Pouca queixa podía haber da pasada fin de semana en Melide, cunha serie de actividades ao redor da celebración da XXIII Feira do Melindre a da Repostería Tradicional da Terra de Melide, como o I Concurso de Repostería Creativa Melipastel, que pilloume totalmente por sorpresa, xa que non souben da súa convocatoria ata que me avisou un dos seus participantes, Valentín Otero, un fiel oínte do programa A Tarde da Radio Galega.
Melipastel
A competición, pese a contar só con dous contrincantes, foi bastante dura, pois as propostas eran moi diferentes.
Por unha banda a proposta de Valentín era un postre moi colorido e extraordinariamente saboroso. A crema de queixo Arzúa-Ulloa estaba de medo, e as fresas que lle engadiu eran unha pasada, aínda que o detalle máis simpático era o melindre pop, un melindre bañado en chocolate negro que espero que copie algúen reposteiro local, pois como larpeirada para os cativos promete ser un éxito.
O seu contrincante era Francisco Manrique, que corre un grande risco coa súa estética proposta pois, de feito, durante a composoción da sobremesa estragóuselle boa parte do pudin. A idea era bastante boa, intentando representar o Camiño de Santiago por Melide, para o que tivo que debuxar a igrexa de Santa María nunha oblea dun amendoado.
No momento de escribir estas liñas aínda non sei cal foi o gañador, pero pareceume moi difícil a elección, xa que unha das propostas contaba cun grande soporte (aínda que resultando excesivamente laboriosa) e a outra, empregando igualmente produtos da terra, conseguía un sabor difícil de igualar. Eu teño claro cal pediría nun restaurante, pero descoñezo os criterios que empregou o xurado.
A Festa do Melindre
Xa o domingo tivemos unha das mellores Festas do Melindre que podemos lembrar, pois a combinación de promoción (toda a semana se falou da celebración en medios como a Radio Galega) e o bo tempo (chega con non chover para que a xente aproveite un domingo para visitar outras vilas) fixo que Melide estivese ateigado de xente.
O pregón correu a cargo de Federico Pérez (moi coñecido polos seus papeis de Moncho en Era Visto ou de Josito en Padre Casares), quen soubo manterse digno no escenario aínda que metese a zoca até o fondo ou dicir que os melindres levan anís (os de Melide, non).
Iso si, creo que é o primeiro ano que vexo ler o pregón cun iPad mini. 😉
Na propia Praza do Convento tamén estaban cas casetas dos vendedores de melindres locais, onde non falta o mono Chicho, sempre fiel ao Estilo, vixiando que ninguén marcase sen pagar. 😀
O resto de casetas que estaban no contorno ían dende outros negocios locais e doutras partes de Galicia, até unha boa selección de establementos que vendían repostaría e outros produtos de Portugal (e incluso do Brasil), o que deu un bo toque á festa, pois máis de un atreveuse a probar algunha cousiña nova que fose máis aló da repostería melidense ou das célebres Maruxas de Nata. Tampouco faltaban as actuacións esporádicas no medio da rúa, que animaban moito o ambiente, deixando claro que máis que unha feira, era unha festa.
Despois de deixar tan alto o listón, vai ser difícil manter o nivel en sucesivas edicións.
Debe estar conectado para enviar un comentario.