#Urxenciers no Francisco Balmis

Nos últimos anos as series de ficción que botan pola TVG están a conseguir un éxito impresionante, aínda que nalgún caso cústalles un chisco máis conectar coa audiencia, o...

urxencia_cero_03Nos últimos anos as series de ficción que botan pola TVG están a conseguir un éxito impresionante, aínda que nalgún caso cústalles un chisco máis conectar coa audiencia, o que parece ser o caso de Urxencia Cero, pois tras un bo arranque, non conseguiu manter o seu pulo inicial, no que dá a impresión de que se trata dun inicio lento, xa que o público tarda en empatizar con personaxes que descoñece, o que dificulta identificarse coas súas situacións.

Para facilitar a conexión entre os seareiros da serie e o seu proceso de produción, dende Voz Audiovisual organizaron o pasado venres unha visita guiada polas súas instalacións, seguida dun encontro con varios dos actores, no que tiven a sorte de participar, e só podo confirmar que estamos ante unha serie creada con moito traballo e ilusión, que merece unha oportunidade, pois non estamos ante a típica fórmula procedimental na que en cada episodio tratar un caso, e para de contar, senón que afondan nas historias de cada un dos protagonistas durante 15 episodios que sentan os alicerces dun universo que estaría moi ben que puidese medrar para que os guionistas poidan espremer o seu potencial a máis longo prazo.

Na visita puidemos ver como son os interiores do Hospital Francisco Balmis, moi ben recreado, dando a impresión de que estamos ante un hospital de verdade, traballo que temos que agradecer en boa medida a un dos presentes, Ángel Amaro, con quen tantas veces é posible intercambiar comentarios e impresións durante as emisións de Urxencia Cero e Serramoura, como tamén acontece co produtor executivo, Carlos Carballo, quen en non poucas ocasións actúa practicamente como relacións públicas das súas ficcións, o que sempre se agradece.

Aparte dos actores, quen si se agradeceu moito que se puxera a disposición dos visitantes foi Alberto Guntín, o guionista principal, quen explicou bastantes detalles, e realizou moitas matizacións, co coidado de non desvelar o destino final do doutor Daniel Losada, a quen está a “rematárselle o tempo” (non é preciso dicir que iso non quere dicir que tardemos unha tempada en saber as circunstancias que o levan ao borde da morte, pois en Cómo Conocía a Vuestra Madre estivemos anos sen coñecer á misteriosa muller).

urxencia_cero_02

Tras o percorrido polas instalacións, colocouse fronte aos visitantes unha boa selección do cadro de actores da serie, con Nacho Castaño (Dr. Xurxo Prieto) exercendo practicamente de mestre de cerimonias, e que estivo acompañado por Paula Morado (Dra. Laura Montes), Carlos Villarino (Dr. Daniel Losada), Patricia Torres (a enfermeira Catuxa) e Salvador del Río (Dr. Adolfo Serantes). Curiosamente a meirande parte dos actores ausentes non puideran acudir porque tiñan outras ocupacións como obras de teatro que se representaban esa mesma noite, polo que non só están desculpados, senón que incluso aledan aos seus seareiros ao saber que o mundo da interpretación continúa moi vivo. Iso si, moitos dos presentes botaban moi en falta a Dani Trillo, xa que parece que lle tiñan ganas ao Dr. Lois Ferreiro (a ver se durante a tempada vai mellorando o seu carácter, porque se non vai recibir lapotes dos seareiros!).

Os actores recoñeceron que non tiñan coñecementos médicos previos á serie, os retos que supuña dende suxeitar axeitadamente o instrumental até dicir os nomes de medicamentos e enfermidades sen trabarse, e tamén aseguraron que non estabamos ante unha serie ao uso da TVG, polo que supuña unha aposta moi decidida, que pagaría a pena se grazas a iso se mellora a visibilidade da tan necesaria doazón de órganos, o que confirmou José, un dobre transplantado (de ril e páncreas) que recoñeceu estar moi enganchado á serie, e que deu as grazas aos seus responsables por contar ese tipo de historias, abordando incluso situacións tan complicadas coma os transplantes intervivos, o que emocionou aos actores presentes.

 

Tras unha distendida conversa, os actores dedicaron autógrafos e pousaron cos asistentes, para que os #Urxenciers puidesen volver a casa cun bo recordo dunha visita moi agradable, na que conseguiron claramente que a ligazón entre audiencia e ficción se fortalecese.

Eu pola miña banda saquen unhas cantas fotografías que publiquei en Facebook para intentar dar boa conta do bo ambiente que alí houbo, e quedei mo sorprendido polo detalle de que unha das fotografías, coa cara de Paula Morado, colleu vida propia, e estaba a recibir unha cantidade de gústames desproporcionada que me dá a entender unha cousa: identificamos tanto os papeis que nos fan ver en pantalla, que cando descubrimos en persoa que os intérpretes son xente moi agradable e próxima, levamos unha sorpresa moi grata. Vaia, que a complicada situación na que está a Dr. Montes tapa a unha Paula Morado que con riscar un pouco a superficie xa podemos ver que é unha persoa que pode resultar tan simpática como Nacho ou Salvador (moito máis coñecidos pola audiencia da Galega).

De paso tamén quero desexar moita sorte a Patricia Torres, pois é unha actriz moi noviña, con moito futuro por diante, e que coa súa enfermeira Catuxa vai ser máis a “ama de chaves” da que se aproveita Lois. Estaremos pendentes á evolución do personaxe.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS