Serramoura despide a súa primeira tempada

Onte tivemos unha curiosa noite de despedida da serie Serramoura da TVG, que demostrou ser o grande éxito da tempada, confirmando que cando se fan producións de calidade o...

Diego Bazán en plan Hamlet

Onte tivemos unha curiosa noite de despedida da serie Serramoura da TVG, que demostrou ser o grande éxito da tempada, confirmando que cando se fan producións de calidade o público acompáñaas coa súa fidelidade.

Esta ficción televisiva tardou semanas en conseguir que a TVG confirmase a súa primeira tempada completa, que sería de 22 episodios, aínda que, ao final, tivemos 24, o que permitiu que sementasen as bases para unha segunda tempada que comezará a gravarse o mes que vén e que agardamos poder ver despois do verán.

Para animar ao público a manter o seguimento de Serramoura, varios dos seus protagonistas mandaron un saúdo dende a gala dos 30 anos da TVG na que presentarán oficialmente a páxina web EnSerie.gal:

Fíxome graza que falasen do índice de criminalidade de Serramoura, un lugar malo para empadroarse, pero que aínda ten pisos para alugar. Iso fíxome lembrar o detalle de que o padrón municipal igual importa pouco na vila, porque no que vai de serie aínda non vimos a ningún político, o que resulta bastante sorprendente. Espero que continúen así para manter a coherencia, pero resulta refrescante ver que fuxiron dos tópicos locais como serían os alcaldes, os curas, as vilas veciñas (con rivalidade incluída) e moitos outros elementos tan gastados noutras series.

A tenente Marga Neira

Ao final, Serramoura pechou tempada demostrando que vai moito máis aló das súas tramas, e que o mellor traballa son os seus personaxes, que sempre conseguen ter os seus momentos. O asasinato inicial de Mónica Triáns foi só unha desculpa para explorar as faces máis escuras dos habitantes da vila, conseguindo que cadaquén tivese os seus momentos, de xeito que a sarxento Marga Neira (que confirmou o valor de Lucía Regueiro na pequena pantalla) e o sarxento Diego Bazán (quen permitiunos descubrir a Miguel Ángel Blanco) só fan de fío condutor de historias nas que podemos ver as rivalidades entre os Fiuza e os Soutelo, a ascensión de Santos de delincuente de pouca monta a empresario con poucos escrúpulos, a transformación dunha esposa infiel nunha conspiradora que podería desestabilizar o equilibrio de poder na vila, o descubrimento de que tras un personaxe encantador pode agocharse un perigoso asasino, a redención dun alcohólico, a ameaza dun asasino a soldo, a aparición de segredos do pasado…

sara_B6iqyfkCYAAnYOw

Incluso personaxes cativos como o axente Quique, que tras destacar como cortador de leña conseguiu gañar relevancia tras a entrada no xogo da prostituta Sara, irmán da camareira Luz (quen tamén sorprendería coa súa relación con Diego); ou incluso o toxicómano Peixe, conseguiron gañarse o corazón da audiencia, con tramas nas que tiveron certo peso, e demostrando que non eran personaxes planos.

Moncho dicíndolle a Marga que se Evaristo vai ao seu funeral ten que pegarlle un tiro

Nos vindeiros meses o que máis botarei en falta son as curiosas frases coas que nos agasallaban en numerosas ocasións Moncho e Santos; e mentres a serie non volve, teremos moitas cousas dando voltas na cabeza como:
– Terá algo que ver Evaristo co asasinato da nai de Marga? (lembremos que Moncho non quería que estivese presente no seu funeral)
– Tardaremos moito en ver como Santos deixa a cadea e volve ser un cidadán exemplar?
– Conseguirá Gloria vingarse de Evaristo e converterse no camiño nunha das persoas máis poderosas na vila?
– María volverá aos brazos de Evaristo? Descubrirase que a súa filla Helena é realmente filla do Fiuza facendo que o seu amor por Román sexa imposible?
– Veremos ao tenente Tomás Penedo libre de sospeitas de delitos durante máis de media tempada? (ten o gafe, o pobre)
– Estará unha muller detrás dalgún dos crimes que veremos na segunda tempada de Serramoura?
– Caerá Marga Neira nos brazos de Diego Bazán ou preferirá a Martín Soutelo, o novo doutor?
– Veremos en pantalla Cooper, o suposto cadelo de Álex?

Santos no xornal

Pero claro, todas estas cuestións non resolve a grande incógnita do que fai Álex de correspondente do xornal en Serramoura cando todos sabemos que realmente estudou Teleco: 😀

Aínda queda moita Serramoura.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS