A edición deste ano de RetroCoruña foi un tanto desafortunada, pois non puido celebrarse na data de costume (a finais do verán) de xeito que a convocaron para o pasado sábado, un día nefasto para encontros deste tipo por coincidir que a noite anterior estaba media Galicia de cea de empresa e por estar un día de auga, frío e vento, que non animaba nadiña a saír da casa.
Pero pese a ter tantos elementos na súa contra, Sergio Modia, a xente a AUIC e outros voluntarios como os integrantes do Movemento Xove non quixeron que 2014 fose un ano sen RetroCoruña e seguiron adiante con este proxecto que en futuras edicións promete recuperar a forza de anteriores entregas.
Entre as cousas máis salientables que vin este ano podemos citar un portátil Sony Vaio C1 PictureBook (concretamente a edición xaponesa do PCG-C1) que é un dos mini-portátiles máis curiosos de finais dos anos 90, especialmente polo tamaño ultra-compacto, e por unha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución bastante rara (1.024 x 480 píxeles).
Sorprendeume ver un Gradiente Expert, equipo que tiña pinta de reprodutor de VHS con teclado, e que era realmente un modelo de MSX vendido no Brasil a partires do Nadal de 1985. Non tiña nin idea de que chegara a comercializarse un produto así (todos os MSX que viran antes estaban integrados no teclado).
No ámbito das consolas puiden ver en funcionamento a curiosa RetroN 5, unha máquina na que podemos conectar cartuchos de consolas Nintendo, Super Nintendo, Mega Drive, Game Boy, Game Boy Color, Game Boy Advance e poder gozar dos xogos destas plataformas nun televisor de alta definición moderno, incluíndo un mando Bluetooth pero sendo capaz de aceptar tamén a conexión dos mandos orixinais das distintas consolas. Unha auténtica flipada que non deixa de ser un emulador para coleccionistas de cartuchos, pero que ten o seu aquel.
Máis tentadora resultaba a tableta con Android GPD G7, que presenta unha aparencia semellante ao tableto-mando da Wii U, pero que serve principalmente para gozar de emuladores de consolas e ordenadores antigos, para poder gozar dos seus xogos cuns controis bastante confortables (en contraste con outros trebellos semellantes que saíron no pasado, e que tiñan uns botóns moi cativos e achegaban un agarre pouco natural). Ao contar cun pantallón de 7 polgadas os xogos poden verse moi ben e, no caso de querer aínda máis tamaño, sempre é posible empregar a saída micro-HDMI para conectar a tableta ao televisor. Este trebello corre perfectamente coa meirande parte dos xogos de máquinas recreativas, de portátiles como a Game Boy Advande ou a PSP, e incluso pode reproducir xogos de Dreamcast e de PlayStation. Unha auténtica pasada que en España podemos atopar por menos de 130 euros e que de importación podería saírnos incluso por menos de 90 euros, o que é todo un caramelo para os amantes da emulación.
Xa a nivel máis persoal podo comentar que foi un pracer poder conversar un anaco cos mozos de Akkad Estudios, que están a ultimar o seu novo xogo Lienzo en Blanco; poder probar o Colours de Axóuxere Games (que estreou beta pública hai poucos días); e incluso poder asistir ao relatorio de Antonio Rodríguez sobre os primeiros anos do Macintosh.
E na mesma liña do que fixen en 2013, este ano tamén publico unha galería fotográfica en Facebook e un pequeno vídeo para que os que non puideron pasarse por RetroCoruña poidan facerse unha idea do que se perderon:
Debe estar conectado para enviar un comentario.