Facer balance dunha edición de Viñetas desde o Atlántico nunca é doado, principalmente porque a memoria de cadaquén pode xogar malas pasadas e idealizar momentos afastados no tempo, e se ben para min a mellor edición de Viñetas coido que vai ser sempre a primeira, por contar con moitos convidados do panorama norteamericano e pola ilusión causada por ter por fin unha grande festa do cómic en Galicia, esta última edición non quedou curta para nada.
Escoitar como había xente dicindo que este ano Viñetas era “máis cutre” que anos anteriores é algo que non acado a entender, pois parecía haber unanimidade en que estabamos ante unha das edicións de maior éxito dos 19 anos de vida do festival, pola atención captada, pola coherencia da súa temática, polo impresionante afluencia de público e incluso polos resultados económicos das casetas dos libreiros alí presentes. Si, sempre hai cousas mellorables, pero o balance xeral só pode ser positivo.
Mellor comunicación
A miña grande crítica ano tras ano era que Viñetas desde o Atlántico era un desastre a nivel de comunicación, especialmente na Internet, onde a súa presenza era ridícula, e iso sen contar o feito de que houbo anos que iniciada a feira aínda non se coñecía o seu programa, o que é unha putada xigantesca para os interesados en acudir que veñen de fóra e que así non poden planificar a visita á Coruña. Pero desta volta a páxina web oficial entrou en funcionamento coa antelación debida, e incluíu rapidamente a listaxe de convidados e o programa de actividades, o que só podo aplaudir.
Amais, aparte de Facebook e Twitter, este ano animáronse tamén a estrear conta en Instagram, que tivo unha resposta bastante boa para ser unha canle tan recente e aínda non coñecido polos habituais. Todos estes medios actualizáronse con frecuencia, avisando cando comezaban as charlas, dando conta de detalles interesante e, en definitiva, dinamizando o evento. Un traballo magnífico que confío en que continúe así en futuras edicións.
As exposicións
O Kiosko Alfonso, PALEXCO, o Concello, a Torre de Hércules, o Centro Ágora e a sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga acollen até finais de mes mostras moi variadas, non só dos convidados deste ano, senón tamén dos Premios Castelao de Banda Deseñada dos anos 2014 e 2015, de A voz do vento (obra con poemas de Manuel María e ilustracións de Jano) e a exposición Miguel EN Cervantes y el retablo de las maravillas, todo un luxo para a cidade.
O convidados
Valorar a calidade dos autores convidados a Viñetas este ano é algo moi subxectivo, pois depende moito dos gustos de cada un, e aínda que falando coa xente parecía que, por exemplo, nin diola coñecía a Cristina Bueno, tampouco é prudente criticar a autores emerxentes (merecen a súa oportunidade e o público tamén agradece descubrir cousas novas); non habendo ningunha dúbida sobre figuras como Pellejero, Daniel Torres, Juan Díaz Canales ou Nadar. De feito, poder contar con autores de obras como Blacksad ou as novas aventuras de Corto Maltés é un auténtico luxo, aínda que loxicamente a meirande parte dos focos apuntaban a Chris Claremont, historia viva do cómic norteamericano, principalmente polo seu tamaño á fronte da Patrulla X, sendo o autor que, xunto con John Byrne, marcou toda unha época dos personaxes, definíndoos e narrando unhas historias que cada pouco tempo están abocados a repetir (como a morte e resurrección de Fénix, as viaxes no tempo para evitar unha futura ameaza ou a loita contra a discriminación por parte dos marxinados).
De feito, o acerto da selección de autores resultaba evidente ao ver como as súas charlas contaron todas con moito público, aínda que no caso de Chris Claremont habería que facer unha anotación aparte, xa que foi unha mágoa que non se habilitara un local alternativo para que puidese asistir máis xente a unha actividade con tanta demanda.
A charla foi do mellor desta edición de Viñetas, cun Claremont moi próximo ao público, que contou moitas anécdotas con grande sentido do humor (incluso chegando a imitar nun par de ocasións a Stan Lee), e puxo en contexto a súa obra, para que entendamos que é froito do seu tempo. Tamén insistiu bastante no feito de que a Patrulla X é da Marvel e non súa, como acontece con boa parte da súa obra, e asegura que prefire traballar con personaxes propios, confesando incluso que tras deixar a colección de mutantes non volveu ler nada deles agás por motivos de documentación para algún traballo, por resultar “máis doado” ignorar que estar vendo como continúan outros o seu camiño.
Corto Maltés
Unha das tradicións de Viñetas desde o Atlántico é que en cada edición estréase algunha figura dun personaxe de cómic que se coloca ou nas inmediacións do Kiosko Alfonso ou en lugares emblemáticos da cidade, facendo así que toda a cidadanía sexa consciente da celebración da semana dedicada á banda deseñada.
Nos últimos anos a figura que se converteu en toda unha atracción é a dos Simpson, con grandes colas de familias que queren retratarse cos seus pequenos xunto aos personaxes televisivos, pero o resto de estatuas non están nada mal, e aínda que a de Blacksad coido que é unha das mellor acabadas, a deste ano de seguro que vai ter bastantes partidarios, pois trátase do Corto Maltés de Hugo Pratt, que confío en que os turistas non pensen que á unha homenaxe á emigración galega, e anime á xente a achegarse a un personaxe tan representativo da BD, que parece un descoñecido para o grande público simplemente porque aínda non fixeron ningunha superprodución cinematográfica sobre o mesmo (xa caerá, xa…).
Impresiones de la Isla
Nos anos 1993 e 1994 Camaleón Ediciones comercializou un cómic titulado Impresiones de la Isla no que Carlos Portela e Fernando Iglesias Kohell (ou конец se nos poñemos exquisitos) que valeulles en 1994 unha candidatura no Salón do Cómic de Barcelona como autor revelación e mellor guionista, converténdose en toda unha obra de culto que permaneceu inacabada (tiña que ter 10 números), e aínda que é moi probable que se retome esta serie no futuro, dende Retranca Editora quixeron darlle unha forma máis digna que cadernos de 24 páxinas orixinais, e preparou unha edición de tamaño xigante (24 x 37 centímetros) e 80 páxinas a toda cor con lombo de tea que é toda unha delicia para a vista (e un pesadelo para os estantes onde gardamos os cómics).
Viñetas foi o marco no que se lanzou esta impresionante reedición, que é unha sentida homenaxe á clásicos do viñeta como George Herriman (Krazy Kat), Cliff Sterret (Polly and her pals) ou E.C. Segar (Popeye), e que por fin poderá conservarse nunha edición máis que digna, que posiblemente se converta na recomendación de moitos libreiros galegos nos vindeiros meses á hora de suxerir tanto compras como agasallos para amantes da historieta. Non por nada durante esta semana conseguiron vender 200 exemplares, ou sexa, a quinta parte da súa tiraxe inicial, polo que todo pinta a que vai ser un grande éxito que axudará a que poñamos en valor o que fan os autores galegos.
Actividades variadas
Pero na carpa da Rúa da BD non só se presentaban cómics e fanzines, senón que tamén había outras actividades coordinadas polas Bibliotecas Municipais, que resultaban bastante enriquecedoras por achegar certa diversidade. Por exemplo, celebrábanse obradoiros de Hama beads, PlayMais ou chapas, maquillaxe para peques polas cosplayers Cherry & Bannana, concursos de temática friki por parte de Movemento Xove, obradoiros de banda deseñada impartidos por Xosé Tomás e incluso un concurso de cosplay da Asociación Mangalego.
Precisamente o concurso de cosplay foi unha das grandes decepcións deste ano, pois contou cunha participación moi reducida, probablemente pola falta de promoción e por mudar de día (anteriormente celebrábase os sábados, e desta volta foi en domingo). Non sei se nesas condicións compensa montar o concurso, pero o que si está claro é que a presenza de cosplayers dá moita vida a xornadas como as da semana que vén de rematar.
A Rúa da BD
Curiosamente, pese a que Viñetas desde o Atlántico é un evento programado, moita da súa actividade sáese do plano formal e, aparte de conferencias e exposicións, na zona das casetas comerciais chamada a Rúa da BD é onde hai máis movemento, xa que, aparte de poder mercar cómics (que é algo que moitos visitantes fan practicamente unha vez ao ano), tamén hai moitos autores que se poñen a asinar exemplares das súas obras e a facer ilustracións para os seus seareiros, o que é todo un luxo. Isto fano tanto os artistas convidados como outros que pasaban por alí, como Luís Davila (que tiña grandes colas para dedicar o último volume de O Bichero), David Rubín (que leva uns anos con moito material publicado, lo que até resultaría difícil elixir que levarlle a asinar), Emma Ríos (que continúa a ter grande éxito nos EE.UU., e sempre que se achega aparécenlle fieis afeccionados por todas partes), Perrilla (que estaba a estrear a súa obra La Gata Lunar) ou incluso Xurxo G. Penalta (que vendía un par de láminas e agasallaba aos compradores con pequenas ilustracións feitas directamente nas casetas, das que eu conseguín unha de Ulises 31).
Vaia, que o corazón de Viñetas vivíase na rúa, e este ano foi realmente impresionante o feito de que o propio luns, día que sempre estivo morto dende que eu recordo, os Xardíns de Méndez Núñez estivesen ateigados de xente, dando un ambiente impresionante ao primeiro día do festival. E non falamos só de paseantes, xa que as tendas aseguraron que as vendas foran moi boas e, aínda que cada un fala da feira como lle foi nela, escoitei que ao facer balance da semana unha das tendas, que vén dende a primeira edición, fixo a súa mellor caixa da historia, ou sexa, que a sensación de que este ano o certame foi un éxito rotundo parece ser algo máis que unha impresión persoal.
O motivo do éxito? Supoño que foi unha mestura de elementos que cadraron moi ben, como unha boa climatoloxía (non choveu ningún día, pero moitas das xornadas, pese a ser de calor, non eran de praia), coincidencia cun par de feiras do libro (o que sempre arrastra sempre), a celebración nos mesmos días de concertos das Festas de María Pita, que a poucos metros estivesen atracados os barcos da The Tall Ships Races ou o mero reclamo de ter como convidado a un autor tan relevante como Chris Claremont. En calquera caso, poucos serán os que levasen unha mala impresión deste Viñetas, e durante o domingo a meirande parte dos que por alí pasaban comentaban que se lle fixera curta a semana, e que xa estaban desexando que chegara o ano que vén. O listón deixárono moi alto, e agora queda por ver se conseguirán sorprendernos para celebrar coa cabeza ben alta o XX aniversario de Viñetas desde o Atlántico en 2017. Se traen a John Byrne, George Pérez, Neil Gaiman e Alan Moore eu xa firmaba. 😀
Debe estar conectado para enviar un comentario.