Esta mañá puiden participar no primeiro evento organizado polo GDG Santiago no que Andreu Ibáñez veu de Lleida para amosarnos as súas Google Glass e explicar o que son e para que serve esta tecnoloxía de Google que está a dar tanto que falar.
Andreu debullou os elementos das lentes, deixando claro que o prisma que fai de pantalla non emprega tecnoloxía de proxección (senón que é unha pantalla real), que a patilla transmite son ou ouvido mediante vibración ósea e que a súa cámara é capaz de rexistrar vídeo a 720p e tirar fotografías dun xeito máis que aceptable. Tamén puxo exemplo de uso desta tecnoloxía e chamou a reflexionar sobre o posible éxito deste tipo de tecnoloxía wearable, adiantando que a seguinte vaga podería ser a tecnoloxía hearable (ouvible) como tamén comentou o pasado martes na Radio Galega:
Ao final o que quedou claro é que o destacable de Glass é que o produto é moi pequeno e lixeiro (apenas se nota), que o seu prezo será asumible (hoxe 1.500 dólares son moitos cartos, pero estamos ante un produto para desenvolvedores, agardándose que o trebello final sexa máis barato e cun prezo moi inferior ao das solucións profesionais actuais) e que estamos só ante o principio dunha chea de innovacións que veremos nos vindeiros anos.
Vexo difícil que vaiamos atopar a moita xente empregando Glass pola rúa nun par de anos, pero o que parece claro é que as TIC non van conformarse con chegar ao móbil, e procurarán invadir cada vez máis faces das nosas vidas. Lentes, reloxos, pulseiras, calzado… todo é susceptible de introducirlle un chip, pero serán as aplicacións da tecnoloxía as que decidirán a súa adopción masiva. ¿Cal será a Next Big Thing? É difícil de prever, pero polo menos non podemos dicir que non se estean a explorar moitos camiños para innovar.
Debe estar conectado para enviar un comentario.