A miña teima por denunciar aspirantes a plataformas sociais na Internet baseadas en scripts comprados e de reducida fiabilidade e legalidade é de sobra coñecida, tras amarlle unha boa aos mozos de Pervi.es, escandalizarme polo caso que os medios fixéronlle a Parobook e desarmar unha lamentable venda de fume por parte de xente de Socialtrend.com, e aínda que no seu día xa fun moi crítico con plataforma social Vituin en Código Cero, teño que reincidir, pois esa xente segue na mesma teima, agás que parece que pasou de usar mooSocial (xestor de contidos á venda por 149 dólares) a optar por phpDolphin (que na súa versión básica custa só 40 dólares).
Pero non, non critico o uso de scripts comprados (de feito, aceleran moito a posta en marcha de negocios e iniciativas na Rede), senón o xeito de facelo:
– Vituin ten unha sección de privacidade e de protección de datos xenérica e totalmente falsa na súa web, pois para cumprir coa Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD) non chega con dicir que se cumpre e mencionar os ficheiros rexistrados a Axencia Española de Protección de Datos, pois ao non estar identificada a persoa (física ou xurídica) detrás da páxina web é igual a non dicir nada. De feito, por Vituin non atopo nada na base de datos da AEPD, polo que entendo que estamos ante un feixe de falsidades.
– A identificación do espazo web na súa sección Acerca de é lamentable, pois nin sequera dáse un nome formal á entidade detrás do proxecto. “Vituin, Gal” non quere dicir nada, e polo que eu sei, Gal non é sinónimo de S.L, S.C. ou S.A.
– Presúmese na súa portada de , cando realmente só está dispoñible a primeira. ¿Tanto custa editar os contidos xenéricos en phpDolphin? (da sección para desenvolvedores é mellor non falar)
– A plataforma social parece unha pantasma: pese a estarmos ante un proxecto nacido en xaneiro de 2013, se miramos algunha das fichas de usuario que saen na portada da súa web, non atopamos a ninguén con máis de 6 contactos dentro da plataforma, o que ten toda a pinta que se trata dos típicos amigos empregados para probar a ferramenta. Se non fose porque o espazo está en galego, tería toda a pinta de ser un cebo para roubar datos persoais.
En definitiva, que estamos ante unha páxina web que non inspira ningunha confianza, que vulnera claramente a lexislación española e que, para máis inri, preséntase cun discurso pedante.
Non acabo de entender que leva a alguén a meterse en semellante complicación, pois calquera cun par de dedos de fronte sabe que se vai traballar con datos persoais de centos de persoas ten que tomar precaucións. Espero que todo sexa froito da inexperiencia, e que o responsable recapacite no que está a facer.
Marcos Suárez Sánchez, quen en 2012 definíase como desenvolvedor e deseñador de páxinas web a partir de 300 euros . De ser el, entendo que a súa idade é o que lle levou a facer tolerías como intentar montar unha plataforma social sen ter constituída unha sociedade mercantil para limitar a súa responsabilidade.
Incluso creo que teño localizado á persoa detrás deste proxecto, que parece serAproveito para comentar que intentar crear plataformas na Rede baixo o pretexto de ter unha identidade galega, ou sexa, segmentar, parece unha estratexia difícil de sustentar ao longo do tempo, pois ¿que sentido ten facer un Facebook ou un Google galegos se as plataformas globais poden empregarse sen problema? ¿Acaso non temos xa as nosas redes sociais montadas en Facebook e Twitter? ¿Queremos máis proxectos que rematen como fará Tuenti dentro de pouco? Montar grandes infraestruturas é moi custoso, e se van dirixidas a un público reducido será imposible acadar o rendemento agás que teñas un patrocinador ou mecenas, algo que na conxuntura económica actual non sobra. Paréceme moito máis interesante (e necesario) actualmente investir os nosos esforzos en crear contidos na nosa lingua que preparar envoltorios para os mesmos.
ACTUALIZACIÓN (12-3-2014): O de Vituin está a ser surrealista, pois vexo que veñen de mudar as sección de Termos e Privacidade da súa páxina web indicando no texto que as novas condicións teñen efecto dende o 1 de marzo (¿Mande? ¿Agora normas retroactivas?). Por suposto, segue sen identificar ao responsable da web, non cumpre nin coa LSSI-CE nin coa LOPD, e nos termos do servizo indica unha chea de cousas das que din que Vituin non se fai responsable (incluíndo o dereito de cancelación de datos), o que non ten ningunha validez fronte as autoridades españolas. É como se eu poño un cartel no coche dicindo que non me responsabilizo dos accidentes que poida ter por conducir bébedo… podo poñelo, pero os contratos teñen dúas partes e sempre están por debaixo dos regulamentos superiores.
ACTUALIZACIÓN (16-4-2014): Neste momento Vituin xa recoñece ser un servizo responsabilidade dun veciño de Teo, Marcos Suárez Sánchez, que di respectar a LSSI e a LOPD, aínda que as bases de datos que ten dadas de alta na Axencia Española de Protección de Datos non fan ningunha referencia a Vituin, senón que limítase aos típicos ficheiros de xestión ordinaria dunha empresa (clientes, provedores, contabilidade, recursos humanos e currículos). De todos os xeitos, unha vez identificada a persoa que está detrás do proxecto xa pode confiarse un pouco máis no mesmo, aínda que dubido moito que unha cousa lanzada dun xeito tan alleo á sociedade poida chegar a callar (que ningún dos usuarios destacados en portada teña máis de 3 contactos na plataforma é moi mal sinal).
Debe estar conectado para enviar un comentario.