O 20 de marzo de 2007 comeza un blog no que un personaxe vai contando en primeira persoa os cambios que está a experimentar, que maniféstanse en forma de dor de cabeza recorrente, e que desembocan nun arrebato de violencia contra un veciño maltratador. Entrada a entrada imos coñecendo os progresos dun home que dende o primeiro día asegura que lle aconteceu “algo muy bestia”, levándolle a pensar que, como acontece nos cómics, pode aproveitar as súas novas virtudes físicas para converterse nun superheroe.
A historia foi cobrando vida, contou con numerosos seareiros que animaron ao autor para seguir adiante, e finalmente pechouse unha trama completa e pensouse en convertela nunha novela. Transformouse o texto orixinal nun novo manuscrito para movelo por editoriais con certas dificultades. O autor, Daniel Estorach, non quixo renderse e publicou a súa obra en Bubok (sistema de impresión baixo demanda) e na plataforma electrónica de Amazon, o que foi simplemente un tránsito até que Marge Books editou profesionalmente a novela Hoy me ha pasado algo muy bestia, cunha maquetación máis coidada e con distribución estatal. Ah, e en Cataluña tamén contaron cunha edición na lingua propia.
Pero a editora non se esforzou na distribución da obra, para frustración do autor que non paraba de promocionala e incluso estaba a traballar nunha secuela e, tras recuperar os dereitos da edición da novela, conseguiu pechar con Norma Editorial a edición de tres novelas que comporán a triloxía Crónicas de un héroe urbano. Hoxe xa temos nas tendas as edicións de Norma de Hoy me ha pasado algo muy bestia como da súa secuela, Identidades secretas, deixando claro que a historia vai moi en serio, e que unha ficción de superheroes española é posible.
A grande sorpresa chegou hai poucas semanas ás librarías, cando chegou unha nova edición de Hoy me ha pasado algo muy bestia, da que non respondía Estorach, senón que tratábase dunha banda deseñada guionizada por El Torres e ilustrada por Julián López, dous grandes profesionais que demostraron que a historia orixinal era moi viñeteable, e souberon condensar a novela nun tomo de 136 páxina a toda cor, que non ten nada que envexar aos comic books norteamericanos.
Se non me credes, botade un ollo ás páxinas de mostra que distribúe o autor nas redes sociais:
E por que solto eu agora a chapa sobre un cómic español de superheroes? Pois porque os responsables de BOOM! Film & Comic, nun acto de tolería, convidáronme a moderar o sábado 14 a presentación desta obra nun encontro no que estarán presentes Daniel Estorach, El Torres e Julián López, autores desta proeza editorial, e o guionista David Braña. Alí falaremos do novo xeito de contar historias de superheroes, contrastando vellas fórmulas e conceptos novos.
Para engadir hype a esta actividade, Estorach asegurou que ía realizar un anuncio que ía estar á altura do seguinte chío:
"Los superhéroes son la épica de nuestro tiempo" Made in Spain. pic.twitter.com/SgIPPrVhKT
— De la Iglesia (@alexdelaIglesia) April 26, 2016
Tomarémolo en serio? Teremos un anuncio alucinante? Ou estará a vendernos a moto este escritor que conseguiu que milleiros de frikis o seguiran en foros e blogs coma se fose o frautista de Hamelín? En poucos días sairemos de dúbidas.
Debe estar conectado para enviar un comentario.