Nissan Leaf: o futuro da condución urbana

Durante este mes o blog de tecnoloxía e coches de nova xeración Tecmovia está a desenvolver unha serie de probas cun coche eléctrico Nissan Leaf, abordando temas como a...

Nissan Leaf

Durante este mes o blog de tecnoloxía e coches de nova xeración Tecmovia está a desenvolver unha serie de probas cun coche eléctrico Nissan Leaf, abordando temas como a complexidade de instalar un punto de recarga nun garaxe comunitario (que souben esta mesma tarde que casualmente tratábase do garaxe do meu edificio) ou o consumo real do vehículo tras 14 días de uso diario (¡2,22 euros por cada 100 quilómetros!). Por suposto, tamén dan conta do grande problema deste tipo de vehículos: a autonomía (aínda que unha batería completa podería chegar a facer 175 quilómetros, iso sería un mundo ideal, ou sexa, que non permitiría un viaxe de idea e volta entre A Coruña e Santiago de Compostela sen recargar).

Temos así que os coches eléctricos de hoxe son ideais como un segundo coche para ir ao traballo e moverse por cidade, pero non para viaxar, aínda que estamos ante unha limitación que é de agardar que desapareza co tempo. E aínda que poida parecer que o aforro enerxético é o grande argumento para optar por esta tecnoloxía, tal vantaxe desaparece polo elevado prezo que teñen os vehículos actualmente, quedando sobre a mesa o que penso que é realmente decisivo á hora de adquirir un coche como o Nissan Leaf: a comodidade.

Daniel Seijo conducindo o Nissan Leaf polas rúas da Coruña

Tras as probas reais do vehículo, dende Tecmovia decidiron deixar que unha serie de afortunados poidamos probar este destacable automóbil, e tiven a honra de ser o primeiro desta experiencia, achegándose Daniel Seijo até o meu barrio para deixarme pór as poutas enriba ao Leaf (que curiosamente non tiña o logo da vila de Naruto por ningures). Deume unhas nocións de condución para guiar un coche automático, e tras afacerme a non ter que usar o pé esquerdo para pisar o embrague nin o brazo dereito para cambiar de marcha, boteime ás rúas coruñesas para dar unha volta e probar a moverme por distintos escenarios.

O vehículo ía fantástico a baixas velocidades, esquivando coches en dobre fila e peóns, así como a 80 quilómetros por hora, sen chegar a escoitar o motor en ningún momento, e incluso escoitando bastante pouco o ruído dos pneumáticos contra o asfalto. Todo un shock, pois cando eu ía aos coches eléctricos de pequeno se algo había era moito ruído, música de gusto discutible e uns prezos por uso elevadísimo (as fichas eran caras de carallo), e agora atopábame nun habitáculo confortable (e moitos máis amplo do que parece por fóra), cunha boa visión da estrada, cunha dirección moi suave, e un control moi preciso da velocidade, podendo acelerar e frear tanto cunha suavidade incrible como cunha brusquidade total (precisamente ao frear hai que ter coidado cos coches que veñan por detrás).

interior do Nissan Leaf

Os paneis electrónicos do Nissan Leaf tamén están moi coidados, cunhas pantallas moi luminosas que nun día como o de hoxe (que parecía de verán) víanse cunha nitidez total, tanto para comprobar a velocidade e o estado do motor como no navegador GPS integrado.

Pero practicamente todas características do vehículo poden resumirse en dúas: grande comodidade tanto para o condutor como para o acompañante (propia dos coches de alta gama) e un nivel de ruído tan baixo que podería competir cun aire acondicionado de Fujitsu. De feito, os únicos elementos que fan ruído no coche son os intermitentes e o climatizador.

interior do Nissan Leaf

Se queredes comprobar o pouco ruído do Nissan Leaf podedes ver un vídeo que gravei co móbil no que a voz de Daniel Seijo e os intermitentes son practicamente o único que pode oírse no interior do vehículo:

Velaquí unhas fotiños que saquei ao coche tras rematar a proba do automóbil:

Non son un apaixonado ao mundo do motor, e para min o importante dun vehículo é que cumpra a súa función de levarme dun lado a outro, pero recomendo darlle unha oportunidade aos coches eléctricos, pois permiten unha experiencia de condución sen igual, son unha alternativa ás enerxías fósiles e, segundo vaian reducindo os atrancos para a súa adopción (que van dende o seu prezo ata a baixa dispoñibilidade de puntos de carga) é de agardar que se convertan na tecnoloxía imperante no mundo do automóbil, primeiro para a condución urbana e, cando mellore a autonomía, de todo tipo de automóbil.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • A tradución automática invade a tenda de Kindle en galego

    Na miña intervención na pasada edición do LGx15 facía algúns comentarios sobre os tradutores automáticos, dando a entender que facían auténticas desfeitas simplemente porque algúns entenden que son ferramentas...