Dous sábados con Jimmy

Hai uns anos que coincido con Jimmy de PixFans en numerosos encontros como a LaconNetwork ou RetroCoruña, e tras moitos meses sen vernos, finalmente estivemos presentes nun par de...

Hai uns anos que coincido con Jimmy de PixFans en numerosos encontros como a LaconNetwork ou RetroCoruña, e tras moitos meses sen vernos, finalmente estivemos presentes nun par de eventos dous sábados seguidos, o que foi de agradecer, xa que non sempre é doado facer cadrar as axendas.

MexilOnseTuits en Cangas

Comezamos en Cangas, no MexilOnseTuits, festival de social media que consiste nunha entrega de premios arroupada por un par de relatorios e outras actividades divertidas, que animen aos asistentes a acudir até o Morrazo a descubrir ese fermoso curruncho de Galicia á vez que se reivindica o uso profesional de redes sociais na nosa terra.

Salvemos a Galicia da megaminería

Nesta edición destacou especialmente a cara máis social, xa que a campaña de Salvemos Galicia da Megaminería conseguiu facerse con 2 galardóns (mellor campaña social e mellor vídeo viral), recollendo os trofeos Serafín González Prieto, a quen na fotografía podemos ver como se fixa no feito de que Ana Celia Vázquez (O Tempo da TVG, condutora da gala) levaba 2 smartphones nunha man (sodes un malpensados!).

Nacho Mirás e Xosé Bangueses

Pero o premio máis emotivo foi o que recolleu Nacho Mirás, xornalista que nos últimos meses está a narrar a súa loita contra o cancro no seu blog, facendo tamén un uso intensivo das redes sociais, e que está a ter moito éxito cun libro no que recolle a experiencia. De toda a súa loita destaco especialmente cando critica a ridícula burocracia á que ten que facer fronte dun xeito ridículo. A que vén ter que andar con papeis (si, papel nun tempo no que todo é dixital) e visitas periódicas para renovar unha baixa que dende o seu inicio ten xa unha data mínima? Vaia, que o único que impediría a renovación da baixa sería o pasamento do doente, polo que todo iso é case surrealista (nin que dicir que cando vas a renovar unha baixa o doutor non fai nada máis de darlle a imprimir ao ordenador, e co tempo pode que incluso o propio médico teña os documentos feitos antes de que chegues para aforrar tempo… si, hai doutores así de atentos).

Iso si, a crítica da burocracia non é da atención sanitaria, e Mirás quixo deixar iso ben clariño ao dedicar o seu premio á Sanidade Pública.

premiados no MexilOnseTuits

Do resto de gañadores recoñezo que gustei do feito de que Travi en la Cocina recibise o premio ao Mellor Blog de Gastronomía, polo mero feito de que a súa proposta era diferente ao resto, fuxindo da crítica gastronómica e sendo máis unha plataforma para animar a coñecer mellor a oferta gastronómica de Vigo.

Non nego que tamén me fixo ilusión que a xente de Vivir na Coruña saísen un premio entre brazos, pois é xente á que teño moito cariño e considero que fan un labor moi válido e necesario para a cidade herculina.

O feito de que os mozos de Vivir na Coruña fixesen unha auto-foto con Nacho Mirás reflecte moi ben o bo ambiente da xornada, como que Nacho tamén fose o primeiro en dar conta nas redes sociais da miña camiseta de Carlton Banks, coa que botamos unhas risas e incluso un par de mozas da organización do evento animáronse a facer o seu baile durante o paseo en barco pola tarde.

Barco? Dixen barco? Pois si, pola tarde demos unha volta pola ría, achegándonos até o transatlántico máis grande do mundo (que estaba de visita por Vigo), achegámonos ás bateas e incluso algúns dos asistentes puideron facerse cunhas das exclusivas camisetas que Reizentolo fixo para a ocasión grazas a un sorteo.

Inauguración de Alita Comics en Compostela

Alita Comics en Compostela

Pero a semana pasada tamén volvemos ás andadas. Un sarao máis no que participar: a inauguración de Alita Comics en Compostela. Un evento moi divertido, un volume incrible de asistentes e un xeito magnífico de descubrir un novo tempo friki en Santiago.

Xa na entrada da tenda podemos ver moitos produtos de mercadotecnia á venda. Figuras, xogos, maquetas… frikadas de auténtico nivel que axudan a introducirse na libraría.

No interior xa gaña peso a banda deseñada, cun stock bastante bo, que fai case imposible non atopar cousas do interese de calquera. Incluso pareceume xenial unha das mesas que podemos atopar na entrada, na que había volumes como Maus ou Ronin, que ao vela levoume a pensar: “Que cabróns! Puxeron isto aquí para cando entra alguén preguntando por un cómic para regalar!”. Eu pola miña banda deixaría de recomendar Maus, e se alguén quere ler viñetas de animais antropomórficos, que se deixe de coñas e que vaia directamente a polo último número de Mapache Cohete!!! 😀

Non falta na tenda o Pretty Deadly de Emma Ríos (que a semana que vén sairá á venda en España como Bella Muerte) e os primeiros tomos de O Bichero (moi recomendables para calquera seareiro de Davila que se prece).

Alita Corps

Aínda que moitos coincidirán no feito de que a marca Alita Comics ten forza principalmente pola súa xente. Os encargados das 3 tendas son boa xente, encantada sempre de axudar, e que tamén sabe recomendar boas compras. Sen dúbida estas persoas foron a chave do éxito de Alita na Coruña, e confío en que o mesmo se repita en Compostela.

A festa de inauguración contou coa presenza de compoñentes da Tropa Korriban, así como de bastante xente que se trasladou dende a Coruña (deixando claro que os clientes de Alita son xa amigos), e Sanmi incluso tivo o detalle de convidar aos caseiros, as persoas que levaban a tenda de Audio, representando un paso de relevo xeracional que tivo o seu aquel.

Wismichu con Dani Seijo

Iso si, algunha xente chegou aínda de máis lonxe que A Coruña, pois Wismichu trasladouse dende Madrid para non perderse esta festa. Así puido pasarme o seu novo número de teléfono (pois hai uns meses padeceu un Paula Vázquez, e tivo que dar de baixa a vella liña) o que aproveitamos para darlle un toque o xoves pasado dende o programa A Crónica da Radio Galega:

En conclusión, a inauguración de Alita en Santiago foi unha pasada, pero Sanmi e compañía non pararán quietos, e en novembro xa teñen montada varias actividades na Coruña. Seguiremos informando. 😉

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS