A pasada noite ICANN delegou unha serie de dominios de Internet entre os que se atopaban o .eus e o .gal, o que significa que tras máis de 7 anos de traballo por fin temos un dominio para a lingua e a cultura galegas, ou sexa, que o .gal xa existe realmente (aínda que só nun nome de dominio de carácter técnico e para probas, o nic.gal) polo que agora queda agardar a unha serie de fases para completar o desenvolvemento do dominio de primeiro nivel para que dentro duns meses estea dispoñible de xeito xeral para todos os galegos.
Non, esta páxina non mudará a marcus.gal nunhas poucas semanas, senón que inicialmente crearanse uns poucos dominios representativos para promocionar o lanzamento do dominio .gal (o que chamamos Programa Pioneiros), para que logo se abra un proceso de rexistro para entidades e empresas que teñan marcas rexistradas ou que queiran protexer a súa identidade na Rede. Completados estes procesos será cando o dominio abrirase totalmente e funcionará como un .com ou un .es, aínda que sempre cumprindo cunha normativa que precisa que as páxinas web baixo o .gal teñan algún tipo de vencello coa nosa cultura e/ou lingua. Ou sexa, que espero que despois do verán o dominio marcus.gal (e moitos outros) estea operativo, e non só intúo que iso vai supor o cambio do nome de dominio de empresas e institucións públicas, para ter unha presenza na Rede máis galega, senón que tamén confío en que a posibilidade de poder rexistrar baixo un novo sufixo promova a creación de novos proxectos na web. ¿Será o dominio .gal un incentivo para os contidos galegos na Internet? Sen dúbida. E incluso pode ser un catalizador para moitos outros proxectos e iniciativas. Estamos só ante os primeiros pasos dunha criatura cun futuro prometedor.
Debe estar conectado para enviar un comentario.