Viñetas, chapas e xabaríns na Coruña

Chega a fin de semana, e toca despedirse de Viñetas desde o Atlántico, evento que mañá botará o peche no que foi unha edición un tanto rara por coincidir...
Cartel dunha festa que se celebra hoxe co gallo de Viñetas desde o Atlántico

Cartel dunha festa que se celebra hoxe co gallo de Viñetas desde o Atlántico

Chega a fin de semana, e toca despedirse de Viñetas desde o Atlántico, evento que mañá botará o peche no que foi unha edición un tanto rara por coincidir no tempo coa Feira do Libro como por contar con convidados que xa acudiran a anteriores edicións, o que non reduciu o bo ambiente habitual deste tipo de encontros nos que podemos volver ver a xente coa que resulta difícil atoparse noutras datas (principalmente polo horario laboral de cadaquén).

Entre as persoas que saúdo ano tras ano non faltan os compañeiros da Asociación Funcomic, que no seu expositor contaban este ano coa súa xa habitual colección de chapas á venda, na que atopábanse dende imaxes moi divertidas ata iconas que espertan a nosa memoria. Algúns dos acabados son realmente espectaculares, como as chapas cos logotipos das casas de Canción de Hielo y Fuego/Juego de Tronos, que cos seus dourados e prateados deberían estar a atraer aos fans da serie de televisión e dos libros como as luces aos insectos. Pero non faltan chapas de videoxogos, de Batman (tanto dos seus logotipos como das onomatopeas que podiamos ver na serie de televisión dos anos 60), de moitos superheroes, de grandes clásicos do Xabarín Club (Son Goku, Heidi, Keroro, Candy Candy, Arale…), de series de televisión (El Gran Héroe Americano, V, Expediente X, El Equipo A, Thundercats, Poder Rangers, Dragones y Mazmorras, Dr. Who, Los Simpons, As Tartarugas Mutantes, Futurama, Star Trek, The Big Bang Theory…) e moitas outras temáticas. É difícil non atopar algo que sexa do noso agrada ou que non faga espertar certos recordos nostálxicos nalgunha das chapas que están á venda.

O Xabarín Club estrea revista oficial

presentación da revisa OINK!

E xa que cito as series do Xabarín Club, non pode deixar de comentar que esta mañá presentouse en Viñetas desde o Atlántico a revista oficial do programa de televisión, que leva por título OINK! e que busca ser un referente para os mozos de Galicia.

presentación da revista OINK!

O número 0 da publicación pode atoparse nas casetas de Viñetas dende o pasado xoves, recollendo bandas deseñadas de Miguel Robledo, Marilar Aleixandre, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Jacobo Fernández, Víctor Rivas, Miguel Porto e Pinto & Chinto, o que supón un bo adianto do que será a publicación que parece recuperar o espírito de Retranca, pero dirixíndose a un público moi concreto (polo que tamén podería compararse coa revista Golfiño) e nun formato xigante (ten tamaño de xornal) o que sospeito que vai ser todo un problema para quen queira subscribirse á publicación (na miña caixa de correo estou certo que non hai xeito de meter a revista sen escarallala todiña). O 26 de agosto será cando o número 1 verá a luz e poderemos comprobar en primeira persoa a resposta que o mercado a esta proposta que axudará tanto a dinamizar á mocidade e ao sector da creación.

Nas casetas da Rúa da BD tamén había estes días numerosa presenza de produtos que, sen ser propios do cómic, resultan bastante atractivos para os seareiros das viñetas, como bonecos de personaxes de televisión (dende Epi e Brais ata a admirada polo profesor Jorge Mira, a abella Maia). E no espazo de Bill, como xa comentei o outro día, non só había videoxogos clásicos, senón que incluso podía xogarse cunha Nintendo 64, o que agradecerán moitos nostálxicos (ou xente que non chegou a ver tal máquina no seu día).

Pero non creades que Viñetas é só unha visita divertida para frikis, pois simplemente para pasear e sacar unhas fotos xa ten o seu aquel. Onte mesmo achegouse o meu irmán para posar xunto a Hellboy, Carpanta e Blacksad, aínda que con este último, en vez de parecer que Xurxo emulaba ao detective felino, tiña toda a pinta de querer imitar a Hiroyuki Tagawa:

Hiroyuki Tagawa en Mortal Kombat

Para concluír non podo evitar reivindicar a continuidade de Viñetas desde o Atlántico, pois aínda que algúns vexan o evento como unha actividade menor, é o principal referente do sector comiqueiro en Galicia e posiblemente sexa a actividade que se celebra na cidade herculina que máis sae nos medios de comunicación, tanto autonómicos como estatais (que pasan olimpicamente da Feira do Libro ou da Feira de Artesanía, que son xornadas con moita menos personalidade).

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS