Pasará a música de Prince literalmente a mellor vida?

Foi no verán de 1989 cando quedei alucinado con tema que se escoitaba na radio, Batdance, que parecérame toda unha tolería, levándome logo a flipar en cores co Partyman,...

BatmanFoi no verán de 1989 cando quedei alucinado con tema que se escoitaba na radio, Batdance, que parecérame toda unha tolería, levándome logo a flipar en cores co Partyman, na que o Príncipe de Minneapolis facía un Joker máis semellante ao do cómic que o que encarnaría Jack Nicholson na grande pantalla. Sobra dicir que merquei o álbum de Prince en vinilo, ben grande, para escoitalo unha e outra vez durante bastantes meses, chegando a adorar temas como Electric Chair ou Trust.

Ao pouco tempo de que comezase a seguir a Prince na Galega botaron o filme de Purple Rain (do que mercaría a banda sonora en CD) e tamén algún documental sobre o rexurdir do artista que se arruinara coa xira de Lovesexy. Durante bastantes anos escoitaba temas como When Doves Cry, Sign ‘o’ the Times, Let’s Go Crazy, I Wanna Be Your Lover, Little Red Corvette e moitos outros con grande gusto, aínda que o que rematou gustándome máis foi Cream, aínda que cómpre destacar que hai dous dos seus temas que hai que tratalos aparte, xa que conseguiron converterse en auténticos imprescindibles ao pasar pola voz doutros artistas: falo do Kiss cantado por Tom Jones e o Nothing Compares 2 U de Sinéad O’Connor.

Purple Rain

Pero tras a súa volta á primeira liña do mercado musical, e os seus conflitos coa industria discográfica, Prince non soubo volver conectar coas masas, o que non axudou nada a súa repulsión cara á Internet, de xeito que o que inicialmente era un músico innovador rematou converténdose nunha rémora para a música. Como manter a un músico diante dos focos cando rexeita que a súa música estea en YouTube ou en Spotify?

Agora estou triste polo pasamento dun artista ao que admiro pese a ter perdido o rumbo, pero queda unha esperanza no meu corazón ao pensar que é moi probable que a súa obra poida destacar agora que non está o seu autor para restrinxir a súa distribución. Teremos pronto os vídeos musicais e as actuacións de Prince en YouTube e a súa música nas plataformas de streaming? Apostaría a que si (de non facerse tal estaría a desbotarse un enorme patrimonio artístico e cultural) para compensar está última década de escuridade.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS