Por fin chegou a data, e Viñetas desde o Atlántico comezou con forma, non coma outros anos, nos que o primeiro día funcionaba a medio gas. Neste ocasión as tendas xa estaban funcionando con normalidade dende as 18:00 horas e ateigadas de público. Daba gusto comezar así unha semana de auténtica festa para os afeccionados á BD.
Eu, como levaba enriba o meu exemplar de El Infierno del Dibujante, aproveitei a ocasión para que Kiko da Silva, director da escola profesional de banda deseñada O Garaxe Hermético, me dedicase a obra sen ter que agardar á sesión de firmas. É impresionante o traballo que fai para que os lectores das súas obras poidan marchar cun bo recordo. Unha mágoa que teñamos que conformarnos coa versión en español da obra, pero éche o que hai. Recomendo botarlle un bo ollo, pois é todo un exercicio de estilo realmente destacable. Resulta difícil de crer que todas as páxinas saísen dos lapis do mesmo autor.
Un dos detalles que máis destacaría desta nova edición de Viñetas é que situaron numerosas estatuas en plena Rúa da BD, ou sexa, entre as casetas comerciais, achegándoas moito ao público, de xeito que están moi próximas ao público para facerse unhas fotografías con distintos personaxes de cómic. Durante a pasada tarde ¡incluso puidemos ver a un can posando! Iso si, a estrela continúa a ser o sofá dos Simpson, para o que os máis cativos non paran de facer cola para retratarse cos seus personaxes televisivos favoritos.
A media tarde foi a inauguración oficial do festival, coa apertura das exposicións do Kiosko Alfonso, para o que incluso había cola, o que resultaba bastante sorprendente (xa que as exposicións continuarán bastantes semanas abertas).
Pero tras saír do Kiosko Alfonso xa puiden presenciar momentos máis memorables, como a entrega a Xurxo G. Penalta dun exemplar de Banda Deseñada (onde se recolle unha entrevista sobre a súa vindeira obra, 8House: Kiem), o encontro ocasional entre Xurxo e Miguelanxo Prado (con moi bo rollo) e incluso a intervención de Carlos Portela nos informativos da Galega, cun Alberto Mancebo que parecía estar a trabar a lingua para non chamalo Dr. TNT.
Sobre a entrevista a Xurxo G. Penalta, podedes ver un fragmento en vídeo a continuación:
A entrevista a Carlos Portela no Galicia Noticias tamén está dispoñible en liña:
E un chisco máis tarde a TVG tamén volveu conectar para dar conta da apertura do festival para o Telexornal da noite, incluíndo unhas declaracións de Miguelanxo Prado (e cunha aparición miña de figurante ao fondo):
Debe estar conectado para enviar un comentario.