O martes e o mércores estiven por Francia para participar do #AXAdriveday, un evento organizado pola aseguradora AXA para presentar a medios dixitais a súa nova aplicación AXA Drive. Foi unha curiosa experiencia, esgotadora polos numerosos desprazamentos en avión e autobús, pero enriquecedora por permitir a relación con profesionais doutros medios e os desenvolvedores de AXA, así como visitar París e coñecer as actividades que ofrecen os circuítos de competición.
Bateaux Parisiens
Ao chegar a París, trasladámonos aos peiraos parisinos, para cear nun cruceiro no Sena.
Un enclave fermoso no que había moi boas vistas. Podiamos ver a torre Eiffel iluminada durante a cea, e tras a mesma, o barco deu un paseo polo río, permitíndonos contemplar a certa distancia o Museo do Louvre e a catedral de Notre Damme.
Durante o paseo puiden conversar con Juanma Nuevo, quen se encargaba de cubrir o evento para os amigos de DiarioMotor. Foi todo un pracer coincidir con el durante eses dous días.
Tamén estaba por alí Javier de Casacochecurro, un blog moi interesante que non coñecía, e ao que paga a pena botar un ollo.
Dentro do barco estivemos ceando, conversando entre nos e asistindo a unha presentación na que a xente de AXA comentounos a importancia da súa aplicación AXA Contigo (que vén de estrear versión 5.0 para iPhone e para Android) que facilita a presentación de partes de accidente, sendo conscientes de que cando temos un problema na estrada, tras chamar á familia toca falar coa compañía de seguros, polo que pór facilidades ao proceso seguinte resulta de grande utilidade.
Pero a aplicación móbil estrela que querían amosar era AXA Drive, unha ferramenta que pode rexistrar a aceleración, a freada e a brusquidade coa que damos ao conducir (grazas ao acelerómetro do móbil), para darnos logo unha puntuación e permitirnos comprobar o noso comportamento no mapa (valéndose do GPS), o que converte a condución nun xogo no que podemos competir con nós mesmos ou cos nosos amigos (os resultados poden compartirse en redes sociais). É toda unha sorpresa que AXA permita descargar de balde unha aplicación para iPhone e para Android como esta, pois non busca captar clientes, senón, simplemente axudarnos a conducir mellor, o que esperan que sexa en beneficio de todos, aínda que no futuro poderían aproveitar a información recollida pola aplicación para usos científicos.
Velaquí un vídeo no que resumen a velada:
Les Prés d’Ecoublay
Para pasar a noite trasladámonos ata o chateau Les Prés d’Ecoublay, unhas instalacións tan cómodas como fermosas, nas que foi unha mágoa que non puidésemos pasar máis horas, pois tiñan a pinta de ser moi agradables para pasear pola tarde (pero foramos alí só a durmir).
La Ferté-Gaucher
Para que puidésemos pór a proba a aplicación AXA Drive, o mércores visitamos os circuítos de La Ferté-Gaucher, onde nos dividiron en grupos para realizar unha serie de actividades. A min tocoume comezar polo que chamaban persecución, na que nos metían de paquete nun Honda Civic que ía a piques con outro vehículo igual, conducidos ambos por auténticos expertos, permitíndonos comprobar a velocidade dunha carreira dun xeito bastante impresionante, na que o cinto de seguridade non para de termar do noso corpo e non rachas a testa contra a fiestra do vehículo porque levas casco. Vaia, que moitos de seguro que preferían iso a ir a un parque de atraccións. Nin que dicir que con ese tipo de condución os pilotos non conseguían boas puntuacións no AXA Drive, pero comprobar logo no mapa o rexistro do circuíto permitía botar un ollo ao potencial da aplicación nunha escala reducida.
A xente máis atrevida tamén quixo probar a subir de paquete nunha moto conducida por un auténtico campión (sinto non lembrar o seu nome, pero é que non teño nin idea de motociclismo), sorprendendo a moitos o valor que lle botaron María e Raquel (de ElMundo.es e Blogestudio respectivamente), pois foron das primeiras e ousar a probar a experiencia de alta velocidade sobre dúas rodas.
Pero eu non era o único galego que anda por aí a facer o cafre, senón que tamén estaban presentes Luis Yáñez e Eugenio Estrada de Difoosión, unha rede de blogs moi prometedora que están a emprender dende Sada. Vaia, que ao final houbo bastante presenza galega para un evento no que había xente de varios países, e nos que se escoitaba falar en español, inglés e francés.
A segunda quenda de probas en circuíto foi a que máis gustou a todos, pois permitíanos poñernos ao volante dun coche á nosa elección entre un Porsche, un Ferrari e dous Lamborghini. Eu elixín o Lamborghini Gallardo porque era o que pedía todo o mundo, polo que entendín que sería o mellor (admito que non teño nin idea de coches) e iso de conducir un vehículo con cambio de marchas no volante e que colle os 150 Km/h en segundos é algo que non se fai todos os días. Tiñamos un guía no coche explicando como coller as curvas, cando frear, reducir marcha ou acelerar, e o que me tocou a min era bastante agradable. Demos un par de voltas ao circuíto, e seguindo as indicacións comprendín por qué son tan malo nos xogos de coches. Iso si, por moi exclusivo que resulte o Lamborghini, no que a comodidade se refire leva un rotundo cero (é como ir nunha caixa de xoubas).
Xa na sesión de tarde tivemos unhas probas máis curiosas. Por unha banda montamos equipos para competir nun curioso reto que consiste en, cuns lentes que simulan un alto nivel de alcoholemia (un par eran como 0,8 e outro de 1,5), ter que levar un vaso de auga nunha man mentres superamos uns conos cun tractor e logo comprobar que equipo consegue xuntar máis auga en menos tempos (con penalizacións por tirar conos). A proba marea, e resulta bastante revelador ver como en certos momentos tes que guiarte ás apalpadas ou polo que din os teus compañeiros de equipo… deberían este tipo de actividade en colexios e/ou autoescolas, para que a xente se conciencie sobre os efectos do alcohol.
E para rematar a xornada, tocounos unha proba de condución a cegas, que tiñamos que superar en parellas. Cos ollos vendados tiñamos que superar uns conos seguindo as indicacións do noso compañeiro. Un reto bastante divertido, incluso gusta ver cando o fan outros (especialmente cando levan os conos por diante). Sorprendeume que rematamos a proba con boa nota (puntuei con tres 100 no AXA Drive).
Para resumir a xornada, dende AXA elaboraron o seguinte vídeo:
De volta
Xa en Galicia aproveitei que nos deran a funda de condución dos circuítos e regaleille a miña a Ricardo Alonso (Radio Galega) para que posase para o Facebook do programa A Tarde:
E nos meus desprazamentos polas estradas galegas tamén estiven a probar o AXA Drive:
Se vos animades a probar a ferramenta móbil, xa me contaredes a vosa experiencia.
Debe estar conectado para enviar un comentario.