Eu non son Charlie Hebdo

O semanario satírico Charlie Hebdo está a captar moita atención internacional despois de padecer un atentado terrorista (o segundo), polo que durante esta semana quixeron demostrar que seguían adiante...

O semanario satírico Charlie Hebdo está a captar moita atención internacional despois de padecer un atentado terrorista (o segundo), polo que durante esta semana quixeron demostrar que seguían adiante cun número especial cunha tiraxe de 5 millóns de copias que se esgotou a toda velocidade e, para chegar a máis público, estreou tamén unha aplicación para iOS, Android e Windows 8.1 (aínda que anuncian que é para Windows Phone, realmente está só dispoñible para Windows 8.1 na tenda británica, polo que case é como se non existise).

Esta canle de distribución dixital era coa que pretendían chegar a un público máis global, xa que ofrece dende onte versións en inglés e español da revista, pero este paso indignoume moito, pois parece que se trata directamente dun xeito de sacarlle os cartos á xente que quere amosar a solidariedade coa publicación, xa que non se molestaron en facer realmente unha versión traducida da publicación, senón que limitáronse a crear unhas capas de texto superposto (e carente de composición) de xeito que, cando picas nun texto podes ler a súa tradución, pero cando picas sobre a banda deseñada aparece sobre a mesma un recadro branco con todo o texto traducido, o que vén a ser algo así como ler unha revista con subtítulos.

Viñetas da revista sen tradución

Viñetas da revista sen tradución

Así pode verse a tradución ao español en dispositivos móbiles

Así pode verse a tradución ao español en dispositivos móbiles

A revista é practicamente ilexible e inmanexable nese formato, e incluso boa parte das viñetas quedaron sen tradución (por aparecer o textos fóra da área visible en pantalla) e iso sen comentar que a tradución é de baixa calidade (algunhas expresións que figuran parecen traducións literais, xa que en español non teñen sentido).

Todo isto podería entenderse se fose unha publicación de balde feita ás presas, pero cando tes que pagar 3 euros por tal trapallada rexeitando antes o teu dereito de desestimento (manda truco!) parece un auténtico abuso, pois estamos a falar dunha revista de só 16 páxinas.

Para colmo, a xente de El País demostrou o pasado mércores que podía facerse unha tradución digna da revista, publicando as súas páxinas centrais traducidas respectando a súa maquetación.

Charlie Hebdo en El País

Non me entendades mal. Eu estou a favor da liberdade de expresión, síntome agredido cando exercen actos de censura contra El Jueves ou Retranca, pero que tras vender 5 millóns de exemplares en papel (o que é unha barbaridade para unha revista que vendía 20.000 exemplares á semana), recibir máis de 1,4 millóns de euros en doazóns, e máis de 580.000 euros en axudas doutros medios, paréceme insultante que dende Charlie Hebdo tomen o pelo aos lectores de fala hispana cunha edición dixital inmanexable.

Nin que dicir queda que tampouco responden aos e-mails de soporte nin aos comentarios dos compradores que se senten estafados. Así non se fan as cousas. Iso non é facilitar a distribución internacional dun número reivindicativo, é facer pasar por caixa co mínimo esforzo a lectores que só levarán unha mala imaxe da publicación. Unha oportunidade perdida para un medio que estaba en serios apuros económicos (levaba meses sobrevivindo grazas a doazóns). A ver con que cara volven pedir axuda no futuro.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS