Esta tarde principiaron na Coruña as primeiras Xornadas de Ocio Galego Alternativo (XOGA), que durarán até o domingo, e prometen ser moi divertidas, completando o cada vez máis nutrido calendario de eventos frikis.
Para comeza a falar do asunto non podo deixar de comentar que o mapa que teñen na páxina web do encontro leva a engano, pois sitúan o recinto nunha zona residencial. O local en cuestión está moito máis doado de atopar, xa que éntrase polo propio Paseo Marítimo, un pouco despois de pasar o Colexio de Salesianos, e antes de chegar ao Hotel Meliá María Pita, no propio Pavillón de Salesianos (preguntar polo Albergue Beiramar é perder o tempo).
Aproveitando que comezaba o evento, chamaron por teléfono dende o programa A Tarde da Radio Galega, para preguntar de que ía a feira, e aparte de falar comigo, tamén intercambiaron unhas palabras con Pilar Losada, do Movemento Xove, unha das tres asociacións culturais que organizaron o sarao:
Metidos en fariña, a cerna de XOGA é un grupo impresionante de xogos de mesa a disposición de todos os asistentes que logo pode levarse a algunha do medio cento de mesas repartidas polo pavillón para botar unhas partidas. O surtido de xogo é realmente impresionante. Quedei con ganas de botar unha partida a Firefly, por ser fan da serie, pero iso de pórse a xogar a cegas, sen ter nin idea de que vai o conto…
E si, tamén había xogos de naipes, aínda que non eran precisamente a brisca e o mus.
Outros xogos tiñan figuras de todo tipo, e parecían moi entretidos, combinando elementos de táctica e estratexia para poder superar aos contrarios. Hai vida máis aló do Risk.
Outros xogos como o galego Infinity teñen uns escenarios moi currados, e durante a primeira xornada podíase ver incluso como traballaban nalgúns destes elementos, deixando claro que xogar é só a metade do divertimento.
E como colofón, quedei sorprendido por ver un iPod classic por alí, produto que descatalogou Apple o pasado día 9, polo que é xa unha especie en perigo de extinción. Parece mentira, pero o iPod xa é un produto retro, o que non debería sorprendernos, pois os smartphones ocuparon o seu lugar, e incluso a nivel de capacidade quedaron bastante atrás (moitos dispositivos xa aceptan tarxetas microSD de 128 Gb).
Debe estar conectado para enviar un comentario.