de animación de Mot chegou a producirse en Francia porque en España non paraban de darlle voltas ao proxecto sen chegar a nada; que non paran de xurdir intentos para levar a Lorna ao cine; ou saber que continúa a debuxar con ferramentas tradicionais son cousas que gusta escoitar da súa voz, e admito que quedei con ganas de volver a escoitar a este mestre.

Iso si, aquí si houbo un problema que a organización terá que solucionar no futuro, xa que non montaron megafonía, e aínda que ao comezo da charla non era precisa, segundo ía avanzando era máis complicado escoitar a Azpiri porque no andar inferior comezaron a acumularse moitos visitantes e o rebumbio que armaban era considerable. Tamén faltaba unha pantalla de grande tamaño para poder amosar ilustracións de Azpiri durante a charla, pero en calquera caso a charla foi moi entretida, e para min compensou sobradamente o desprazamento até Vilagarcía.

Juan Giménez e Salvador Larroca

Tras a charla de Azpiri Juan Giménez e Salvador Larroca realizaron visitas guiadas polas súas exposicións, e encantoume ver o majérrimo que era Giménez con todo o mundo, molestándose en explicar detalles das súas obras a quen lle preguntaba, e que incluso tivo que acelerar o ritmo porque con tanto rollo como tiña non deixaba tempo para Larroca quen, por outra banda, non era nada distante, algo que podería pensar dun autor que actualmente está a petalo nos EE.UU. coa serie de Darth Vader.

Iso si, era gratificante ver como a xente non perdía a cabeza polo éxito actual dun autor concreto, e sabía valorar a magnífica obra dos veteranos. Nótase que Giménez é un referente da cultura comiqueira de moitos lectores e, aínda que Larroca estea agora no candelabro, poderiamos dicir que os tres autores convidados son de auténtico luxo, e non parecía que en ningún momento nin o público nin a organización tivese predilección por ningún en concreto, o que daba pé a un evento tranquilo, que recorda ás presentacións que se organizan en librarías especializadas, ambiente que dificilmente pode respirase na meirande parte das feiras de cómic.

Os días seguintes

Por desgraza só puiden estar polo Curtas o sábado, pero polo que vin nas redes sociais, aos seguintes días foron un éxito apoteótico, coa celebración do Halloween e a visita da Tropa Korriban, o que coido que pode comprobarse cunha simple fotografía:

curtas_14906904_1087228958057317_8127015147425916171_n

Queda claro que non só as cidades poden acoller eventos frikis, e espero que o Curtas poida seguir nesta liña en futuros anos, á vez que tamén teño a esperanza de que os autores que visitaron Vilagarcía pasen no futuro pola Coruña, para que os moitos lectores que nin souberon do Curtas poidan gozar da presenza de estas figuras imprescindibles da banda deseñada.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS