Esta tarde quedei alucinado ao ler na sección de tecnoloxía de Europa Press que “Wozniak saca a poxa o Apple I orixinal por unha boa causa”, asegurando que o equipo está “valorado en 1 millón” pero, por que me sorprendía a nova? Pois porque non lera nada sobre o asunto nos moitos medios norteamericanos que sigo a diario. Como era posible que unha información deste tipo figurase publicada en primicia por un medio español? Pois a miña conclusión é clara: porque é mentira.
Para comezar a nova está encabezada por unha fotografía dun ordenador con caixa de madeira que non ten absolutamente nada que ver coa información, pero logo asegúranse barbaridades como falar do “primeiro Apple I, o orixinal, que estaba en máis de Steve Jobs”. Ou sexa, que resulta que existen un Apple I concreto coñecido como “o orixinal” e ninguén escoito falar del até agora?
Na peza incluso detallan que o equipo “estivo todo este tempo en mans de Wozniak” engadindo que é “o ordenador que el deseñou e montou a man” para despois fabricar 200 unidades máis “xunto a Steve Jobs”. WTF?! Steve Jobs axudando a Woz a montar ordenadores?! Está claro que a persoa que escribiu iso non ten nin a máis absoluta idea da historia de Apple.
Para completar aseguran que Wozniak puxo á venda a súa reliquia por unha boa causa, e resulta que o único certo de toda a información é que existe unha placa de Apple I en poxa até o 25 de agosto para recadar fondos para a Sociedade de Loita contra a Leucemia e o Linfoma (LLS).
Se a nova fose correcta a poxa non estaría en 510.000 dólares, senón que sería de varios millóns de dólares, por ser como atopar un unicornio, pero a realidade é moi diferente:
- Steve Wozniak foi o que soldou a placa orixinal, pero nada máis.
- O dono do equipo é un señor anónimo de Arizona que é o terceiro propietario do equipo que se sospeita que orixinalmente pertenceu a un traballador de Apple (pero non a Woz).
- Realmente non estamos ante un dos primeiros Apple-1, senón dunha rareza que nunca se vendeu ao público (de aí que se sospeite que fose un traballador de Apple quen a vendese en 1977 a un posuidor que non se desfixo do equipo até o ano 2000). Ao ser unha rareza o seu valor é moi discutible, pois realmente non se trata dunha peza histórica se falamos con rigor.
- O equipo enténdese que non funciona (o que faille perder moitísimo valor, xa que outros equipos vendidos nos últimos anos demostraron estar operativos) e de arranxalo tamén perdería mérito (xa que deixaría de ser orixinal).
- E non falamos dunha poxa con fins puramente benéficos, senón que o vendedor comprométese a doar o 10% dos cartos que reciba á LLS, cando se fose Woz o vendedor claramente irían todos os cartos para a beneficencia.
Non entendo como dende Europa Press poden publicar unha nova que pode desmontarse de arriba a abaixo con só mirar a páxina web da poxa á que eles mesmos enlazan. A única relación recente da mesma con Wozniak é que el deu conta da mesma na súa páxina web, probablemente pola súa achega a unha causa benéfica.
Desconfiando de PortalTIC
O que si me queda claro é que se ben as axencias de novas non son habitualmente fontes moi fiables (especialmente en ámbitos especializados como a tecnoloxía), no verán a cousa é aínda peor, e nos últimos días plataformas como PortalTIC están cheas de contido lixo, que non debería distribuírse publicamente e que, ao chegar a través dunha axencia de novas, transmitirase como os piollos.
Exemplos de trapallas publicadas nos últimos días? Velaquí uns exemplos:
- Cinco regras básicas que todo usuario de redes sociais debe coñecer: para limitarse a dicir que teñas sentido común. Os consellos son totalmente inútiles, pois un usuario inexperto nin sabe identificar a un troll, nin coñece os tipos de contidos que resultan ilegais e tampouco é capaz de identificar os contidos malintencionados. Ao falar de multas en dólares xa queda claro que estamos ante contido de moi pouca calidade, que limítase a coller unha nota dunha empresa e poñela en español sen pór en dúbida o que se conta.
- O teu ordenador tarda unha eternidade en arrincar? Segue estes consellos: din que se tes un disco duro que o cambies por unha unidade SSD (coido que ese non é o consello que busca alguén ao que o ordenador comeza a arrincarlle lento) e logo dan 2 consellos para OS X e 1 para Windows 10 (este último non serve para nada, pois di que fagas unha configuración que xa se fai de serie agás que ti indicases o contrario). Vaia, que estamos ante un titular que serve de cebo para un artigo que non serve para nada.
- Trucos para tirar o maior rendemento do teu smartphone este verán: que é un artigo que non ten absolutamente nada que ver co verán, e dá consellos que teñen toda a pinta de estar sacados dalgunha guía de hai varios anos, que un fabricante de teléfonos remitiu á axencia de novas, que a comeu con patacas. No artigo nótase moito que a persoa que o redactou non sabe como funciona Android e incluso confunde conceptos.
- Alonga a vida do teu ordenador portátil con estes consellos: outra de consellos chorras, como ter o portátil limpo e non darlle de hostias. De verdade hai que dar ese tipo de consello?! Logo din burradas que hai décadas que están pasadas como recomendar formatear o disco duro e a repanocha chega cando toca falar da batería, pois non dan un consello real, senón que mencionan dúas versións sobre o funcionamento óptimo das baterías para engadir que é cuestión de gustos… Como se a física fose algo opinable!
Se os comentarios que fan sobre as baterías fosen certos non habería portátiles con batería fixa!
O peor de todo isto é que esta cantidade de desinformación chega a través de medios nos que os consumidores confían. Eu o único que me atrevería a recomendar é que durante o verán ou as fins de semana, cando moitos medios meten nas súas páxinas información tecnolóxica de recheo, tratar todo o que se le con moita cautela e manter os consellos en corentena.
Debe estar conectado para enviar un comentario.