Co gallo do lanzamento do quinto volume recompilatorio das tiras cómicas de O Bichero e como anticipo da celebración da Festa do Melindre, Luís Davila visitou a Casa da Cultura a pasada tarde-noite para explicar a súa traxectoria no humor gráfico, amosar en vivo o seu xeito de traballar e dedicar exemplares da súa obra a quen se quixo achegar.
Davila contou como empezou a súa vida profesional traballando nun banco, pero finalmente a vocación púidolle máis, polo que rematou formándose na escola Pablo Picasso da Coruña e “despois de pasar por varias axencias de publicidade chamáronme do xornal, do Faro de Vigo. E no xornal traballaba de deseñador, maquetador, infógrafo… alí foi cando un compañeiro veu que me gustaba debuxar e propúxome e propúxome facer unha viñeta diaria. (Uff, eu non sei se vou dar, non sei se me dará a cabeza para sacar unha viñeta todos os días.)
Isto propúxomo dous días antes de que arrincase a delegación do Morrazo. Tiña dous días para decidilo. E dixen, veña! Vamos alá! Vamos a poñernos as pilas e tratar de sacar unha viñeta todos os días! E así foi!”.
O Bichero
Pero a tira de prensa de Luís Davila precisaba un nome, de aí que comentase que “decidín poñerlle O Bichero, unha ferramenta dos mariñeiros que é multi-usos. Tanto vale para arrimar un barco ao peirao, como para meter un peixe abordo. É unha ferramenta que ten multitude de utilidades e, ademais, remata en gancho e até lla podes tirar de rebolo na cabeza se fai falta. Entón decidín poñerlle O Bichero tamén pola ambigüidade da palabra: o bichero, os bicheríos e o bichos. Todo iso gustoume e aí lle quedou no nome de O Bichero á viñeta”.
Sobra dicir que este proxecto humorístico foi todo un éxito e aí que ao pouco “empezaron a saírme propostas de outras delegacións. Levaba un ano, ano e pico, funcionando a viñeta no Morrazo, eu falaba de temas de mariñeiros e a idiosincrasia da xente do mar, e temas locais de alí do Morrazo; entón a delegada de Lalín veu que a cousa gustaba, e propúxome facer unha viñeta para Lalín. Co cal eu animeime e pasei un par de anos facendo tamén unha viñeta en exclusiva para Lalín. Tiña que dividirme un pouco: estaba pendente da actualidade do Morrado e pendente da actualidade de Lalín, con toda a súa idiosincrasia. Pasaba de debuxar mariñeiros a debuxar xente do agro, do rural ou do interior, coas vacas, cos porcos… trataba de extrapolar o meu humor a esa xente.
E despois de Vigo tamén me propuxeron facer outra viñeta para Vigo. Chegou un momento no que pasei dous anos facendo tres viñetas todos os días e a cabeza empezou a ferver e dixen, imos parar e imos conglomerar todo ese coñecemento que adquirín neste tempo debuxando todo tipo de situacións (dende xente do mar a xente do agro e cousas de Vigo) e concentrámola nunha soa viñeta, que é a que neste momento na estou poñendo todos os días toda a carne no asador”.
A Rede
Se quedase aí o conto, posiblemente en Melide nunca chegariamos a escoitar falar de Davila e a súa obra, pero grazas ás posibilidades da Rede hoxe é toda unha celebridade a nivel galego, e todo por certo momento no que “decidín abrir un blog para ir subindo todas as viñetas de maneira cronolóxica, que quedasen ordenadas e que a xente puidese revisar viñetas por temas, por anos… iso supuxo tamén que as redes sociais entrar a formar parte como unha ferramenta de difusión bestial deste traballo que estaba todo recompilado no blog. E aínda que se comparte tamén a viñeta diaria no Facebook, no Twitter e mesmo agora polo WhatsApp, a xente rescata moitas viñetas e volven coller actualidade (con situación atemporais) e volver circular como a pólvora”.
Menú do Día
Coñecer a resposta do público a través da Internet é moi gratificante para Davila, pero como é un cu inquedo, continuou a darlle voltas ao seu proxecto , de xeito que xa leva ano e medio “colaborando con Carlos Blanco nun espectáculo no teatro levando os meus debuxos xa a una mestura entre o monologuismo e o teatro e o debuxo. Estamos co Menú do Día, rulando por toda Galicia. É un formato diferente no que recibes a resposta ao momento, en vez de esperar ao día seguinte para ver como fas o traballo. No teatro é debuxar e tes unha resposta inmediata da xente”.
Debuxando ao vivo
E para que puidésemos ver o seu proceso creativo, Davila fixo varias ilustracións en vivo, comezando pola célebre Dora. “Eu trato de debuxar o que vexo, e trato nas viñetas de debuxar personaxes dos que estamos acostumados a ver na casa. De feito, Dora a Desbrosadora todos coñecemos unha ou dúas… ou tres, ou vinte. Saímos fóra da casa e xa topamos a esa muller voluntariosa, superheroína… é a superheroína galega que, de feito, até ten o un traxe de superheroína, que é a súa bata de alivio ou de acotío, máis un póñoa coas luvas e coas catiúscas de goma para ir disposta. Tanto che bota un día enteiro labrando na leira, como pola noite che sirve unha mesa para trinta se fai falta. A esta muller galega fágolle unha homenaxe co meu traballo” – comentou Luís Davila mentres nos regalaba aos presentes cun enorme debuxo ao que seguirían outros, o que servía para comentar detalles como que “bebo bastante dese humor que aparece nos furanchos tomando unha cunca de viño” e que busca plasmar a “todos eses personaxes que nos identifican como galegos. Son referentes para calquera de nós”.
Festa do Melindre
E como o vindeiro 10 de maio vai celebrarse unha nova edición da Festa do Melindre en Melide, Luís tivo a ben facer unha viñeta na que destaca a repostaría local.
Esta ilustración puxo peche á parte máis forma da súa presentación, pasando logo a unha sesión de sinaturas, nas que conversaba coa xente da vila, e facía ilustracións dalgúns dos seus personaxes máis celebres nuns casos, e caricaturas noutros. Gaiteiros, Troskys, Desbrosadoras e moitos outros personaxes debuxados por Davila decoran agora o interior de varios dos seus libros, detalle que é de agardar que os lectores agradezan para continuar a ser fieis ao ilustrador durante moitos anos.
En Facebook publiquei unha completa galería fotográfica do evento.
ACTUALIZACIÓN (28-4-2015): Xa temos a tira de Davila sobre os melindres a toda cor:
Debe estar conectado para enviar un comentario.