TEDxGalicia 2012: primeira quenda

O pasado venres a axenda de eventos tecnolóxicos en Galicia estaba a rebentar, coincidindo as datas da LaconNetwork en Cabana de Bergantiños, o Culturgal en Pontevedra e o TEDxGalicia...

O pasado venres a axenda de eventos tecnolóxicos en Galicia estaba a rebentar, coincidindo as datas da LaconNetwork en Cabana de Bergantiños, o Culturgal en Pontevedra e o TEDxGalicia en Ourense, e tendo que elixir, eu quedei con esta última proposta, que pese a quedarme moi lonxe da casa, está a converterse en todo un referente cos seus relatorios sobre Tecnoloxía, Entretemento e Deseño en intervencións de 18 minutos.

Vicente de Souza chegou ao TEDxGalicia saltando dende a estratosfera en plan Felix Baumgartner

Para non botar moito rollo nunha única entrada, repartirei as miñas reflexións sobre esta edición do TEDxGalicia en 4, unha para cada quenda de relatorios, que comezaron dun xeito moi orixinal, pois puidemos ver en vídeo a un dos animadores do cotarro, Vicente de Souza, que facía que conectaba coa Tecnópole en San Cibrao das Viñas dende a estratosfera, pasa saltar dende alí e chantarse nun salón de actos no que amenizaban a espera o chelista Carlos García e a bailarina Silvia Miramontes.

¡Batmaaaaan!

O primeiro relator en saír á palestra foi Ricardo Capilla, quen presentouse ante a audiencia como un marciano, e quixo defender a diversidade como camiño para fuxir da mediocridade, e pese a ser un dos persoeiros de máis nome do encontro, foi o que causou un menor impacto, pois a entrada en escena de Mónica Moure de Ceo Aberto, lanzando (¿ou eran bombóns?) ao público para falar do azar, a confianza e as oportunidades, cunha boa oratoria, unha voz moi radiofónica (a algúns lembráballes a Julia Otero) e cunha imaxe na que preguntábamos sobre o rol que queremos tomar na vida tomando como referentes a Batman, Bruce Wayne ou Robin gañouse aos presentes, que só puxeron unha pega á súa charla:

Dios mata un gatito cada vez que alguien nombra a Jobs en una presentación… (esta mensaxe en Twitter de Alberto Alonso Ruibal foi unha das máis populares durante a xornada).

Totalmente esquecible foi a intervención do creativo Miguel Castro de Enyiris, non porque tivese uns contidos pouco interesantes, senón porque pasou todo o rato sen levantar a mirada porque estaba a mirar a súa presentación en vez de ser el o protagonista. Chegou incluso a pasar un bo anaco de costas ao público, o que facía moi difícil prestarlle atención e terlle respecto. Tamén era lamentable que a súa presentación, pese a ter moi pouco texto, utilizase unhas fontes dun tamaño ridículo que facía imposible a súa lectura. Todo un exemplo de como non facer unha presentación en público.

¡Ghaiteiro, ghaiteiro!

Pablo Carpintero cunha mostra de ADN

Pero a grande estrela desta edición de TEDxGalicia foi para moitos Pablo Carpintero, quen chegou cun perfil moi peculiar, xa que é un biólogo, artesán e gaiteiro, que contou aos súas aventuras coa ciencia e a súa vocación como gaiteiro, aproveitando a ocasión para instar aos presentes a seguir as súas paixóns e tamén para reivindicar a protección do noso patrimonio inmaterial (no que estivo a traballar durante anos nun proxecto con recoñecemento internacional pero que quedou sen apoios).

Carpintero atreveuse a pasar olimpicamente do protocolo do evento, saíndose do espazo marcado para os oradores para sacar do seu baúl unha lámina cun fragmento de ADN e mesmo unha gaita da que fixo unha demostración agasallándonos cunha peza. ¡Todo un crack!

Entre as cousas que comentou figuran anécdotas que moitos sentirán como propias, como o feito de que un bo profesor pode facer que te entusiasmes por unha disciplina que poida definir o teu futuro profesional, e incluso espetou frases tan rechamantes como que

Meu pai empezou sendo matachín de porcos e acabou sendo catedrático de matemáticas

Despois de Mónica Moure e Pablo Carpintero, Javier Cebreiros tívoo moi difícil para poder destacar, e incluso tivo que facer fronte a problemas técnicos ao comezo da súa presentación, pero finalmente saíu todo ben e conseguiu transmitir algúns consellos sobre a comunicación e deixar algúns conceptos como que a identidade e a innovación son importantes para trunfar.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS